Prensa

XovSet20

As empresas con máis mulleres nas xuntas directivas superan os resultados doutras nun 53%

Son os datos ofrecidos por Isabel Gracia durante o workshop I’m Remarkable organizado por GOOGLE dentro desta primeira xornada do Pont-Up Store, no que un grupo de mulleres de distintos ámbitos empresariais puxeron en común os obstáculos que atoparon no seu camiño como emprendedoras.

O workshop I’m Remarkable, que se impartiu por primeira vez en España esta mañá na Casa das Campás de Pontevedra dentro do 5º Encontro de Emprendemento Pont-Up Store, é unha iniciativa de GOOGLE que pretende dar voz ás mulleres e grupos minoritarios para que podan falar dos seus logros, rompendo as normas sociais da modestia e o teito de cristal. Este workshop parte dunha idea orixinal de dúas traballadoras de GOOGLE que o puxeron en marcha co obxectivo de empoderar mulleres e ensinalas a sentirse orgullosas dos seus logros e a falar deles sen medo baixo o lema “os logrosnon falan por sí mesmos”
 
Durante o workshop, Gracia explicou que “as empresas que teñen máis mulleres formando parte das súas xuntas directivas superan os resultados económicos de outras nun 53%” e engadiu que “as vantaxes da diversidade van máis alá de conseguir unha maior rendibilidade económica, normalmente repercuten tamén nunha maior flexibilidade, máis creatividade, máis crecemento individual e das organizaciónns e maior capacidade de cambio”.
 
Isabel Gracia tamén revelou que segundo un estudio publicado recentemente en Estados Unidos “os homes autovalóranse más en termos salariais, de media piden un salario un 20% máis alto que as súas compañeiras mulleres”. Segundo o mesmo estudio, os homes tamén piden máis promocións e fano “cando cren que cumpren un 60% dos requisitos do posto, mentres que as mulleres só o solicitan cando cumpren o 100% dos requisitos”.
 
Tamén é revelador o dato que indica que só 1 de cada 4 xefes de startups en España son mulleres, a pesar de que hai máis mulleres con titulación universitaria e mellor preparadas académica e laboralmente.
 
O canvas social
En paralelo, noutra sala da Casa das Campás e dentro do espazo de programación ECOBAS, a Unión de Cooperativas Galegas ESPAZOCOOP ofreceu unha sesión de traballo para emprendementos sociais baixo o título ‘Recursos interactivos para a creación e consolidación de proxectos e entidades de economía social e solidaria: O canvas social’. As persoas participantes na sesión tiveron a oportunidade de recibir formación individual na ferramenta canvas adaptada ás especificidades dos proxectos de economía social, tanto de nova creación como en proceso de consolidación. Esta actividade enmárcase dentro da programación do proxecto LACES-POCTEP, da convocatoria INTERREG V- España-Portugal 2014-2020.
 
Actividades da tarde
A pouca distancia da Praza de España, na Sala X da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos esta tarde a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital de instrumentos musicais, a creación dun Theremin e de pedais de distorsión par guitarras con Arduino. Será unha sesión de traballo en continuo, de 16:00 a 20:00, que continuará o venres durante toda a xornada. No Espazo Gaming que estreamos este ano e que estará instalado na Aula de Informática da Casa das Campás, desenvolverase de 16:30 a 20:30 un ‘Obradoiro práctico de creación de ‘assets para videoxogos’. Para pechar esta xornada de apertura, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor, teremos a oportunidade de asistir ao obradoiro que organiza A Redeira dentro do formato ‘familias creativas’, sobre o tema ‘Lideirándote’ onde as persoas participantes poderán poñer en común as súas ‘lideiras’, soños, necesidades e inquedanzas no ámbito do emprendemento; e aprender o que hai que facer para que deixen de ser ‘lideiras’.
 
Inauguración oficial
Mañá venres ás 11:30, inaugurarase oficialmente o encontro na carpa situada na Praza de España que permanecerá instalada ata o sábado 22 e onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. A organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición.

Este ano, ademais, duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse notablemente a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sostible de moitas delas. Esta edición confirma tamén un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas. As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural. Destas 45 empresas, 37 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas tan interesantes como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un  obradoiro de robótica organizado por R e Líbolis para aprenderlles a pequenas e pequenos de entre 7 e 13 anos a montar un Stick Arcade basado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables, ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo, que rematará co concerto de The Soul Breakers. A protagonista desta edición, a emprendedora Kore, estará tamén presente a través de accións performativas que terán lugar en diferentes localizacións durante os tres días do encontro. Como imaxe desta edición, Kore visibiliza á muller como emprendedora e acompaña un programa planificado con perspectiva de xénero.

Descarga aquí o Programa Completo

Descarga aquí as fotos das actividades desta mañá

Inicia sesión para enviar comentarios

DOSSIER DE
EMPRENDEDORES

2018


Versión pdf

 


MEMORIA
PONT-UP STORE

2017


Versión pdf







Go to top