Que é o Pont-Up Store
O Pont-Up Store é unha iniciativa de apoio ao emprendemento, aberta a toda a cidadanía, e que centra os seus esforzos no incremento da cultura emprendedora na sociedade.
No marco do Campus Crea este encontro é unha decidida aposta pola creatividade e o emprendemento para o desenvolvemento persoal e da sociedade en xeral.
Tralo éxito das pasadas edicións, o Pont Up Store 2018 consolídase como ESPAZO DE REFERENCIA DO NOVO EMPRENDEMENTO en Galicia e o noroeste peninsular, como amosan os preto de 200 proxectos emprendedores reais e en funcionamento que son mostra da capacidade de iniciativa e creatividade existente en Galicia e outros territorios do noroeste peninsular.
Trátase dun evento multisectorial con proxectos que proveñen dun gran abano de sectores de actividade procedentes tanto do ámbito urbano coma do rural cunha gran calidade contrastada derivada dun rigoroso proceso de selección das numerosas candidaturas recibidas cada edición.
Por que ir ao Pont-Up Store
Porque é o único evento galego onde se reúnen emprendedores, profesionais, estudantes, inversores, institucións, empresas, patrocinadores e medios de comunicación, para apoiar a innovación, a colaboración, a formación, o financiamento e o emprendemento creativo.
Porque é unha experiencia única e transformadora na que se van dar cita miles de persoas en torno á creatividade, o emprendemento e as súas tendencias. Poderás participar nun extenso programa de charlas, mesas redondas, obradoiros, networkings e demostracións, con poñentes de primeiro nivel que veñen compartir as súas experiencias, o seu coñecemento e o seu tempo cos participantes. Un encontro onde ti serás o protagonista.