O principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular cumprirá dez anos o próximo outono. A fin de semana do venres 29 e sábado 30 de setembro a cidade vai acoller un intenso programa de actividades en diversos puntos da cidade de Pontevedra, con destacadas presenzas do ámbito emprendedor galego e español.
Candidaturas abertas ata o 9 de xullo
Este ano haberá dúas modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 35 stands gratuítos dispoñibles; e participar no talent show Pont-Up Exprés. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades desde mañá 9 de xuño ata o 9 de xullo a través da web www.pontupstore.com. Pode presentar a súa candidatura calquera emprendemento innovador e creativo, en funcionamento, con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a súa creación ou un proxecto en fase moi avanzada de desenvolvemento con prototipos de produtos/servizos e expectativas reais de lanzamento a curto prazo. A organización seleccionará as iniciativas baseándose en criterios como a orixinalidade, innovación e creatividade do proxecto; o valor social, a sustentabilidade, a claridade e concreción, o potencial impacto económico ou social, e a capacidade de desenvolvemento futuro.
O talent show do emprendemento galego
O Pont-Up Exprés, perfílase un ano máis como unha das actividades máis atractivas do encontro, que facilita o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego cun formato dinámico e áxil, a través de ‘pitchs’ ou presentacións de cinco minutos de duración. Ao final da exposición de cada proxecto, as persoas escoitantes darán un feedback e farán unha valoración a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade. Como cada ano, o talent show do emprendemento galego, permitirá a 10 iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado integrado que nesta edición estará integrado por Luis Lopez-Boado Prieto, director xeral Pereira Productos del Mar; Xosé Lois Lamazares Vence, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite Rodríguez Calabria, responsable de deseño en Finsa; e Ana Olveira Blanco, socia de Abeluria S. Coop Galega e presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop. En anteriores edicións o Pont-Up Exprés para iniciar colaboracións empresariais e joint ventures tanto no ámbito público como no privado e, sobre todo, axudou ás equipas de cada empredemento participante a pulir e mellorar as súas ideas de negocio e a conversión do seus productos e servizos.
Ademais, dentro do programa terán un lugar destacado as últimas tendencias do marketing sensorial, a través dunha colaboración coa empresa viguesa de Marketing olfativo e aromatización Alpematic Experiencias Olfativas, que recuperará e actualizará a fragancia creada en 2019 para o Pont-Up Store; e da colaboración co alumnado do CIFP Carlos Oroza, que fará o mesmo a través do sentido do gusto, desenvolvendo un sabor que identifique ao Pont-Up Store. Para elo, empregarán productos da súa horta escolar, vinculando esta experiencia co concepto de sustentabilidade e respecto medioambiental co que traballa habitualmente este centro educativo.
A industria dos videoxogos tamén terá un apartado destacado no programa grazas á colaboración de Gaming Troop (servizos de animación: consolas e ordenadores de uso libre, equipo con gafas VR e simracing ou simulador de condución) e do Encontro Indie Galicia -Galicia Indie Summit promovido por Bea Legerén da Universidade de Vigo, que durante os dous días do evento dará visibilidade á industria do videoxogo galega, poñendo o foco nos videoxogos indie, ou independentes para amosar o talento, creatividade e potencial que existe en Galicia para poder desenvolver unha industria do videoxogo propia e competir dentro do que hoxe é un dos principais motores das industrias culturais e do entretemento.
Ademais o programa dedicará unha sección ao emprendemento musical con actividades nas que van participar referentes do sector como Sheila Patricia de Xeitosa Producións e presidenta da Asociación de Músicas ao Vivo; o Local de Música de Pontevedra; a Aula de música tradicional da Universidade de Vigo; e os músicos Suso Vaamonde, Abrahán Sande Couso e Gonzalo Maceira de Estudo Bonobo, que crearán e interpretarán unha peza musical que a partir de agora será a banda sonora do Pont-Up Store. A música terá nesta edición o dobre obxectivo de enmarcar as celebracións do décimo aniversario, e de atender as liñas de negocio dun mercado musical galego en expansión, capaz de sorprender e encher concertos fóra das nosas fronteiras.
A igualdade, a internacionalización, o desenvolvemento de competencias, a economía social, o gaming e a innovación social estarán presentes de forma transversal nas actividades que formarán parte deste décimo aniversario que contará por exemplo cunha master class de comunicación enfocada a proxectos emprendedores da man de Juanma Romero, director e presentador do programa Emprende de RTVE e autor do libro “Hazte visible”. Tamén serán presentados os avances do proxecto europeo HeI4Future da Universidade de Vigo, iniciado en 2022 co obxectivo de deseñar novas estratexias de axuda para converter as capacidades tecnolóxicas que xorden nas institucións de ensino superior en novos produtos e servizos, para así contribuír ao avance social. No marco deste programa desenvolveranse varias actividades coma un Hackathon orientado a saúde e nutrición ou un obradoiro para abordar a co-creacion de actividades.
Dez anos apoiando ideas emprendedoras
O Pont-Up Store xurdiu no 2014 no marco da Conferencia Ibérica para o Emprendemento (CIEM) que se celebrou en Pontevedra no mes de outubro, e que partía dunha iniciativa da Universidade de Vigo (Vicerreitoría do Campus de Pontevedra) e do Grupo de investigación G4 PLUS de Desenvolvemento Estratéxico: organizacións e territorios no marco do Campus CREA da Universidade de Vigo. Concibiuse xa dende o principio como un evento multisectorial, aberto a toda a cidadanía cuxo obxectivo é o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade.
Ao longo das 9 edicións celebradas creceu e evolucionou ata converterse no punto de referencia do novo emprendemento no noso territorio, grazas á colaboración e o patrocinio de entidades como a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal; a Universidade de Vigo como impulsora do evento coa colaboración do seu Consello Social; e os apoios da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Abanca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante e stes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Como resultado desa colaboración e das redes tecidas entre a comunidade emprendedora que foi participando nas distintas edicións, no ano 2022 creouse a Asociación para o emprendemento e a innovación: Pont-Up Store, que xa agrupa a máis de 200 empresas e que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas nove edicións, garantir a continuidade do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.
Os resultados de dez anos do Pont-Up Store en cifras
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!