Prensa

LunSet18

Pontevan, a aventura emprendedora que naceu na escola

Esta fin de semana o Pont-Up Store abre por primeira vez o seu espazo a iniciativas emprendedoras xurdidas no ámbito do ensino, co obxectivo de contribuír a espertar nos máis novos o espírito do emprendemento. O proxecto que abre esta liña de traballo é Pontevan, unha foodtruck de comida saudable ideada por alumnos de catro centros de FP de Pontevedra que presentará as súas propostas gastronómicas avalada polo recoñecido foodtrucker Hermes Castro, cociñeiro e propietario da prestixiosa foodtruck Hermes´Journey.

 

O proxecto PonteVan naceu do espíritu innovador de catro centros de ensino público de Pontevedra: CIFP Carlos Oroza, CIFP A Xunqueira, IES Frei Martín Sarmiento e IES Montecelo. Cada un deles fixo a súa aportación no ámbito da súa especialidade para levar a cabo esta proposta innovadora baseada fundamentalmente no concepto “learning by doing” (aprender facendo).

Un equipo multidisciplinar de 30 profesores e máis de 60 alumnos traballaron e traballan neste proxecto cuxo obxectivo é poñer un vehículo de comida na rúa. Realizouse o deseño integral dun vehículo que funcionará como aula móbil de cociña elaborando productos sans, naturais e que respecten cando sexa necesario alerxias e intolerancias alimentarias. Ofreceremos tamén un servizo de información a todos aqueles colexios e centros públicos que queiran participar da nosa proposta.

Neste proxecto colaboraron entidades públicas e privadas (Hedomin-Inelsa, FAGOR Industrial, CimaLab, Universidade de Vigo, Martínez Otero Contract SL e Galtex 2015), que ofreceron apoio técnico e asesoramento operativo, así como métodos de producción e medios que axudaron ao desenvolvemento das liñas básicas do proxecto. O CIFP A Xunqueira realizou a modificación integral a modo de “Food-truck” dun vehículo. O IES Montecelo realizou as labores de deseño exterior do vehículo e dos materias necesarios para o servizo de elaboracións (pratos, vasos, cartelería promocional,…). O CIFP Carlos Oroza e o IES Frei Martín Sarmiento traballaron en equipo para o estudio de elaboracións culinarias axeitadas a cada un dos casos concretos (actividades en colexios promocionando menús saúdables, oferta gastronómica específica para colectivos con algún tipo de alerxia ou intolerancia alimentaria, menús que fomenten os productos tradicionais da comarca,…).

PonteVan estará presente na carpa principal de Pont Up Store os días 22 e 23 de setembro. O principal obxectivo desta participación é promover o emprendemento dende o punto de vista da FP, tendo presente a filosofía do proxecto e o espíritu de asociación de centros educativos públicos e entidades públicas e privadas. O alumnado terá unha oportunidade de facer un exercicio real de emprendemento testando as respostas con clientela real, con produto real e cun balance custo/beneficio real a través dun servizo de comida na rúa.

Desde as 11 da mañá ata as 9 da noite do venres e do sábado, o alumnado do CIFP Carlos Oroza proporá unha oferta gastronómica variada na PonteVan, con catro variedades de bocadillos de autor, ideados polos alumnos e elaborados con produtos da horta do Oroza e materias primas galegas de primeira calidade. O venres 22 ás 12.30 da mañá, no salón de actos da Facultade de Belas Artes, realizarase unha exposición do proxecto aberta ao público en xeral (emprendedores, alumnado, profesorado doutros centros, interesados,…) onde participarán representantes dos centros educativos promotores de PonteVan, e un foodtracker recoñecido no circuito profesional de comida saudable e gourmet como é Hermes Castro, cociñeiro e propietario da food truck Hermes´Journey.

 

VÍDEO PONTEVAN: https://www.youtube.com/watch?v=S9OELmoOpvA 

 

Saúdos.
Comunicación | Marián Fernández | Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. | 650579208

 

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top