Puntazo Exprés

PUNTAZO EXPRÉS: EXPLICA EN 5 MIN O TEU PROXECTO EMPRENDEDOR

é unha iniciativa promovida pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra que se vai celebrar o venres 23 de setembro de 2016 durante o Pont Up Store, e enmárcase dentro do proxecto "Pontevedra ten un puntazo" deseñado e promovido por devandita concellaría.

A finalidade deste Puntazo Exprés é facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e representantes de empresas e entidades galegas de renome a través da presentación de 10 proxectos de novo emprendemento, cun formato dinámico e áxil.

Cada unha das persoas seleccionadas deberá presentar a cinco interlocutores/as diferentes un proxecto en concreto (o mesmo para todos/as), contando para iso con cinco minutos por presentación.

É dicir, presentará o mesmo proxecto a cinco persoas diferentes, durante cinco minutos a cada unha.

 

 

 
 

RELACIÓN DE ESCOITANTES

 

Marcos Suárez
Fundador e director de I+D en Qbitia. Licenciado en Física, conta con cinco anos de experiencia en proxectos de investigación na USC. En 2011, xunto con outros tres compañeiros da carreira, funda Qbitia, startup pontevedresa con oficinas en Londres e Chicago, orientada a crear aplicacións para os mercados financeiros. Unha das súas funcións e o deseño de novas funcionalidades a partires do contacto continuo cos clientes a través de marketing dixital e de feiras internacionais. Foi dúas veces xurado no premio nacional Emprendedor XXI de La Caixa e Enisa.

 

Pedro Pérez-Torres Calvar
Licenciado en Dereito e Máster Internacional en Dirección de Empresas do IE. Anteriormente ao seu ingreso na parte marítima do Grupo Pérez Torres, traballou en diversas empresas como PWC (Londres, Reino Unido), Banco Pastor (Madrid, España) ou Grupo Boluda (Madrid, España) e, adicionalmente, participou de forma activa no desenvolvemento internacional da parte industrial do Grupo Pérez Torres en Vitoria, Brasil. Tras ocupar diversos postos directivos en Pérez Torres Marítima, actualmente exerce funcións de Dirección e participa de forma activa no desenvolvemento de negocio en Portugal, ademais de ser Conselleiro en varias sociedades do sector loxístico portuario.

 

Javier Aliste
Javier Aliste é responsable de proxectos en FINSA, está especializado no deseño e desenvolvemento de ferramentas comerciais e promocionais (catálogos, apps, web, etc) É un apaixoado do marketing dixital, e participa activamente no desenvolvemento de campañas comerciais para os diferentes mercados e canles nos que opera FINSA, coordinando eventos promocionais, imaxe corporativa, etc.

 

Idoia Cuesta
Idoia Cuesta é deseñadora e creadora téxtil. Foi premio nacional de Artesanía en 2014, destacando por combinar con mestría tradición, deseño e experimentación. Pezas súas desfilaron en pasarelas de moda como Madrid Cibeles ou participaron en feiras internacionais como Maison&Object (París), Tendence (Frankfurt), Tent (Londres) ou Formex (Estocolmo). Entre as súas numerosas colaboracións compre salientar o traballo desenvolvido coa firma de luxo LOEWE, no desenvolvemento de prototipos e posterior produción de bolsos.

 

María Xosé Fernández
Licenciada en Física e posgrao en Dirección de sistemas de información en entornos de software libre. Dende o ano 2000 dirixe Dimensiona, empresa especializada na consultoría informática e na prestación de servizos no ámbito das tecnoloxías da información e comunicación ofrecendo solucións baseadas en software libre.

Volver arriba

Go to top