Prensa

VenXun22

Xira de presentacións polas principais cidades galegas

 

Despois de ser presentado en Pontevedra hai pouco máis duna semana, o Encontro de Emprendemento máis importante de Galicia visitará nos próximos días Coruña, Lugo, Santiago e Ourense, para dar a coñecer o programa do evento, os requisitos e modalidades de participación e as oportunidades que ofrece a través das experiencias de empendedoras e emprendedores participantes en anteriores edicións.

 A 5ª edición do Encontro de Emprendemento PONT-UP STORE que se celebrará os días 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España de Pontevedra, consolídase como a cita de referencia do emprendemento galego cunha xira de presentacións nas principais cidades do país. En cada unha destas sesións informativas, o director do encontro Pedro Figueroa, terá como aliadas a persoas responsables de entidades patrocinadoras e a representantes de distintos emprendementos participantes en anteriores edicións, que forman parte da COMUNIDADE UP!, un grupo de traballo que se foi construíndo ao longo das catro edicións celebradas ata agora co obxectivo de tecer redes e explorar sinerxias entre as empresas que entran na órbita do Pont-Up Store.

O Pont-Up Store é unha iniciativa liderada polo Campus CREA de Pontevedra da Universidade de Vigo, co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal e outros 11 patrocinadores máis entre os que se atopan importantes partners como AbancaR ou Google; e de moitos outros colaboradores que que durante estes cinco anos foron sumándose a este encontro no que cooperan máis de 35 entidades públicas e privadas ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converterse no punto de encontro das mellores iniciativas empresariais.

Nesta edición, o Pont-Up Store reivindica o 'Talento Transformador' como enerxía para cambiaro mundo e presenta un programa baseado na tecnoloxía, a gamificación e o desenvolvemento de competencias dixitais. O encontro, que este ano presentará arredor de 50 novos emprendementos, vai celebrar dun xeito especial estes cinco anos de percorrido. 

Xira 2018

O percorrido comezará o martes 26 na Coruña, cunha presentación ás 19:30 na Sala de Prensa de Afundación (R/ Estrella 21-22). Acompañarán a Pedro Figueroa responsables de Abanca e R e tamén representantes de empresas coruñesas que participaron en anteriores edicións do encontro: Xosé Rodríguez González de DOGOPLAY; Martín Castón de INNOVADHOC; e Paula Patiño de A CASTREXA.

 O mércores 27, o Pont-Up Store presentarase en Lugo ás 19:30 no espazo 'La Ferretería' (R/San Froilán 11) coa presenza de tres emprendementos da COMUNIDADE UP!: Alejandra Iglesias e Rebeca López de MI MADRE NO ME DEJA; Miriam Basanta Hermida do ATELIER DE YAIZA WEDDING PLANNER & DESIGNER; e Alejandro Feijóo Iglesias de BIORGANIZACIÓN.

O xoves 28 o Pont-Up Store visitará a capital galega. alí, a presentación desenvolverase no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago coa participación da súa responsable, Rosa Cadeso e de Belén Mendoza, coordinadora do Programa Erasmus Young Entrepreneurs, unha iniciatuva promovida pola Cámara de Comercio de Santiago que leva xa dúas edicións tendo presenza no Pont-Up Store e facilitando proveitosos intercambios europeos para as emprendedoras e emprendedores galegos. Tamén contaremos coas experiencias dos emprendementos NEUKOS, representado por Marcos Alonso; 7H, representado por Clara Rodríguez Cordeiro; e Tamara Rodríguez de IN&S COMUNICACIÓN

A xira rematará o luns 2 de xullo en Ourense, cunha presentación ás 12:00 no Salón de Graos do Edificio de Facultades do Campus de Ourense (Edificio de Ferro, Rúa Doutor Temes Fernández) onde Pedro Figueroa estará acompañado unha persoa responsable da Vicerreitoría do Campus de Ourense, e por representantes de empresas da COMUNIDADE UP!: Martiño Xosé Vázquez de XEITURA; Nuria Sotelo de PROFOCUS; e Eva González de VEIGAS DO SABUGUEIRO.

Inscricións abertas
Desde o pasado 29 de maio está aberto o prazo para presentar candidaturas a través da web www.pontupstore.com. Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades de dinamización dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 mulleres, representantes de importantes empresas e entidades galegas, África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa spin-off NanoInmunoTech (NIT) con sedes en Vigo, Zaragoza e Madrid; Nuria Varela-Portas, xerente e fundadora da empresa de agroalimentación ecolóxica, Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; Lucía Gregorio, adxunta a dirección de REDEGAL, empresa punteira en e-commerce e apps para IOS, Android e Windows Phone; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú producciones, considerada unha das mulleres máis poderosas da televisión. 
Este ano, como novidade, as presentacións de PUNTAZO EXPRÉS serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das escoitantes. A convocatoria para inscribirse en calquera das tres modalidades de participación do PONT-UP STORE permanecerá aberta ata o 8 de xullo e a decisión do comité organizador farase pública o 24 de xullo.

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top