Natalia Vázquez Liz

CEO e cofundadora de PROA2 Health (Pont-Up 2025)

Nacín en Lugo e son graduada en Bioquímica pola Universidade de Santiago de Compostela, con mención agroalimentaria. Completei un Máster en Xestión da Seguridade Alimentaria e actualmente estou cursando un Máster en Xestión de Empresas Biotecnolóxicas, combinando formación científica e empresarial.
Sempre tiven dous intereses moi claros: a empresa e a saúde. Durante a carreira fun orientando a miña formación cara ao ámbito da nutrición, ata que xurdiu a oportunidade de incorporarme a unha liña de investigación en nutrición infantil baseada en leite A2. Existía unha base científica sólida e anos de investigación detrás, pero tamén unha necesidade clara: levar ese coñecemento ao mercado.

Así nace PROA2 Health, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela centrada no desenvolvemento de solucións nutricionais premium baseadas en leite A2 de orixe galego, con especial foco nas fórmulas infantís. O proxecto combina evidencia científica, ingredientes de calidade e unha visión de nutrición avanzada orientada a mellorar a dixestibilidade e o benestar desde as primeiras etapas da vida.