Blog

LunSet17

Mulleres Atlânticas, a comunidade de emprendedoras que une a mulleres galegas e portuguesas con sal nas veas.

MulleresAtlánticas

Como consecuencia da gran mobilización feminista do 8 de marzo, e tras detectar que Galicia é a comunidade coa maior porcentaxe de mulleres autónomas de España, o 1 de xuño de 2018 naceu unha nova comunidade de mulleres emprendedoras en Galicia. Unha comunidade que une e promove as sinerxías e a xeración de negocio entre mulleres galegas e portuguesas: Mulleres Atlânticas.

Promovida por dúas emprendedoras, Gabi Otero e María Gómez (Vigo e Ourense), a iniciativa Mulleres Atlânticas ten como obxectivos principais empoderar e visibilizar ás mulleres emprendedoras galegas e portuguesas, destacando a calidade dos seus produtos e marcas, e poñendo en valor o talento feminino presente no noroeste da Península Ibérica.

As actividades principais da comunidade centraranse no desenvolvemento e creación de eventos de conexión onde compartir, aprender e dar visibilidade aos proxectos emprendedores levados a cabo por mulleres galegas e portuguesas.

Para formar parte da comunidade, as mulleres emprendedoras e empresarias, contan con 3 posibilidades: formar parte do equipo, ou a Tripulación; colaborar activamente na realización de actividades formativas e eventos; ou facerse membro da comunidade a través das membresías Atlânticas que teñen asociadas diferentes vantaxes.

A comunidade Mulleres Atlânticas estará presente nesta edición do Pont-Up, onde poderás informarte das futuras actividades que teñen entre mans, saber máis do proxecto, e mesmo unirte a comunidade.

 

XovXun29

O evento presentouse hoxe na Asociación de Empendedores de Galicia para ofrecer o seu espazo a novas liñas de negocio da zona da Coruña con tres modalidades de participación gratuítas: stand, presentación ou entrevistas con posibles inversores ou parceiros. As inscricións están abertas ata o 9 de xullo.

 

Esta mañá presentouse na sede de ASCEGA en Coruña a 4ª edición do Espazo de Emprendemento PONT-UP STORE, unha iniciativa liderada polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra. Na presentación participaron Manuel Dafonte, xerente de ASCEGA, Paula Patiño, emprendedora de A Castrexa, Xosé Rodríguez de Dogoplay, Martín Castón de Innovadhoc, Eva Bouza de Travelling Assistant, e Pedro Figueroa, director deste evento que se celebrará en Pontevedra entre o 21 e o 23 de setembro.

 

O director do PONT-UP STORE falou da necesidade de “ofrecer aos emprendedores e emprendedoras espazos onde dar a coñecer o seu proxecto e testalo co público dun xeito que non supoña custes nesa fase inicial de emprendemento.” Figueroa explicou que o Pont-Up Store naceu co obxectivo de dar resposta a esa necesidade e animou ás persoas asistentes a candidatarse e animar a outros emprendementos da área da Coruña.

 

INSCRICIÓNS ABERTAS
O Pont-Up Store ofrece tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades de dinamización dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes empresas e entidades galegas. Entre os escoitantes desta edición estarán, entre outros, Juan Vázquez Gancedo Director Xeral de Bodegas Martín Códax e Presidente do Clúster Alimentario de Galicia; Begoña Ocampo, socia fundadora da cadea de restaurantes La Pepita Burguer Bar; Débora Franco de Vázquez de Monet Viticultura; e Xavier Castaño, da consultora Internacional de Proxectos Tecnolóxicos, Igalia. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades ata o 9 de xullo a través da web www.pontupstore.com

 

PROGRAMACIÓN
Na xornada previa do xoves 21 de setembro haberá unha Alborada Emprendedora plantexada como unha actividade sorpresa para presentar o evento ante a comunidade universitaria e a sociedade, na que a creatividade e a innovación vanse mesturar con actividades que potencien unha vida saudable. Volveremos contar cun Laboratorio Creativo de fabricación dixital e impresión 3D, onde haberá exposicións, demostracións e sesións de iniciación en continuo. Neste espazo desenvolvorase un obradoiro orientado ao urbanismo arredor da temática “Pensando a túa cidade”. FAB LAB SPACE, Camp Tecnológico e R (talleres CreaR) serán algúns dos colaboradores.

O sábado está programada a segunda edición da Xincana Bike orientada a desenvolver a iniciativa, o traballo en equipo e a cooperación entre nenas e nenos ata 14 anos. A proba divídese en 5 zonas cada unha cunha temática marcada e relacionada coa filosofía de emprendemento do Pont-Up Store.

No marco da reunión da comunidade WordPress en Pontevedra (Meetup) vaise organizar a actividade Emprende con Wordpress con diferentes obradoiros para achegar WordPress a calquera que teña interese mostrando casos de emprendedores que nos ensinarán como empregaron WordPress para emprender e crear o seu negocio/proxecto.

 

O EMPRENDEMENTO NO ENSINO
Unha das grandes apostas deste ano é establecer alianzas co ensino para levar ás aulas o espírito emnprendedor do PONT-UP e servir de escaparate para mostrar proxectos innovadores como Pontevan: FP na rúa, un aula de cociña móbil creada entre catro centros de ensino público de Pontevedra. (CIFP Carlos Oroza, CIFP A Xunqueira, IES Frei Martín Sarmiento e IES Montecelo e conta tamén coa colaboración da Universidade de Vigo-Quantum Automotive- CimaLab) que vai achegar a Formación Profesional á rúa e mostrar un proxecto co que o alumnado aprende a innovar, neste caso renovando o concepto de FoodTruck cun vehículo de comida san e de calidade.

 

COMUNIDADE UP
A intervención de Pedro Figueroa estivo acompañada dos testemuños de emprendementos da área da Coruña que participaron na pasada edición do PONT-UP STORE e que xa forman parte da Comunidade Up que engloba a máis de 300 emprendedores e emprendedoras que pasaron xa polo evento e seguen vinculados ás súas actividades. Xosé Rodríguez da empresa de experiencias gamificadas DOGOPLAY agradeceu o soporte que lle deron as voluntarias e voluntarios do Pont-Up e destacou a gran visibilidade que conseguiron en medios de comunicación e redes sociais. Pola súa banda, Paula Patiño da empresa de alimentación delicatessen A CASTREXA centrouse na grande repercusión dos seus productos entre o público xeral que visita a feira. Eva Bouza de TRAVELLING ASSISTANT falou das “facilidades que ofrece o equipo de organización ás emprendedoras e emprendedores durante a celebración do evento a nivel de loxística e servizos todo a custe cero, algo moi importante cando comezas”. Por último, Martín Castón de INOVADHOC, impresión 3D, destacou a oportunidade que ofrece o PONT-UP STORE de “testar o teu emprendemento con segmentos de público de todas as idades e de obter un feedback moi valioso antes de facer grandes investimentos comerciais”.

 

Saúdos.
Comunicación | Marián Fernández | Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. | 650579208

 

 

Go to top