Prensa

MerSet05

O Pont-Up Store presentará as liñas de negocio con máis potencial de crecemento en Galicia

Comida do futuro, tecnoloxía que nos soluciona a vida, videoxogos, proxectos con repercusión social, varias propostas arredor das cada vez máis numerosas mascotas, turismo colaborativo, cosmética orgánica de autor... Queda claro que en Galicia hai TALENTO TRANSFORMADOR e ímolo comprobar en Pontevedra dentro de dúas semanas na 5ª edición do encontro de Emprendemento PONT-UP STORE. Confírmase, ademais, un mapa empresarial galego con gran potencial tecnolóxico e cunha clara tendencia de emprendemento rural que aposta por innovar desde vilas e pobos pequenos sen renunciar a unha vocación de vendas globais. 

As empresas que van participar na 5ª edición do PONT-UP STORE sorprenden pola variedade de propostas, polo talento e creatividade, pola aposta de innovación desde distintos ámbitos, polo compromiso social de moitos proxectos e pola vontade de apostar por un rural que o emprendemento galego non parece disposto a deixar esmorecer. O encontro celebrarase en Pontevedra os días 20, 21 e 22 de setembro na carpa instalada na Praza de España de Pontevedra e con máis de 40 actividades programadas en distintos puntos da cidade. As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural. Serán en total 45 empresas participantes combinando nalgúns casos varias modalidades de participación: 37 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos; 10 participarán no formato Talent Bussiness ‘Puntazo Exprés’ e outras 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas do espazo central da carpa, desenvolvendo propostas tan interesantes como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un  obradoiro de robótica para aprender a montar un Stick Arcade basado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables, ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.
 
A comida do futuro
Unha das grandes apostas ven da man da gastronomía ligada a procesos tecnolóxicos. A empresa viguesa EXGA3D emprega a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos que sorprenden e que ademais poden achegar solucións ao mundo da saúde elaborando por exemplo pílulas médicas con formas e sabores de froitas ou doces, ou peixe para a cativada con formas máis divertidas e apetecibles. O proxecto está trunfando a nivel internacional e xa conta co apoio do Basque Culinary Centre. O sábado ofrecerán un obradoiro para ensinarnos a imprimir a nosa propia comida. Canda eles, outras dúas propostas de comida que apuntan ao futuro, a pontevedresa Natural Snack Lab elabora Fruitah! o que eles chaman ‘froita para levar no peto’, caixiñas de snacks feitos a base de puré de froita deshidratada natural 100% sen conservantes, colorantes nen azúcares engadidos, que semellan lograr o imposible, comer chuches saudables. E igual de saudable é a proposta viguesa de Hashtag Saludable, unha empresa que ofrece un plan integral de vida sana reeducando hábitos e ofrecendo obradoiros de cociña saudable que van unidos a plans de exercicio. As innovación grastronómica continúa cunha apetecible alianza entre Cervexas Meiga e Apícola Regueira para ofrecernos cervexas con mel e hidromel; tamén as altas conservas de O Submarino que achega unha nova visión ao mundo das conserveiras elaborando varias receitas con ostras e engadindo toques tan galego como puré de castaña. Xa venden as súas conservas e packs de ‘merenda galega’ a toda España. O obrador lácteo artesanal de Bisqato, os tés 100% naturais de Teagarimo completan as propostas gastronómics desta edición.
 
Tecnoloxía que nos soluciona a vida
Esta quinta edición do encontro destaca especialmente polas empresas de ámbito tecnolóxico que achegan solucións de éxito para unha manchea de sectores. Muutech é unha startup viguesa enfocada a desenvolver sistemas de información que se empregan para monitorizar os procesos máis complexos, sobre todo da industria automovilística e de loxística de distribución.  Edilicia BIM está xa traballando nun dos negocios con máis futuro, a tecnoloxía BIM, unha metodoloxía de traballo para xestionar datos e corrixir erros en grandes infraestruturas e proxectos de edificación que xa se emprega con éxito nos países nórdicos e anglosaxóns e que se prevé que sexa de uso obrigado en España para licitacións de infraestruturas públicas en xullo de 2019. A empresa de Lugo Data Monitoring desenvolve dispostivos e software para monitorizar en remoto procesos indstriais achegando o 4.0 a todos os sectores. Xtonebox sorprende recuperando a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade. O Taller 7 MakerSpace fabrica prototipos a medida empregando a tecnoloxía de impresión 3D e pon o seu talle a disposición dos clientes para que materialicen as súas ideas. WinboxApp propón unha plataforma para poñer en contacto directo a compradores e vendedores sen intermediarios; unha alternativa para aforrar búsquedas e resolver anuncios de venta empregando unha soa aplicación. Dronalia oferta un amplo abano en torno aos drones con venta directa, cursos e servizos para diferentes sectores e necesidades.
 
