Blog

MarSet19

Coñecedes a Fillos do Mar? Son unha marca de moda nacida nas Rías Baixas do máis orixinal. Queredes saber máis? Seguide lendo!

Camisetas Fillos do Mar

1. En primeiro lugar, como definiriades Fillos do Mar?


Para nos nun comezo foi o soño de plasmar en prendas a esencia do mar, tan presente nas vidas de toda persoa que pasou algún tempo preto del dende o noso punto de vista.

2. Que é o que fai especiais os vosos produtos? Cal é (ou son) o voso favorito?

Xogamos coa baza da diferenciación, tratando sempre de poder ofrecer uns deseños moi diferentes o que estamos acostumados a ver nos estantes das grandes cadeas do téxtil, da man dun servicio personalizado, directo e lixeiro.

O produto favorito é o deseño das ILLAS CÍES, o primeiro que lanzamos e o que aínda case dous anos despois sigue partindo diariamente a calquera punto do planeta.

 

3. Cal considerades que é a mellor e a peor parte do proceso de emprender?

 A mellor é a independencia que te entrega, tanto no plano horario, como creativo, etc., etc., o ser dono do traballo dun. O peor a falta de axudas que temos topado por parte dos organismos públicos tanto a hora de arrancar o proxecto como a hora de manter o traballo, xa sexa polas elevadas taxas mensuais de autónomos, ben pola inexistencia de subvencións, etc.

4. O eixo de venda dos vosos produtos é o ámbito online. Como é emprender neste ámbito? Contades tamén con algún punto de venta ou considerádelo para un futuro?

Si, nestes momentos estamos centrados no comercio online, logo de varias experiencias falidas o colaborar con diferentes puntos físicos de venda. Fixemos case un pouco o viaxe a inversa.

Topabamos con que esa “liberdade” da que falabamos fai uns intres, desaparecía, as tendas non comprendían a nosa situación e parecían pretender no maior dos casos obter mais beneficios polo simple feito de vender un produto fronte as nosas tarefas que cobren toda a tarefa produtiva. Chegamos a conclusión de que a nosa maneira de ver o negocio non casa co feito de dispor dun espazo nalgunha tenda física allea a propia marca.

5. Vemos que a vosa actividade en redes sociais é intensísima e que tedes unha comunidade moi activa. Que aportan tanto este medio como os vosos seguidores no desenvolvemento do voso proxecto?

Para o noso desenvolvemento as redes sociais xogaron un papel clave dende o primeiro momento, pois tiñamos claro que dende esas vías podiamos chegar a xente dun xeito como o faríamos cunhas campañas de publicidade que non nos podíamos custear. Axúdannos a ter un contacto directo cos clientes, a recibir constantemente novas recomendacións, críticas, etc.

6. Coma coñecéstedes o Pont Up Store?

A través dun compañeiro que cursa ADE no CUVI da Universidade de Vigo. A el debémoslle a nosa presenza nesta cita.

7. Cales foron as razóns que vos levaron a presentar unha candidatura ao evento?

Principalmente o feito de poder toparnos cara a cara coa xente que segue o noso traballo, poder dar a oportunidade de que se acerquen e poder saír do virtual para charlar de preto.

8. Que esperades obter do evento?

Nunca acudimos a estas citas con pretensións máis alá de seguir aprendendo tanto dos visitantes coma dos compañeiros emprendedores.

9. Xa para terminar. Que consello lles dariades a todos eses novos emprendedores que están comezando o proceso ou se están decidindo a emprender? 

Que sexan conscientes do que supón emprender, que midan moi ben a súa viabilidade e analicen as barreiras que van xurdir no camiño nun país no que tan pouco se axuda neste senso.

 

 

QUEREDES SABER MÁIS DE FILLOS DO MAR OU VER OS SEUS PRODUTOS?

WEB DE FILLOS DO MAR

FACEBOOK DE FILLOS DO MAR

INSTAGRAM DE FILLOS DO MAR

 

Atentos! que mañá comeza o evento e hoxe o blog está que bota fume!!

VenXul29

A organización seleccionou aos participantes entre 115 solicitudes superando as candidaturas recibidas na edición anterior. En setembro seleccionaranse outras 10 empresas que terán a oportunidade de presentar a súa idea de negocio ante 5 grandes marcas e entidades galegas no PUNTAZO EXPRÉS.

 

O PONT-UP STORE chegará en outono a Pontevedra por terceiro ano consecutivo, para consolidarse como evento de referencia do novo emprendemento en Galicia. Despois dun duro proceso de selección, no que se partía dun total de 115 solicitudes de participación recibidas (87 para a modalidade de stand e 28 para actividades de dinamización) escolléronse os 36 proxectos de emprendemento mellor cualificados para ter presenza na carpa que se instalará os días 23 e 24 de setembro na Praza de España de Pontevedra.En canto á procedencia das candidaturas, cerca dun 70% teñen base en Galicia, menos dun terzo na cidade de Pontevedra, e hai algunha presenza puntual de candidatos de Braga (Portugal), Madrid e Xixón.

Todos os proxectos escollidos son novos emprendementos con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a creación da empresa. Participar é de balde, pero os emprendedores seleccionados tiveron que superar un proceso de selección no que se aplicaron criterios de valoración sobre o grao de creatividade, innovación, potencial de crecemento e impacto económico e/ou social, que garantan a diversidade de participantes en canto produtos/servizos, sector de actividade, forma xurídica da empresa e procedencia xeográfica dos proxectos presentados.

