Prensa

SabXun09

Aberto o prazo para presentar candidaturas

O encontro de emprendemento máis importante de Galicia arranca cunha campaña que reivindica o ‘Talento Transformador’ como enerxía para cambiar o mundo, e que está protagonizada por unha emprendedora heroína retrofuturista inspirada nos videoxogos. Este 5º encontro xirará arredor da tecnoloxía e a aprendizaxe e dedicará parte da programación a celebrar dun xeito moi especial estes cinco anos de percorrido.

Xa é posible presentar proxectos para participar na 5ª edición do Encontro de Emprendemento PONT-UP STORE que se celebrará os días 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España de Pontevedra. Esta iniciativa, liderada polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, é froito da cooperación de máis de 35 entidades públicas e privadas que durante estes cinco anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Inscricións abertas Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades de dinamización dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 4 mulleres escoitantes, representantes de importantes empresas e entidades galegas, coa novidade de que este ano as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das escoitantes. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades desde mañá 29 de maio ao 8 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 24 de xullo.

 

Cinco anos conectando emprendedores

Desde hai dúas edicións o PONT-UP STORE conta oficialmente cunha Comunidade UP! que reúne a todas as persoas emprendedoras que van pasando polo encontro, tecendo unha gran rede galega de emprendemento. Esta comunidade, que protagonizou a campaña da pasada edición, será nesta ocasión o eixo central das celebracións do 5º Aniversario, na que se inclúen a exposición ‘Cos cinco sentidos’, e tamén xornadas de presentacións e networking gamificado.

 

O Talento Transformador de Kore

A campaña deste ano está inspirada no periplo dunha intrépida moza, decidida a lograr o éxito da súa misión emprendedora grazas ao impulso que recibe no PONT-UP STORE. A acción trasládanos a unha Pontevedra retrofuturista situada nun mundo paralelo, onde o talento é a enerxía capaz de transformar o mundo. A nosa protagonista chámase Kore, un nome que na mitoloxía grega fai referencia á deusa da iniciativa, a curiosidade e a renovación. A rapaza recibe unha chamada á aventura, lánzase, cruza o limiar, abandona a súa realidade e adéntrase nun mundo descoñecido onde recibe a axuda dun pequeno robot que sostén nas súas mans e que a vai guiando cara o seu obxectivo. Neste punto atópase a escena que se representa na ilustración da campaña, obra de Iván Pan, de Seele Comunicación, unha das empresas que forma parte da Comunidade UP!. Kore chega ao seu primeiro destino, a estación flotante do PONT-UP STORE, onde espera atopar a axuda e o impulso que precisa para seguir a viaxe, un lugar onde expoñer o seu proxecto e talento, pero tamén un lugar de encontro, de cooperación, de aprendizaxe, de proxección, de recursos que explotar. A estación orbita sobre a cidade de Pontevedra xerando expectación, curiosidade e admiración, revelándose como unha estrutura capaz de xerar enerxías poderosas e atraer talento. A nosa protagonista sábese diferente, especial, non vai co resto, ten algo, ese algo, que non sempre se alcanza a ver ata que eclosiona. Esta historia, que bebe da tradición dos videoxogos, foi escollida polo comité do PONT-UP STORE co obxectivo de que se converta nunha inspiración motivadora para todas as persoas emprendedoras que decidan achegarse ao PONT-UP STORE desde calquera punto de Galicia e do resto do Estado para amosar o seu TALENTO TRANSFORMADOR.

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top