Prensa

XovSet21

A xornada previa do Pont-Up Store quece motores con actividades en toda a cidade

O encontro de emprendemento máis importante de Galicia inaugura mañá a súa cuarta edición

 

Trala xornada previa de hoxe con actividades repartidas por toda a cidade e o FAB LAB a pleno rendemento, o IV PONT-UP STORE abre mañá oficialmente a súa carpa aos mellores emprendementos galegos cun programa cualitativa e cuantitativamente moi superior ao das anteriores edicións, que o posiciona como a principal referencia para emprender en Galicia.

 

Mañá abrirá as súas portas a carpa instalada na Praza de España onde ademais de coñecer os 37 proxectos emprendedores seleccionados para ocupar os stands, o público poderá participar nas actividades de dinamización propostas polos emprendedores. Ás 11:30 está previsto o acto oficial de inauguración con representantes das administracións e os patrocinadores implicados, que realizarán unha visita ao recinto do Pont-Up Store para coñecer as propostas de emprendemento; e a continuación achegaranse a palpar o ambiente crativo do Fab Lab instalado na Facultade de Belas Artes.

Esta edición volve a consolidar a Pont-Up Stpre como o escaparate de emprendementos de referencia en Galicia. Esta vai ser unha edición diversa, innovadora, moi creativa e tamén sostible, cunha alta porcentaxe de propostas que buscan mellorar a vida das persoas desde distintos ámbitos (listado descritivo adxunto). Algunhas destas empresas ofrecerán tamén un programa de actividades de dinamización no espazo central da carpa con propostas como unha innovadora sesión de bionetworking organizada por BIOFUSIÓNATE na que se emprengará a intuición e o xogo para obter información útil na nosa empresa; unha cata de cervexas artesá da marca MEIGA; un obradoiro de KIARE INNOVARTE FLORAL no que aprender a arte floral dos kokedamas; un achegamento en familia ao mundo do álbum ilustrado empregando as nosas vivencias persoais proposto por PLANO PEMENTA; e laboratorios dinámicos de creación cultural e artística de economía social cos que a REDE EUSUMO quere promover a arte a a cultura entre os nenos e nenas desde a perspectiva da economía social, unha abordaxe que tamén estará presente no Encontro Networking da Economía Social organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

 

Primeira xornada a tope de actividade
Na programación destacan as propostas e a implicación de case 40 organizacións involucradas con actividades plantexadas en 12 localizacións diferentes da cidade e arredor de 100 expertos impartindo conferencias, xornadas e obradoiros. A xornada previa de hoxe serviu para quecer motores e recibir aos primeiros emprendedores como público de charlas e encontros en distintos espazos da cidade. A mañá comezou cun ‘Encontro Networking de Economía Social’ na Casa das Campás onde os emprendedores que traballan desde fórmulas como a cooperativa tiveron a oportunidade de manter charlas bis a bis con directivos de entidades como ABANCA ou os GRUPOS DE ACCIÓN LOCAL PESQUEIRA. Entre outras conclusións, lanzouse a demanda de que a administración pública aplique os criterios da economía social nas súas compras, convocatorias e concursos de servizos. Ademais presentouse un directorio de economía social que está sendo elaborado desde o Concello de Pontevedra.

Tamén pola mañá, AJE Pontevedra impartiu na súa sede un ‘Seminario de Marketing dixital e Social Media’; mentres que a Cámara de Comercio plantexou durante a tarde dúas propostas: por un lado casos de éxito impulsados desde a propia Cámara para fomentar e apoiar o emprendemento; e por outra as ‘Oportunidades de financiamento para Emprendedores en Europa’ a través do programa ‘Erasmus para Emprendedores’ que permite a mobilidade e o intercambio de coñecementos con empresarios experimentados en Europa. A Deputación de Pontevedra, pola súa parte, ofrece formación sobre posicionamento SEO a través do obradoiro ‘imos chamar á porta dos teus clientes’, que se celebrou na Aula CEMIT do seu edificio administrativo. A xornada finalizou cun encontro de ‘Familias Creativas’ organizado polo Equipo Sequoia, que mensualmente promove reunión entre persoas en busca de emprego, emprendedoras ou con empresas, coa finalidade de crear rede, compartir coñecementos e intercambiar experiencias para evolucionar en grupo.

 

Actividades para mañá venres
Entre as actividades programadas para mañá, ABANCA propón a sesión de formación exprés ‘Preparado para o investimento? O que debes saber de finanzas para montar a túa empresa’. O mentoring será unha das novidades do programa. A Fundación Ronsel presentará o sábado o Proxecto Youth Business Spain mentres a Asociación Española de Mentoring (AMCES) propón a conferencia “Mentoring como clave do éxito no emprendemento” seguida dunha mesa redonda arredor da importancia de contar cun acompañamento profesional no proceso do emprendemento.

O Laboratorio Creativo de fabricación dixital e impresión 3D presentará a solución impresa xenerada a partir do obradoiro ‘Fabricando Cidade’ que comezou o mércores. Dentro das actividades que se desenvolverán mañá neste espazo o obradoiro ‘Educación, Familia e Tecnoloxía e o taller de robótica Crea R cunha proposta de emprendemento para os maís novos. Ademais, no marco da reunión da comunidade WordPress en Pontevedra (‘Meetup’) vaise organizar a actividade Emprende con Wordpress con diferentes obradoiros para achegar WordPress a calquera que teña interese mostrando casos de xente emprendedora que explicarán como empregaron WordPress crear o seu negocio/proxecto.

 

O emprendemento no ensino
Unha das grandes apostas deste ano é establecer alianzas co ensino para levar ás aulas o espírito emnprendedor do PONT-UP e servir de escaparate para mostrar proxectos innovadores como Pontevan: FP na rúa, un aula de cociña móbil creada entre catro centros de ensino público de Pontevedra (CIFP Carlos Oroza, CIFP A Xunqueira, IES Frei Martín Sarmiento e IES Montecelo e conta tamén coa colaboración da Universidade de Vigo-Quantum Automotive- CimaLab). Os alumnos e alumnas proporán durante dous días unha oferta gastronómica con catro variedades de bocadillos de autor elaborados con produtos da horta do oroza e materias primas galegas de primeira calidade. Mañá venres ás 12:30 presentarán o proxecto na Facultade de Belas Artes apadriñados polo recoñecido foodtrucker Hermes Castro, toda unha isntitución no circuito profesional de comida saudable e gourmet coa súa foodtruck 'Hermes´Journey'.

 

Puntazo Exprés
A última hora da tarde (19-21) terá lugar no sexto edificio do Museo de Pontevedra, a actividade estrela da xornada: o Puntazo Exprés, onde 10 emprendementos terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes empresas e entidades galegas. Entre os escoitantes desta edición estarán, entre outros, Juan Vázquez Gancedo Director Xeral de Bodegas Martín Códax e Presidente do Clúster Alimentario de Galicia; Begoña Ocampo, socia fundadora da cadea de restaurantes La Pepita Burguer Bar; Débora Franco de Vázquez de Monet Viticultura; Xavier Castaño, da consultora Internacional de Proxectos Tecnolóxicos, Igalia; e Isabel Rodríguez Blanquer, directora de operacións da empresa especializada en produtos culturais para a infancia, El Faro de los Tres Mundos.

 

 

Saúdos.
Comunicación | Marián Fernández | Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. | 650579208

 

Inicia sesión para enviar comentarios
Go to top