1. Hoxe no blog presentamos a 13 grados, unha cooperativa do máis especial que loita por dar visibilidade ao fondo mariño. Antes de nada, gustaríanos que nos explicasedes brevemente que é 13 grados para alguén que non o coñeza.
13 Grados é unha cooperativa sen fins de lucro dende a que buscamos achegar á xente o mar porque, aínda que en Galicia temos a sorte de telo moi preto, segue a ser un gran
descoñecido. Queremos amosar toda esa beleza e riqueza que agochan as nosas augas para promover o seu coidado e conservación, vendo que cada unha de nós podemos
aportar moito para gozar duns océanos sans.
2. Que tipo de accións levades a cabo na cooperativa para conseguilo?
Por unha banda, realizamos diferentes recursos para coñecer a vida dos nosos fondos e as súas peculiaridades: creamos contidos audiovisuais, ilustracións e infografías, táboas de identificación e mesmo sacamos un libro, “Alén do azul: o mundo submarino da ría de Vigo” (Catro Ventos Editora), co que podemos somerxernos nalgunhas das paisaxes e habitantes que atopamos baixo o mar a través dun percorrido visual no que se misturan fotos, ilustracións e vídeos accesibles a través de códigos QR.
Por outro lado, tamén facemos diferentes actividades que permitan poñer en contacto á xente co mar, como poden ser exposicións, obradoiros sobre vida mariña ou safaris de mergullo, nos que enriquecer as inmersións co coñecemento do lugar que imos visitar e unhas pautas de mergullo respectuoso. Ademais disto, actualmente estamos incorporando as novas tecnoloxías para dar a posibilidade de mergullar sen se mollar nas actividades, o que as fai máis accesibles e atractivas.
3. Como conseguir levar o fondo mariño ás persoas sen que se mollen?
Nas rutas submarinas empregamos robots que van baixo a auga e mergullan por nós para enviar as imaxes que captan en directo. Así, dende terra, podemos ver o que está a
acontecer ao outro lado da superficie en tempo real mentres imos comentando o percorrido que estamos a facer, os animais e algas que van xurdindo, e diversas curiosidades da vida baixo o mar. Tamén creamos experiencias inmersivas en 360º que elaboramos a partir de imaxes que nós mesmas gravamos nos fondos con cámaras especiais. Estes contidos pódense visualizar cuns lentes de realidade virtual que nos farán sentir coma se estivesemos baixo o mar.
4. Vendo a diversidade do que facedes, como transcorre un día na cooperativa?
Se algo caracterizan as nosas xornadas é que son moi diferentes unhas das outras.Hai días nos que toca mollarse para explorar e filmar os fondos mariños, un xeito ademais de descubrir novos lugares baixo a auga e seguir aprendendo do noso litoral. Outros requiren moitas horas de ordenador en traballos de edición e elaboración de guións ou coas acuarelas e os lápis.
5. Quen está detrás deste emprendemento? Como vos decidides a emprender?
13 Grados está formado por dúas mulleres galegas: Silvia e Sara, aínda que para moitos dos proxectos que levamos a cabo buscamos colaborar con outras entidades. Malia que a cooperativa ten soamente dous anos, pensamos que a semente xurdiu hai dez, cando fixemos o curso de mergullo. A nosa idea era ter o título para poder visitar os fondos mariños cando viaxasemos a outros lugares lonxanos, pero o que atopamos aquí deixounos abraiadas. Enganchounos totalmente e, cada vez que baixabamos, volviamos con ganas de saber máis do que viramos. Esta paixón polo mar foi o que nos fixo emprender esta aventura. Tiñamos os nosos traballos como fisioterapeuta e psicóloga e, cando decidimos cambiar as nosas vidas, comezamos a formarnos en ilustración científica e naturalista, educación ambiental, conservación… E así pouco a pouco foi tomando forma o que se acabaría por converter en 13 Grados.
6. En que fase está agora o proxecto? Cales son os próximos pasos a seguir?
Somos persoas inquedas, sempre buscando novos xeitos de comunicar e amosar o fondo do mar, o que fai que nos fixemos obxectivos a curto-medio plazo, como seguir a desenvolver as oportunidades que nos dan as novas tecnoloxías e ampliar a nosa área de traballo sen limitarnos á parte litoral de Galicia, chegando tamén ás zonas de interior para amosar que, aínda que vivas afastada do mar, a túa vida segue vencellada a el.
7. Que poderán atopar as persoas visitantes do voso stand no Pont-UP Store 2022?
Alí poderán ver algúns dos recursos que elaboramos, como ilustracións, fotografías, mochilas e totes ou o libro “Alén do azul”, mais tamén poderán aproveitar para preguntar curiosidades sobre o mar. E o prato forte será poder gozar dunha experiencia inmersiva en 360º grazas ao emprego de lentes de realidade virtual que nos permitirán visitar os fondos mariños galegos sen nos mollar nunhas imaxes que nós mesmas gravamos.
8. E xa para rematar, que consello lle dariades a todas esas persoas que coma vos están emprendendo ou pensando en facelo?
Dende logo, animaríamoslle a facelo. É unha experiencia moi bonita a de crear o teu propio proxecto e facelo real, dedicarte ao que realmente che apaixona. Ben é certo que require dun esforzo grande que adoita conlevar moitas horas extras e momentos de incertidume, pero paga a pena cando despois ves o resultado. Por outro lado, na nosa andaina, se de algo nos demos de conta, é da importancia de tecer redes e cooperar. Buscar entidades afíns coas que levar proxectos adiante enriquece moitísimo, tanto no eido profesional como no persoal, e facilita moito os procesos. Ademais fai que xordan oportunidades onde ás veces nin o pensaras.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!