Prensa

XovSet13

Pont-Up mostrará o Talento Transformador de Galicia

A 5ª edición do encontro presenta un programa con máis de 40 actividades, unha carpa con 45 startups e un ’talent bussiness’

Tres intensos días de actividades, ideas de negocio, obradoiros, workshops, charlas inspiradoras e presentación de novas iniciativas empresariais. isto é o que ofrece o programa do 5º Encontro de Emprendemento Pont-Up Store, presentado este mediodía en Pontevedra e onde poderemos atopar comida do futuro, tecnoloxía que nos soluciona a vida, videoxogos, proxectos con impacto social, varias propostas arredor das cada vez máis numerosas mascotas, turismo colaborativo, cosmética orgánica de autor... Queda claro que en Galicia hai TALENTO TRANSFORMADOR.

Este mediodía presentouse en Pontevedra o programa oficial da 5ª edición desta cita que se consolida como o referente para mostrar o emprendemento galego. No acto participaron Carme Fouces, concelleira de Cultura, Educación e Igualdade de Pontevedra; Javier Dios, deputado de Innovacion e Promoción Económica da Deputación de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do PONT-UP STORE. Fouces falou da importancia de desenvolver tecidos empresariais e de construír canles para mostrar o talento da Universidade. A concelleira tamén celebrou que nesta edición se aposte dun xeito importante polo rural do noso país que asegurou “precisa unha mirada diferente e unha vinculación coa tecnoloxía”. Pola súa parte, Javier Dios reafirmouse, como en anteriores edicións, na importancia de apoiar a cultura emprendedora “que é unha das apostas da Deputación a través de iniciativas que abarcan diferentes ámbitos e rangos de idade empezando pola escola”.  O vicerreitor Jorge Soto definiu o encontro como “tres días ilusionantes de cultura emprendedora e de apoio importante á economía social”. Aplaudiu o traballo do comité á hora de seleccionar “unhas propostas de gran calidade” e lembrou que “a Universidade ten un equipo traballando de forma permanente en varias iniciativas enfocadas a apoiar o emprendemento do noso alumnado”.
 
Por último, Figueroa foi debullando un programa con máis de corenta actividades repartidas por toda a cidade que empezará o xoves 20 ás 11:00 cun dos dous workshops I am Remarkable que Google vai impartir por primeira vez en España durante este encontro. O obxectivo do workshop é empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Esta actividade está dentro dos obxectivos de visibilización do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización. Unha facilitadora dirixirá esta actividade que ten como público obxectivo a mulleres que queiran emprender ou que estean na procura de emprego. Celebrarase na aula do segundo andar da Casa das Campás (Rúa Don filiberto 9-11) o xoves 20 en horario de 11:00 a 12:30 (inscrición: https://goo.gl/forms/ml2gT65qncmU8bSz2) e o venres 21 en horario de 12:30 a 14:00 (inscrición: https://goo.gl/forms/3kt5DJSjt2Gcm1ng2). Os dous workshops teñen un aforo máximo de 15 mulleres.

Ademais, Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título ‘Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés’ impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais. Ao remate da sesión informativa será posible consultar dúbidas con ela en sesión individuais. Terá lugar o xoves de 17:00 a 18:45, tamén na Casa das Campás. O público obxectivo son homes e mulleres que queiran emprender ou redirixir a súa carreira, pero está aberto a calquera persoa. O aforo é de 50 persoas. A inscrición en:
https://goo.gl/forms/PEzeTLUBNkAbtQOu2
 
O punto central volverá ser a carpa situada na Praza de España o venres 21 e sábado 22 de setembro, onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. A organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición. Este ano, ademais, duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse notablemente a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sostible de moitas delas. Esta edición confirma tamén un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas.

As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural. Destas 45 empresas, 37 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas tan interesantes como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un  obradoiro de robótica organizado por R e Líbolis para aprenderlles a pequenas e pequenos de entre 7 e 13 anos a montar un Stick Arcade basado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables, ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo, que rematará co concerto de The Soul Breakers.

