Hai proxectos que nacen dunha decisión. E hai outros que nacen dunha necesidade. Caldeiro Cerámica é das segundas.
Antia descubriu a arxila durante un Erasmus en Manchester e xa non puido soltala. Desde entón percorreu cidades, estudou Belas Artes, formouse en cerámica e traballou no sector ata que chegou o momento de preguntarse: e se desenvolvía as súas propias ideas? Hoxe traballa desde Maceda, nun taller onde a paisaxe non só inspira as súas pezas, senón que tamén forma parte delas. As súas pezas están nese punto onde se cruzan a artesanía, o deseño contemporáneo e a práctica artística: formas orgánicas que dialogan con xeometrías brutalistas, esmaltes de receita propia, e o forno —di ela— sempre coa última palabra.
No Pont-Up Store poderás coñecela en persoa e levar á casa un anaco dese proceso. Pero antes, fixémoslle algunhas preguntas. Segue lendo.
1. Preséntate: quen é Antia, de onde vés e como nace Caldeiro Cerámica?
Nacín en Narón, ao lado de Ferrol, e aínda que vivo fóra de alí desde os 18 anos, a súa estética industrial, xunto ás paisaxes e praias salvaxes da zona, influíu moito na miña maneira de mirar e entender o que me rodea.
Caldeiro comezou a agromar bastante lonxe de aquí, cando coñecín a cerámica durante o Erasmus en Manchester e me enganchei completamente a ela. Chegaron incluso a dicirme que me cambiase a Deseño de Produto e deixase Belas Artes, pero creo que estudar Belas Artes abriu moito as miñas miras e aportoume moito á hora de desenvolver a miña práctica, así que non me arrepinto de ter seguido por ese camiño.
Máis adiante, ao formarme especificamente en cerámica e traballar nunha empresa do sector, acabei de decidir que quería dedicarme a isto. A experiencia na empresa serviume moito para aprender, experimentar e, sobre todo, para perder medos. Pero tamén foi aí cando me din conta de que quería desenvolver as miñas propias ideas e ter máis liberdade á hora de decidir que facer. Foi a partir de aí cando Caldeiro comezou a converterse no proxecto que é hoxe.
2. Limos que pasaches por Manchester, Bruxelas, Lugo… e acabas en Maceda. Que ten este lugar que non tiñan os outros?
Cando era máis nova tiña claro que quería vivir nunha cidade grande. Gustábame ese ambiente máis cosmopolita e sempre pensei que era o que buscaba. Pero co tempo fun descubrindo que tamén necesitaba estar preto da natureza e ter unha relación máis directa coa paisaxe.
En Manchester, durante o Erasmus, coñecín a cerámica e tamén descubrín unha cidade que me encantaba pola súa parte industrial. Era unha cidade grande, pero tiña unha escala que facía que parecese máis pequena, e ademais tiña unhas montañas preciosas moi preto para facer rutas. En Cuenca pasoume algo parecido: non era tan cosmopolita, pero tiña unha contorna natural incrible. Despois fun a Bruxelas para facer o máster e a verdade é que nunca cheguei a encaixar nesa cidade nin me gustou demasiado. Coincidiu coa pandemia e foi unha etapa bastante complicada. A miña tese acabou sendo sobre as canteiras e as paisaxes galegas, e creo que tamén había algo de morriña pola terra.
En Lugo formeime en cerámica e despois traballei nunha empresa que tiña un departamento de cerámica. Cando rematei os estudos e a empresa pechou, chegou o momento de pensar onde quería seguir. A miña parella é de Xunqueira de Espadanedo e apetecíanos probar a vida no rural, así que decidimos achegarnos a esta zona. Aquí atopei unha combinación que agora valoro moito: a tranquilidade, a paisaxe e a posibilidade de ter os materiais moi preto. Hai arxilas que podo recoller nos meus propios paseos e unha contorna que forma parte do meu traballo dun xeito moi directo.
