Prensa

MarAgo28

Abre o prazo para inscribirse nos workshops inéditos que Google impartirá no Pont-Up Store

 

Está a punto de comezar a quinta edición do PONT-UP STORE, unha iniciativa de apoio ao emprendemento, aberta a toda a cidadanía, que centra os seus esforzos no incremento da cultura emprendedora na sociedade. Durante tres días Pontevedra acollerá en distintos puntos da cidade máis de 40 actividades con propostas innovadoras pensadas para orientar e axudar ás persoas que están no camiño do emprendemento. Este ano súmanse ao programa varias actividades impartidas por GOOGLE nas que xa é posible inscribirse.

 

O PONT-UP STORE chegará en outono a Pontevedra por quinto ano consecutivo, consolidado xa como o maior encontro do novo emprendemento en Galicia. Unha experiencia única e transformadora na que se van dar cita centos de persoas con talento, creatividade, e espíritu emprendedor entre o 20 e o 22 de setembro.

O punto central volverá ser a carpa situada na Praza de España o venres 21 e sábado 22 de setembro, onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. A organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición. Este ano, ademais, duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse notablemente a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sostible de moitas delas.

Esta edición confirma tamén un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas. As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural. Destas 45 empresas, 37 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas tan interesantes como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans e xincana canina en alianza con Cans Terapia, un  obradoiro de robótica para aprender a montar un Stick Arcade basado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, unha demostración de técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables, ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.
 
A pouca distancia da Praza de España, nas instalacións da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos a partir do xoves 20, un total de 7 obradoiros dirixidos a diferentes públicos, que terán a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital e adentrarse tamén no mundo da robótica. Estreamos o Espazo Gaming, para achegar o emprendemento da man dos videoxogos, a través de torneos e varios talleres prácticos que se desenvolverán na Escola de Restauración e que serán retransmitidos por un coñecido caster. No Espazo ECOBAS ofreceranse actividades para proporcionar formación e recursos a aquelas persoas emprendedoras que aposten pola economía social; e haberá tamén un Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor, onde contamos por primeira vez co apoio de Google.
 
Actividades Google
Este ano o Pont-Up Store conseguiu sumar como empresa convidada a Google que impartirá por primeira vez en España o Workshop I am Remarkable, unha iniciativa para empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Esta actividade está dentro dos obxectivos de visibilización do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización. Unha facilitadora dirixirá esta actividade que ten como público obxectivo a mulleres que queiran emprender ou que estean na procura de emprego. Celebrarase na aula do segundo andar da Casa das Campás (Rúa Don filiberto 9-11) o xoves 20 en horario de 11:00 a 12:30 (inscrición: https://goo.gl/forms/ml2gT65qncmU8bSz2) e o venres 21 en horario de 12:30 a 14:00 (inscrición: https://goo.gl/forms/3kt5DJSjt2Gcm1ng2). Os dous workshops teñen un aforo máximo de 15 mulleres.
 
Ademais, Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título ‘Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés’ impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais. Ao remate da sesión informativa será posible consultar dúbidas con ela en sesión individuais. Terá lugar o xoves de 17:00 a 18:45, tamén na Casa das Campás. O público obxectivo son homes e mulleres que queiran emprender ou redirixir a súa carreira, pero está aberto a calquera persoa. O aforo é de 50 persoas.
A inscrición en https://goo.gl/forms/PEzeTLUBNkAbtQOu2
 
Puntazo Exprés
O venres 21, de 19:00 a 21:00, celebrarase na Casa das Campás, Por último, 10 a terceira edición do Puntazo Exprés, onde 10 novas empresas galegas terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes executivas de grandes empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa spin-off NanoInmunoTech (NIT) con sedes en Vigo, Zaragoza e Madrid; Piedad Varela-Portas, socia, cofundadora e responsable de comunicación e RSE da empresa de agroalimentación ecolóxica, Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; Lucía Gregorio, adxunta a dirección de REDEGAL, empresa punteira en e-commerce e apps para IOS, Android e Windows Phone; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú producciones, considerada unha das mulleres máis poderosas da televisión. Este ano, como novidade, as presentacións de PUNTAZO EXPRÉS serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das escoitantes.
 
Podedes descargar aquí o programa completo en pdf e ver aquí o resumo por días.

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top