Destes 36 emprendedores, 33 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 14 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades de dinamización desenvolvendo propostas tan interesantes como obradoiros para pequenos emprendedores, para facer unha tenda online nunha hora sen coñecementos previos, para adestrar a nosa boa sorte, para aprender a elaborar cervexa, para introducirse na arqueoloxía ou para facer ‘kimchi’. Tamén sesións prácticas de pedagoxía Montessori; montaxe dun coche en equipo; demostracións de robótica; unha gimkana de probas mediante a APP DOGOPLAY, a presentación da revista infantil ALEHOP, contacontos, presentación de discos e ata un programa de radio en directo.

Pedro Figueroa, director Pont-Up Store, destaca “o éxito de convocatoria desta edición na que se conseguiu superar as candidaturas do ano pasado, e houbo que facer un esforzo para combinar as distintas modalidades de participación e dar o máximo número de oportunidades aos emprendedores”. Tamén sinala a “variedade das propostas emprendedoras, cunha ampla presenza de empresas de base tecnolóxica“. Por último, Figueroa afirma que “o futuro de Pontevedra é que se instalen aquí emprendedores e que se convirta nunha cidade innovadora”.

 

Puntazo Exprés

Nesta edición preséntase como unha das grandes novidades unha terceira modalidade de participación que levará por nome PUNTAZO EXPRéS e que nace a partir da experiencia do programa PONTEVEDRA TEN UN PUNTAZO, da Concellería de Promoción da Cidade, encabezada por Anabel Gulías. Esta modalidade abrirá o seu prazo de candidaturas entre o 1 e o 15 de setembro e ofrecerá a 10 novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio ante cinco importantes entidades e grandes empresas galegas de diferentes sectores.

 

Xornada Previa e Programa Paralelo

O Pont-Up Store concentará este ano a actividade en tres días: unha xornada previa o xoves 22; e o espazo emprendedor instalado baixo a carpa da Praza de España o venres 23 e o sábado 24 de setembro. Nesta edición o Pont-Up Store chega cargado de actividades complementarias que suporán un forte atractivo para participantes e visitantes e que contemplará aspectos relacionados co cooperativismo e a economía social nas que destaca unha sesión de Coaching Executivo para persoas emprendedoras en encomia social. As tendencias do ecosistema emprendedor estarán presentes durante todo o encontro a través de sesións de networking gamificado, charlas, obradoiros, unha maratón creativa e un fab lab de impresión 3D e Gravado Láser onde se xuntarán makers de todo o país.

 

ABANCA será a responsable do obradoiro ‘Preparados para o investimento: O que debes saber de finanzas para montar a túa empresa’, que impartirá a coordinadora adxunta de Educación superior de AFUNDACIÓN. AJE, pola súa parte, propón a charla ‘Que a túa empresa brille con luz propia’ na que intervirá Modesto Luis Gómez y Rodríguez, formador de marketing e estratexia do INCYDE. A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela súmase á programación coa presentación ERASMUS PARA NOVOS EMPRENDEMENTOS: Programa de Mobilidade e intercambio de coñecementos con empresarios exeperimentados en Europa, a cargo da experta en programas europeos Belén Mendoza. E a Deputación de Pontevedra, a través do seu asesor TIC, Alberto Falcón, encargarase de impartir o obradoiro ‘Coñece a rede SMARTPEME e comeza a comercializar os teus servizos a través das redes sociais’. O programa complétase cun encontro de emprendemento no ámbito musical e sesións de networking entre os emprendedores de todas as edicións. Ademais, a organización quere ofrecer aos participantes un binomio negocio + ocio con actuacións musicais programadas para a noite do venres 23. O sábado 24 ás 20:30 terá lugar o acto de clausura no que se entregarán os premios aos mellores proxectos de emprendemento.

VenXul22

Tal e como estaba programado, o pasado día 13 de xullo celebrouse a xuntanza do Comité Organizador do Pont Up Store 2016 para valorar as candidaturas presentadas entre o 1 de xuño e o 10 de xullo de 2016 para as modalidades de Stand e Actividades de dinamización. Nesta edición recibimos un total de 115 solicitudes de participación, 87 para a modalidade de stand e 28 para actividades de dinamización, superando así as solicitudes da edición anterior.

En canto á procedencia das candidaturas, un tercio das mesmas corresponden a Cidade de Pontevedra, e as candidaturas restante teñen o seu orixe no resto de Galicia con algunha presencia puntual de candidatos de Braga (Portugal), Madrid e Xixón. O Pont Up Store consolídase así coma o evento de referencia do novo emprendemento en Galicia.

No proceso de selección, tal e como figura nas normas aplicáronse criterios de valoración sobre o grado de creatividade, innovación e potencial de crecemento e impacto económico e/ou social e que garantan a diversidade de participantes en canto produtos/servizos, sector de actividade, forma xurídica da empresa e procedencia xeográfica dos proxectos presentados

Unha vez completado o proceso de selección e aceptación por parte dos proxectos presentados, facemos pública a relación definitiva de participantes no Pont Up Store 2016 (33 participantes con Stand, e 14 con actividade de dinamización)que se celebrará en Pontevedra entre o 22 e o 24 de setembro de 2016 (22 xornada previa, 23 e 24 Pont Up Store).

Inclúese a continuación a relación para a súa descarga en formato pdf

 

Pontevedra a 21 de xullo de 2016
Comité Organizador
Pont Up Store 2016

Go to top