Porque xogar tamén é un negocio
Sorpende atopar en Pontevedra a unha empresa como SPA-CC que traballa no deseño de entornos visuais para videoxogos e tamén a unha asociación como Gaming Troop é unha asociación que agrupa a centos de gamers entre os que promove o compañeirismo, a competitividade sana, o desenvolvemento de habilidades individuais e en grupo, pero sobre todo a filosofía de pasalo ben. Teñen un local en Pontevedra e equipamentos para desenvolver todas estas actividades. Ofrecerán torneos arredor de diferentes videoxogos o venres e o sábado. E desde Lugo The Cloud Gaming plantéxanos o divertido reto de descubrir os e-sports cunha aposta moi potente para impulsar e profesionalizar esta rama dos videoxogos en España, onde existe unha demanda crecente que aínda non atopa contidos suficientes. Aí esperan atopar o seu nicho.
 
Alma de viaxeiros e de anfitrións
O sector do turismo tamén pula con forza con propostas tan interesantes como Trazers, unha rede social de turismo colaborativo baseada en contidos multimedia xeolocalizados onde cada viaxeiro pode compartir co mundo as súas experiencias. E como anfitrións non hai quen nos gañe, tanto por terra como por mar. Mentres Bluscus ofrece experiencias de turismo mariñeiro únicas e a escola Waipia Surf nos pon en contacto coas ondas do mar, Amarelas ábrenos as portas do campo convidándonos a disfrutar desde Silleda dunha Galicia auténtica, agarimosa, apetitosa e aventureira, con sonidos e tamén con silencios.
 
Con vocación de axudar
Para a organización do encontro é alentador comprobar como cada edición chegan ao Pont-Up Store máis iniciativas empresariais que operan dentro da economía social ou que basean o seu modelo de negocio no retorno á comunidade. Nesta edición, contaremos coa cooperativa Músicas ao Vivo e con varias propostas nas que destaca a compoñente social como Periféricas, escolas de feminismos alternativos; Mulleres Atlánticas, unha comunidade de emprendedoras galegas e do norte de Portugal; ou MY Little Piura deseños sostibles con alma solidaria, que contribúe cos seus deseños a financiar proxectos da ONG Canat en Perú.
 
Os animais son tendencia de emprendemento
É reveladora a cantidade de negocios que nesta edición presentan propostas relacionadas cos animais que nos acompañan no día a día e que xa son un membro máis da familia, en ocasións con funcións moi valiosas. Yaracan facilita terapias con animais;  Aliadogs é unha plataforma online colaborativa de servizos caninos; e Bichoh! fabrica complementos artesáns para cans.
 
Nacid@s para emprender
O emprendemento nace de calquera idea, dende a máis complexa ata a máis sinxela, esa que parece tan obvia pero que nunca se lle tiña ocorrido a ninguén. Cajas Azules aluga caixas para mudanzas ou calquera necesidade de transporte e almacenamento de obxectos. El Asegurado Enterado fai por nós esa ingrata tarefa de comprender e ter claro que é o que cubre o noso seguro, que nos asesoran sobre o seguro que máis nos convén e a súa letra pequena e que mesmo nos botan unha man cando estamos no medio dunah lea coa nosa aseguradora. Desde Vigo, Diecisietecosas demostra que o espíritu emprendedor lévase tatuado na pel, como rezaba o claim da nosa primeira edición. Patricia, a súa creativa, combina o seu traballo de xornalista con esta marabillosa adicción polas cousas bonitas en forma de bisutería e accesorios con miles de seguidoras e que xa compran moitas celebrities e blogueras de moda. Tamén desde Vigo e dentro do mesmo sector do coidado persoal, Kooch Green Cosmetic dá resposta a un público que cada vez máis demanda cosméticos orgánicos e veganos totalmente respetuosos co medio, cos animais e coa nosa pel.

Relación definitiva de participantes no Pont-Up Store 2018

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top