Prensa

MerSet19

Mañá comeza a edición máis tecnolóxica de Pont-Up Store, o escaparate galego do talento emprendedor

O intenso programa de actividades desta 5ª edición promete descubertas, encontros e alianzas moi interesantes arredor do ecosistema emprendedor galego. As empresas seleccionadas este ano sorprenden con iniciativas de gran potencial que agroman tanto nas cidades como no rural, que apostan polo compromiso social e que na súa grande parte teñen un alto componente tecnolóxico. Despois de 5 anos, este encontro consolídase como referencia do emprendemento galego con 2 datos moi positivos: o 89% das empresas que participaron continúan coa súa actividade e o 100% recomendan a outros emprendementos inscribirse no Pont-Up Store.

Mañá comeza a programación do 5º Encontro de Emprendemento Pont-Up Store cun marcado acento tecnolóxico tanto nos emprendementos seleccionados como nas máis de 40 actividades propostas en distintos puntos da cidade de Pontevedra. O programa comezará a desenvolverse ás 11:00 cun dos pratos fortes desta edición, o primeiro dos dous workshops I am Remarkable que Google vai impartir por primeira vez en España durante este encontro. O obxectivo do workshop é empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Esta actividade está dentro dos obxectivos de visibilización do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización. Unha facilitadora dirixirá esta actividade que ten como público obxectivo a mulleres que queiran emprender ou que estean na procura de emprego. Celebrarase na aula do segundo andar da Casa das Campás o xoves 20 en horario de 11:00 a 12:30 e o venres 21 en horario de 12:30 a 14. Os dous workshops teñen un aforo máximo de 15 mulleres.
 
Ademais, Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título ‘Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés’ impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais. Ao remate da sesión informativa será posible consultar dúbidas con ela en sesión individuais. Terá lugar o xoves de 17:00 a 18:45, tamén na Casa das Campás. O público obxectivo son homes e mulleres que queiran emprender ou redirixir a súa carreira, pero está aberto a calquera persoa. O aforo é de 50 persoas.
 
De 11:30 a 13:30, na planta baixa da Casa das Campás, dentro do espazo de programación ECOBAS, a Unión de Cooperativas Galegas ESPAZOCOOP ofrecerá unha sesión de traballo para emprendementos sociais baixo o título ‘Recursos interactivos para a creación e consolidación de proxectos e entidades de economía social e solidaria: O canvas social’.
 
A pouca distancia da Praza de España, na Sala X da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital de instrumentos musicais, a creación dun Theremin e de pedais de distorsión par guitarras con Arduino. Será unha sesión de traballo en continuo, de 16:00 a 20:00, que continuará o venres durante toda a xornada.

No Espazo Gaming que estreamos este ano e que estará instalado na Aula de Informática da Casa das Campás, desenvolverase de 16:30 a 20:30 un ‘Obradoiro práctico de creación de ‘assets para videoxogos’.

Para pechar esta xornada de apertura, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor, teremos a oportunidade de asistir ao obradoiro que organiza A Redeira dentro do formato ‘familias creativas’, sobre o tema ‘Lideirándote’ onde as persoas participantes poderán poñer en común as súas ‘lideiras’, soños, necesidades e inquedanzas no ámbito do emprendemento; e aprender o que hai que facer para que deixen de ser ‘lideiras’.
 
A carpa do Talento Transformador
O punto central deste encontro volverá ser a carpa situada na Praza de España o venres 21 e sábado 22 de setembro, onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. A organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición.

Este ano, ademais, duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse notablemente a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sostible de moitas delas. Esta edición confirma tamén un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas. As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural.

Destas 45 empresas, 37 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas tan interesantes como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un  obradoiro de robótica organizado por R e Líbolis para aprenderlles a pequenas e pequenos de entre 7 e 13 anos a montar un Stick Arcade basado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables, ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo, que rematará co concerto de The Soul Breakers.

A protagonista desta edición, a emprendedora Kore, estará tamén presente a través de accións performativas que terán lugar en diferentes localizacións durante os tres días do encontro. Como imaxe desta edición, Kore visibiliza á muller como emprendedora e acompaña un programa planificado con perspectiva de xénero.

Descarga aquí o Programa Completo

Descarga aquí as fotos e vídeos de anteriores edicións

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top