Estou moi contenta coa xente e coa vida que estou facendo aquí. Agora só me falta a casiña con terreo para poñerlle a guinda.
3. Antes da cerámica traballaches en fotografía e escultura. Que quedou de todo iso na túa arxila?
Da escultura quedou moito, sobre todo porque foi precisamente a través dela como cheguei á cerámica. E da fotografía quedou unha relación moi forte coa paisaxe: foi traballando nese ámbito cando descubrín as canteiras abandonadas, que hoxe son unha gran fonte de inspiración para min.
Tamén hai algo que atravesa as tres disciplinas: o camiñar. Tanto na fotografía como na escultura xa facía paseos como parte do proceso creativo, e na cerámica sigo mantendo esa forma de traballar, especialmente nas pezas que fago con arxilas que recollo eu mesma.
4. Caldeiro traballa con gres de alta temperatura. Para alguén que non sabe nada de cerámica, que significa iso e por que o escolliches?
O gres é un material que se coce a temperaturas elevadas, o que fai que as pezas sexan moi resistentes e duradeiras. Para min isto é especialmente importante porque intento que as miñas pezas sexan finas e lixeiras, polo que necesito un material que me permita traballar con paredes máis delgadas sen perder resistencia.
Ademais, escollino polas posibilidades que me ofrece á hora de investigar cos esmaltes. Fago as miñas propias receitas e as altas temperaturas permítenme experimentar con diferentes composicións, acabados e texturas.
5. Os esmaltes, as texturas, as formas orgánicas… Describes o teu proceso como “investigación constante arredor da materia”. Como é ese proceso? Como sabes cando unha peza está rematada?
Traballo dun xeito bastante intuitivo. Co tempo, e despois de moitos anos facendo cerámica e de traballar tamén nunha empresa relacionada coa cerámica, fun descubrindo que materiais, formas e procesos me interesan máis e cal é a maneira na que me gusta traballar.
Nas pezas funcionais doulle moita importancia a que sexan cómodas e agradables de usar, mentres que noutras pezas teño máis liberdade para experimentar. Investigo constantemente novas receitas de esmaltes, tanto para pezas utilitarias como para outras máis escultóricas, e tamén fago bosquexos antes de comezar unha peza, que me axudan a concretar cara onde quero levala.
Aínda que co tempo vas aprendendo a intuír como poden comportarse determinados materiais no forno, sempre hai unha parte que non podes controlar. Podes saber que un esmalte vai escorrer e querer precisamente ese efecto, pero non sabes exactamente canto nin como o vai facer. Nese sentido, o forno sempre ten a última palabra. Creo que esa parte de imprevisibilidade tamén é unha das cousas que máis me interesa da cerámica.
E para min unha peza está rematada cando consigo que esa combinación entre o que tiña pensado e o que acabou sucedendo no proceso funciona.
6. Dis que a túa obra está “vencellada á paisaxe e á arquitectura”. Como se traduce iso a cada peza?

Inspíranme moito as canteiras e as areeiras abandonadas porque nelas mestúrase o que entendemos como natureza con formas moi xeométricas, creadas polos cortes no terreo. Esa mestura tamén a atopo na arquitectura brutalista, que me interesa moito pola presenza das aristas, os cortes e as formas contundentes. Moitas veces intento levar esa relación ás miñas pezas, mesturando formas xeométricas con outras máis orgánicas.
A relación coa paisaxe tamén está presente nos propios materiais. Nos meus paseos recollo minerais que despois incrusto nas pezas e tamén arxilas locais que utilizo nas miñas pezas. Deste xeito, a paisaxe non só é unha fonte de inspiración, senón que tamén acaba formando parte fisicamente das pezas.
7. Ademais de Caldeiro, xestionas Coio Espazo de Cerámica. Como conviven as dúas cousas? Son o mesmo proxecto ou son mundos distintos?
