Prensa

MerXul26

O Pont-Up Store 2017 converterase en setembro no gran escaparate do emprendemento galego

A organización seleccionou máis de 40 emprendementos entre un total de 123 solicitudes, que nesta edición medraron significativamente en calidade e potencial de desenvolvemento, e amosan un mapa galego de emprendemento máis equilibrado entre as cidades e o rural. As novas tecnoloxías e as enxeñerías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por modelos de negocio e ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da alimentación, a formación, a arte e a cultura, o deseño de moda, complementos e decoración. No encontro participará a empresa galega START-T-CASE que vende a todo o mundo a súa revolucionaria carcasa solar, capaz de recargar no noso teléfono móvil aproveitando a luz solar ou a luz artificial servindo ao mesmo tempo como funda protectora, e coa posibilidade de traspasar a carga a outros dispositivos a través dun sinxelo conector.

 

O PONT-UP STORE chegará en outono a Pontevedra por cuarto ano consecutivo, consolidado xa como o evento de referencia do novo emprendemento en Galicia. Despois dun intenso proceso de selección, no que se partía dun total de 123 solicitudes de participación recibidas, escolléronse os 41 emprendementos mellor cualificados para ter presenza no programa. Destes 41 emprendedores, 33 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 5 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades de dinamización desenvolvendo propostas tan interesantes como unha innovadora sesión de networking emprengando a intuición e o xogo para obter información útil na nosa empresa; unha cata de cervexa artesá; un obradoiro no que aprender a arte floral dos kokedamas; unha sesión de contacontos para promover a arte a a cultura entre a cidadanía; e un achegamento en familia ao mundo do álbum ilustrado empregando as nosas vivencias persoais.

 

Por último, 10 emprendementos participarán no Puntazo Exprés no que terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes empresas e entidades galegas. Entre os escoitantes desta edición estarán, entre outros, Juan Vázquez Gancedo Director Xeral de Bodegas Martín Códax e Presidente do Clúster Alimentario de Galicia; Begoña Ocampo, socia fundadora da cadea de restaurantes La Pepita Burguer Bar; Débora Franco de Vázquez de Monet Viticultura; Xavier Castaño, da consultora Internacional de Proxectos Tecnolóxicos, Igalia; e Isabel Rodríguez Blanquer, directora de operacións da empresa especializada en produtos culturais para a infancia, El Faro de los Tres Mundos.

 

O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, explica que “nesta edición constatouse un importante incremento na calidade dos emprendementos que presentaron candidatura, tanto no seu carácter innovador como no potencial de desenvolvemento”. En canto á procedencia das candidaturas, Figueroa afirma que “o Pont-Up Store consolídase como o referente do novo emprendemento en Galicia cun 50% das solicitudes procedentes de fora da provincia de Pontevedra. Ademais –engadiu- é relevante que preto do 35% das candidaturas procedan de fora das sete grandes cidades galegas, o que é indicativo da boa saúde das dinámicas emprendedoras nas vilas e no rural galego”. O director do Pont-Up tamén destacou que os sectores dos que proceden os emprendementos máis destacados son as novas tecnoloxías e as enxeñarías con apostas moi valentes e innovadoras tamén no ámbito da alimentación; a formación; a arte e a cultura; e especialmente o deseño, moda, complementos e decoración. Pedro Figueroa lamentou non poder acoller a máis emprendementos e explicou que “tras unha selección que, como recollen os obxectivos, procura o maior equilibrio posible entre os diferentes sectores e actividades, houbo proxectos de gran calidade que non puideron ser seleccionados finalmente debido ao límite de prazas dispoñibles”.

 

Todos os proxectos escollidos son novos emprendementos con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a creación da empresa. Participar é de balde, pero os emprendedores seleccionados tiveron que superar un proceso de selección no que se aplicaron criterios de valoración sobre o grao de creatividade, innovación, potencial de crecemento e impacto económico e/ou social, que garantan a diversidade de participantes en canto produtos/servizos, sector de actividade, forma xurídica da empresa e procedencia xeográfica dos proxectos presentados.

Entre os escollidos hai empresas como 7VARAS, que se dedican a facer bicicletas de bambú; outras como PAUS, que venden packs de pegatinas especiais para tapar as cámaras dos nosos dispositivos móbiles e protexernos dos ciberataques; e propostas para facilitarnos a vida como a app ‘Care your Car’ de DEGALTEC, que nos permite xestionar o montemento do noso vehículo desde o noso Smartphone; ou a plataforma SEND2ME de caixas de correo electrónicas que nos premiten recibir as nosas compras online aínda que non esteamos na casa. Tamén participará a empresa galega START-T-CASE, que vende a todo o mundo e que está revolucionando o mundo dos dispositivos móbiles con carcasas que ademais de recargar os nosos teléfonos aproveitando a luz solar ou a luz artificial son ao mesmo tempo fundas protectoras e poden pasar carga a outros dispositivos cun sinxelo conector. Ademais, Pont-Up Store reserva sempre parte do seu espazo a iniciativas empresariais que operan dentro da economía social. Nesta ocasión unha das presenzas máis destacadas é a da marca Bico de Xeado, coa que a cooperativa Granxa O Cancelo foi capaz de transformar un problema como o da cota leiteira nun éxito de mercado ao empregar o excedente de leite na elaboración de xeados cremosos artesanais de alto valor engadido.

Relación definitiva de participantes no PONT-UP STORE 2017

 

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top