A protagonista desta edición, a emprendedora Kore, estará tamén presente a través de accións performativas que terán lugar en diferentes localizacións durante os tres días do encontro. Como imaxe desta edición, Kore visibiliza á muller como emprendedora e acompaña un programa palnificado con perspectiva de xénero.
 
A pouca distancia da Praza de España, nas instalacións da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos a partir do xoves 20, un total de 7 obradoiros dirixidos a diferentes públicos, que terán a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital de instrumentos musicais, e de adentrarse tamén no mundo da robótica. Estreamos o Espazo Gaming, para achegar o emprendemento da man dos videoxogos, a través de torneos e varios talleres prácticos que se desenvolverán na Escola de Restauración e que serán retransmitidos por un coñecido caster. No Espazo ECOBAS ofreceranse actividades para proporcionar formación e recursos a aquelas persoas emprendedoras que aposten pola economía social con propostas como unha Aceleradora para a innovación e consolidación de entidades de economía social e solidaria; e haberá tamén un Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor, onde ademais das actividades de Google, teremos a oportunidade de asistir ao obradoiro de A Redeira arredor das ‘familias creativas’ ou de compartir as ideas e historias inspiradoras que achegará a comunidade do programa de Erasmus para Emprendedores/as dentro da sesión ‘Worldwide Adventures Speaking stories with international entrepreneurs’.
 
O Pont-Up Store estase convertendo en punto de encontro anual para moitase entidades e asociacións do ecosistema emprendedor. É o caso de AJE, ou do Meetup especial da Comunidade de Wordpress de Pontevedra, a presentación da Rede Galega de Coworking, ou o Encontro anual da Asociación Española de Mentoring e Emprendemento que incidirá sobre a necesidade de incrementar a presenza feminina como mentoras, especialmente en disciplinas tecnolóxicas. E como contrapunto lúdico, dentro deste mesmo bloque de actividades, está programada a Carreira das empresas, que propón unha xincana por Pontevedra e arredores, na que os participantes deberán demostrar as súas competencias para traballar en equipo, lideralo, tomar decisións correctas e consensuadas, e resolver os problemas que xurdan. En total serán máis de 40 actividades impartidas por 100 expertas e expertos, entre as que destaca o formato ‘talent business’ Puntazo Exprés.
 
Puntazo Exprés
O venres 21, de 19:00 a 21:00, celebrarase na Casa das Campás, Por último, 10 a terceira edición do Puntazo Exprés, onde 10 novas empresas galegas terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes executivas de grandes empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa spin-off NanoInmunoTech (NIT) con sedes en Vigo, Zaragoza e Madrid; Piedad Varela-Portas, socia, cofundadora e responsable de comunicación e RSE da empresa de agroalimentación ecolóxica, Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; Alba Baños, responsable da área de Analítica de REDEGAL, empresa punteira en e-commerce e apps para IOS, Android e Windows Phone; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú producciones, considerada unha das mulleres máis poderosas da televisión. Este ano, como novidade, as presentacións de PUNTAZO EXPRÉS serán abertas ao público e haberá tempo de réplica.
 
5º Aniversario
Pont-Up Store vai celebrar os seus 5 anos de apoio á cultura emprendedora baseada na innovación e a cooperación cunha mostra que permanecerá instalada durante todo o encontro na Casa das Campás e onde se mostrarán materiais promocionais e contidos visuais de todas as edicións. O seu director, Pedro Figueroa, lembrou que ao longo destas cinco edicións o encontro recibiu un total de 600 solicitudes de empresas, das que acolleu a 210. O encontro programou 150 actividades nas que participaron cerca de 4.000 asistentes e que impartiron 360 expertos; contou coa presenza de cerca de 50 entidades en cooperación e recibiu máis de 90.000 visitantes. Figueroa tamén apuntou que o 89% das empresas que se presentaron no Pont-Up Store continúan coa súa actividade, o que implica un proceso de selección moi riguroso por parte do comité para avaliar a viabilidade e potencial de crecemento de cada proposta. Por último, revelou que o 100% das empresas participantes recomendan a outros emprendementos inscribirse no encontro.

Descarga aquí o Programa Completo

Descarga aquí as fotos da presentación

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top