Hoxe, como invitada do blogue contamos con Carmen.
Carmen dirixe Periféricas, unha escola de feminismos alternativos e, ademais, acompañaranos na nova edición do Pont Up Store o vindeiro Setembro dende o stand 28.
Non sabedes ben de que vai isto das escolas de feminismos alternativos? Estades interesados ou interesadas no emprendemento en feminino? Prestade atención!
Como directora dunha escola de feminismos alternativos, a pregunta que máis me repiten cando conto a que me dedico é: pódese vivir dalgo así? A miúdo, cuestión precedida dun: que é exactamente iso?
Trátase nos tres casos de dúbidas fundamentadas: ao fin e ao cabo, e tras o nacemento de PeriFéricas no 2016 (www.perifericas.es), seguen a ser escasos os centros online que teñan o feminismo como eixo de traballo fundamental, e en Galicia, a dispersión que segue caracterizando ao movemento e a precariedade de boa parte das mulleres que nel traballamos acostuma ser o habitual. Así que, vaiamos por partes…
Que é iso dunha “escola de feminismos alternativos”?
O feminismo semella estar de moda: nas tendencias indumentarias, nas tertulias, nos medios de comunicación… E, sen embargo, segue habendo multitude de cuestións que quedan fóra do debate en institucións ou universidades, dende os coidados ata a saúde feminina, pasando pola situación de mulleres que non pertencen aos grupos maioritarios na nosa sociedade, como musulmás, xitanas, latinas… A construcción do coñecemento dende un parámetro que ten como modelo ás mulleres brancas, de clase media e urbanas deixa fóra da ecuación a moitas outras. Tamén, como alumnas, quedan fóra aquelas estudantes sen título universitario que non obstante desexan formarse no ámbito feminista. Da constatación de todas estas carencias naceu PeriFéricas no ano 2016, como unha tentativa de ofrecer unha formación de calidade, impartida por doutoras ou investigadoras, a todo tipo de públicos, sen requisitos formativos previos e a un prezo asequible, a partires dos 50 euros. Trátase de achegar os estudos feministas, dunha forma asequible e fundamentada, a calquera persoa con interese neste tipo de cuestión.
Por que o nome de PeriFéricas?: unha escola con vocación internacional e raíz fondamente galega
Temos alumnas de diversos lugares do mundo, pero non esquecemos as nosas orixes. O noso propio nome, PeriFéricas, parte da idea de moverse nas marxes dos movementos de mulleres maioritarios, pero tamén xorde do territorio do que vimos, Galicia, secularmente excluído dos centros de decisión e actualmente aínda pouco presente nas aproximacións ao feminismo dentro do conxunto do Estado español. A situación, afortunadamente, vai cambiando, e dende PeriFéricas queremos poñer o noso graniño de area para que así sexa, para que Galicia apareza pouco a pouco no mapa do feminismo español. Por iso, ademais dos nosos cursos online participamos en eventos como este Pont-Up Store, organizamos o ano pasado un evento presencial de conferencias, arte e emprendemento en Santiago (que este ano temos previsto repetir na Coruña), facemos charlas en centros de ensino da nosa comunidade ou promovemos unha liña de camisetas, “Poderosas”, no que as avoas labregas son as protagonistas. Porque se pode ser orgullosamente internacionais e orgullosamente galegas: porque as periferias teñen a súa propia idiosincrasia e porque estamos convencidas de que molan.
Como é iso de emprender en feminino?
Emprender en feminino, no meu caso, é facelo ademais dende o convencemento de que a perspectiva de xénero debe vertebrar todo o traballo de PeriFéricas. A nosa plantilla está composta enteiramente por mulleres e as nosas actividades téñenas como principais receptoras. No meu caso, e dado que traballo como freelance, as dificultades de conciliación non son un problema na miña vida cotiá, pero si se botan en falta máis axudas específicas que contribúan a impulsar o emprendemento feminino. Do mesmo xeito, as elevadas cotas mensuais do réxime de autónomos fan moito máis costa arriba un traballo, o das emprendedoras, que en ocasións resulta solitario e no que as decisión a miúdo se toman dende a incertidume de cal será o resultado, sen a certeza dun salario fixo a finais de mes. Axuda, sen dúbida, o estar rodeada dun equipo marabilloso de mulleres comprometidas que, coma min, temos a inmensa sorte de poder facer coincidir traballo e paixón.
www.carmenvvalina.es // https://perifericas.es/
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!