Blog

VenXul08

Entrevista a QBITIA

Unha vez un gran mestre dixo: “Facer ou non facer. Non serve intentar, so facer”. Non teñas medo. Que o medo non free as túas ideas. A arte de emprender é unha ardua tarefa que, co paso do tempo, gratifícache todo o que deches por levar a cabo unha idea na que crías e confiabas.


O pai da xestión empresarial, Peter Drucker, dixo unha vez que “onde hai unha empresa de éxito, alguén tomou algunha vez unha valente decisión”. Quero pensar que así naceu Qbitia, a empresa que dirixo, dende fai xa case cinco anos, xunto con tres compañeiros e amigos da Facultade de Física de Santiago de Compostela.


En liñas xerais, Qbitia é unha start-up fintech, desenvolvemos aplicacións informáticas para aquelas persoas que invisten nos mercados financeiros.


Toda empresa nace dunha idea, dunha necesidade e da posibilidade de poder cambiar o mundo que nos rodea. Mira ao teu redor. Segue mirando. Seguro que hai centos de cousas que che gustaría que cambiasen ou que mudasen a súa forma actual de ser.


A miña idea, a chispa que fixo que Qbitia nacese produciuse dese xeito. Fai uns 10 anos mergulleime no mundo dos investimentos. Isto máis que un traballo era case unha forma de vida, xa que non podía arredar os meus ollos das vinte pantallas nas que observaba a evolución en tempo real dos mercados. Decateime de que era preciso mudar este xeito de investir. Non podía ser que o “trader” tivese que vivir pegado a un monitor para saber cando poñer e quitar as súas ordes do mercado.


Esta idea, esta necesidade, foi evolucionando ata converterse nun pequeno proxecto, que, a base de dedicación e esforzo, converteuse nunha empresa. Sempre digo que Qbitia pasou do salón da casa de meus pais, aquí, en Pontevedra, a ser unha empresa con ampla vocación internacional, cunha estrutura de 25 persoas e oficinas en Pontevedra e Londres. Ata o momento acadamos financiación por valor de 1,5 millóns de euros e traballamos coas principais bolsas do mundo: Madrid, Londres, Nova York e Chicago.

 

Pero como saberedes todos aqueles que esteades emprendendo, o camiño ata aquí non é sinxelo. Precisas horas e horas de dedicación e, como adoito dicir, incluso tes que durmir negativo.

 

Como dixo Mark Twain, “un home cunha nova idea é un tolo ata que esta triunfa”. Para aproximarte ao éxito precisas ter alguén que te avale, que confíe e que lle mostre ao mundo que a túa idea é valida. Nós chamámoslle a este paso “buscar unha bandeira”.
Mais, quen podería ser a nosa bandeira? Estivemos dándolle voltas, moitas voltas, buscando ao noso mellor representante. Somos unha empresa de software que crea un produto para os mercados financeiros, así que, quen mellor para apoiar a nosa idea que BME, a bolsa española?


Preparamos todos e cada un dos detalles, ata os máis pequenos, para que, cando nos achegásemos á entidade, nada saíse mal. Creamos unha estratexia de aproximación, pulimos o noso “elevator pitch” (explicar a nosa empresa no que dura un conversa de ascensor) e, incluso, tiñamos un plan B por se todo o anterior fallaba.


Finalmente, conseguimos o respaldo de BME e, en 2014, o Palacio das Bolsa Madrid abriunos as súas portas para que puidésemos presentar o noso produto. Foi realmente emocionante ver como todos os monitores proxectaban o noso logo nunha sala na que se atopaban as principais empresas de inversión do país!

  

Unha vez que obtivemos unha bandeira nacional, decidimos “saltar o charco” e replicar esta estratexia a nivel internacional. Así, en 2015 firmamos un acordo de colaboración coa estadounidense CQG, empresa líder de software para bolsa, e con eles lanzamos a nosa plataforma Qcaid a nivel mundial.


Todo isto foi posible grazas a todos os traballadores que decidiron emprender con nós. Se mo permitides, quero volver a repetir un dos consellos que vos din na anterior edición do Pont-Up Store. O mais importante para emprender é facer o que che apaixona con xente boa, pero, sobre todo, boa xente. Un bo equipo fará que a túa idea chegue o máis lonxe posible.

 

Dende aquí, dende Pontevedra, debemos adoptar a cultura empresarial que impera en  Silicon Valley (California), berce do emprendemento, e decatarnos de que podemos facer cousas realmente importantes que poden chegar a empregarse e ser útiles en calquera parte do mundo. Podemos ter a nosa propia Galifornia.

 

So me queda animarvos a todos os que tedes unha idea a levala a cabo e convertela nunha empresa, nunha forma de vida.  

 

Recordade:  Think big, think global, pero cos pés na terra.

 

Inicia sesión para enviar comentarios
Go to top