Eu diría que son dous proxectos diferentes, pero que están moi conectados. En Coio acompaño a cada persoa no seu propio proceso, axudándoa a desenvolver as ideas que trae e a atopar a maneira de levalas á cerámica. Isto fai que constantemente me enfronte a formas, técnicas ou procesos que eu non experimentara antes, e para min é unha parte moi enriquecedora do meu traballo. Tamén organizo obradoiros con profesionais doutras disciplinas, dos que aprendo moito.
Ao mesmo tempo, Coio é o lugar onde teño o meu taller, onde fago toda a miña produción, ademais dun pequeno espazo de tenda. Así que, aínda que son proxectos diferentes, están moi conectados e un acaba alimentando ao outro
8. Que lle pasa á xente cando pon as mans na arxila por primeira vez? Que destacarías destas experiencias?
Pois hai quen me di que se relaxa traballando coa arxila, aínda que a min non sempre me produce esa sensación. O que si creo que acontece é que te distraes e desconectas dos problemas do día a día porque toda a atención está posta noutra cousa.
A min gústanme especialmente as clases regulares, porque co tempo vanse creando grupos, amizades e unha dinámica na que as persoas tamén se axudan e se dan opinións entre elas. Ademais, ter un contacto continuado coa arxila permite coñecer mellor os seus tempos e procesos, algo que é difícil experimentar nun obradoiro dun só día.
Os obradoiros monográficos tamén teñen o seu interese, sobre todo porque permiten achegarse á cerámica a persoas que non teñen tempo para vir todas as semanas. Son unha experiencia máis concentrada, mentres que nas clases regulares hai máis tempo para experimentar, equivocarse, aprender e ir vendo como evoluciona cada proceso.
9. Estás rexistrada en Artesanía de Galicia e participas en feiras de deseño. Onde está a liña entre artesanía e deseño contemporáneo? En cal dos dous se situaría Caldeiro?
Eu penso que artesanía e deseño contemporáneo non teñen por que estar separados. Moitas veces imaxinamos a artesanía como algo necesariamente tradicional, pero non penso que teña por que ser así. Para min, a artesanía está moi relacionada co coñecemento do oficio, coa maneira de traballar e coa importancia do feito a man, e iso pode convivir perfectamente cunha linguaxe contemporánea.
Tamén penso que hoxe en día hai que ter coidado co uso da palabra artesanía. Hai moitas situacións nas que se emprega para falar de produtos que realmente non están feitos de maneira artesanal, e isto fai moito dano á artesanía, porque a xente acaba comparando prezos de produtos que non son comparables, pensando que están pagando polo mesmo. Incluso nos meus obradoiros ás veces pasa que, cando unha peza ten algunha pequena imperfección, aparece a idea de que “así parece máis artesanal”. Paréceme importante romper con esa asociación entre artesanía e menor calidade. Ser artesanal non significa facer as cousas peor, senón ter un coñecemento e un control sobre o proceso.
No meu caso, ademais da parte artesanal, hai unha presenza importante do deseño contemporáneo. Estudei Belas Artes e sempre estiven moi interesada pola arte contemporánea, así que esa formación e esa maneira de entender a práctica artística inflúen continuamente no meu traballo. Por iso creo que Caldeiro está precisamente nese punto no que se cruzan a artesanía, o deseño e a práctica artística contemporánea.
10. Por que o Pont-Up Store? Que vamos atopar no teu stand?
Estou nos meus inicios do emprendemento, así que para min é moi importante participar en espazos como este que me permiten darme a coñecer e saír un pouco do taller. Tamén me interesa moito poder coñecer outras iniciativas e persoas que están a traballar noutras disciplinas. Creo que compartir experiencias e ver como traballan outras persoas é unha maneira moi boa de aprender.
No meu stand haberá diferentes pezas de Caldeiro: pendentes, cuncas e outras pezas para o día a día, ademais dalgunhas pezas máis experimentais. Será unha pequena mostra do que estou facendo e tamén unha oportunidade para falar coa xente sobre o proxecto e sobre como traballo.




Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!