Prensa

MarSet19

Abre as portas o Laboratorio de Creatividade e Fabricación Dixital do Pont-Up Store

Un taller permanentemente aberto para que toda a cidadanía poda experimentar coa fabricación dixital; debates sobre a función dos fab labs e os usos da impresión 3D; actividades educativas para familia e docentes; robótica para mocidade; e obradoiros para repensar as nosas cidades, son algunas das propostas que estarán dispoñibles desde mañá mércores ata o sábado en Pontevedra.

 

O Fab Lab do Pont-Up Store inicia mañá a súa programación desde unha nova ubicación. Nesta edición estará instalado moi perto da carpa central do evento, en concreto, nas Salas de Exposicións da Facultade de Belas Artes e da Escola de Restauración, propoñendo exposicións, demostracións e sesións de iniciación á fabricación dixital de forma continuada durante os tres días.

 

Un laboratorio creativo para repensar a cidade
A actividade empezará a bulir mañá mesmo cun obradoiro de creatividade e fabricación dixital organizado por FabSpace Coop e Xeneme Proxectos Sociais, que nos propoñen un título tan suxerente como FABRICANDO CIDADE: analizar os problemas dunha urbe, collendo como exemplo Pontevedra, intentar definir solución innovadoras, deseñalas, facer un prototipado e fabricar eses prototipos con cortadoras e impresoras 3D. O obradoiro celebrarase o mércores e o xoves de 17 a 20 horas. O proceso, os resultados e as pezas fabricadas formarán parte dunha exposición que poderá visitarse o venres.

 

Ven a crear e fabricar, é un convite para que todas as persoas que sintan curiosidade polo mundo da fabricación dixital teñan a oportunidade de experimentar e atreverse a facer a súa propia creación. Haberá demostracións de elementos de construcción xeodésica, un mural de caras, un puzzle de Pontevedra, e construcción de gafas de VR (Realidade Virtual). Este espazo, organizado por FabSpace Coop, é de libre acceso e estará funcionando venres e sábado de 11 a 14:30 e de 16 a 21 horas. A partir desta experimentación tamén se propón un espazo de debate: a mesa redonda FABRICAR NA ERA DIXITAL servirá para falar dos Fab Labs como espazos comunitarios e de participación cidadá e afondar sobre todas as aplicacións, solucións e alternativas que ofrece a fabricación dixital en sectores como o textil, a restauración, a alimentación e o sector naval. Será o venres en horario de 19 a 20:30.

 

O obradoiro ‘Educación, Familia e Tecnoloxía’ organizado polo Camp Tecnolóxico vai dirixido a docentes e familia, dous ámbitos da sociedade diferentes, pero unidos por un mesmo fin: a educación das nosas mozas e mozos. O obxectivo deste obradoiro é realizar unha actividade conxunta relacionada coa robótica, sen coñecementos previos nestas materias, para fomentar as vocacións cinetíficas e tecnolóxicas en idades temperás desde o ámbito docente e a familia. Celebrarase o venres de 16:30 a 20 horas e poden acudir familias, docentes de primaria, e estudantes de maxisterio ou pedagoxía que queiran achegarse ao mundo da programación con scratch.

 

A empresa de telefonía R involúcrase este ano por primeira vez no Pont-Up Store co taller de robótica Crea R, un proxecto de emprendemento dirixido aos maís novos e realizado en colaboración coa empresa Líbolis, que se presentou no pont-Up Store hai dous anos. Os participantes terán que solucionar un reto proposto dunha maneira creativa e en equipo. O reto consite en construír unha canastra cun contador electrónico que marque os tantos. O obradoiro ten unha parte de programación e outra de construción dun prototipo. Será o sábado en horario de mañá para nenas e nenos de 7-8 e 9-11, e pola tarde para a franxa de idade de 12 a 15.

 

Emprende con Wordpress
Dentro da programación dixital e tecnolóxica tamén hai que destacar o encontro organizado pola Asociación WordPress Pontevedra os días 21 e 23 con diferentes obradoiros e casos de éxito para facer un achegamento intensivo á ferramenta WordPress, o popular xestor de contidos dispoñible en galego e empregado por máis de 60 millóns de blogs. Esta sesión de meetup serviralle a WordPress Pontevedra como evento de presentación e tamén para recordarnos as múltiples razóns do éxito da plataforma. Participarán tres destacados membros da comunidade WordPress, amosando a súas experiencias e diferentes recursos para tirarlle o máximo proveito, tanto no eido comunicativo como no profesional e no empresarial. Trátase de Mauricio Gelve, referente na comunidade española de WordPress e co-organizador de WordCamp Madrid, ademais de relator e desenvolvedor; Ibon Azkoitia, outro destacado membro da comunidade nacional e internacional, organizador do WordCamp Bilbao; e para rematar Lúa Louro, deseñadora e desenvolvedora de WordPress que desde O Ézaro lanzou a súa carreira logo de estudar Belas artes en Pontevedra grazas a WordPress.

 

 

Saúdos.
Comunicación | Marián Fernández | Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. | 650579208

 

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top