Víctor, Felix e Lois forman Xefe da Birra S.L. e o seu proxecto chamase Cervexa NASA. ¿De onde ven este proxecto?
Plantexamos crear unha cervexeira Independente a Artesá, con alta capacidade de producción, e dicir, integrar os puntos fortes dos dous mundos da cervexa: a industrial e a artesá.
Cando inauguremos seremos a segunda fábrica de Galicia por capacidade de produción, evidentemente todos podemos imaxinar cal é a primeira, NASA supón un 0,05 da mais grande, pero é entre 5 e 10 veces maior do resto de artesás galegas; ademais incorporamos tecnoloxía moi novidosa; pero isto xa forma parte dos segredos de NASA…
A nosa capacidade permítenos gran marxe de manobra e reducir os custes fixos, ofrecendo un produto de calidade artesá a prezos populares.
A nosa segunda diferenza fundamental é o noso estilo; NASA é unha artesá co mesmo estilo que consume a xente habitualmente, unha lager especial, preto dos 5% de alcohol, cun sabor recoñecible por calquera bebedor de cervexa; e o que é máis importante: ao mesmo prezo que unha cervexa industrial.
Evidentemente NASA será o noso produto estrela, pero faremos moitas máis cervexas especiais, e temos preparadas varias colaboracións dende Chequia e Inglaterra, con mestres cervexeiros de prestixio.
Canto tempo levades traballando nese proxecto?
NASA plasma as ideas que levamos desenvolvendo dende o comezo da revolución da cervexa artesá.
Púxose por escrito hai cinco anos, e hai dous anos comezamos o traballo serio e intenso, que cristalizará este verán na inauguración da fábrica.
Por que decidistes participar en Pont-Up Store?
Pont-Up Store supuxo o noso primeiro contacto co público e decidimos facer coincidir a nosa presentación en Pont-Up Store co lanzamento do noso crowdfunding. Por un lado a presentación foi o primeiro ensaio das moitísimas veces que tivemos, temos e teremos que repetir cal é o noso obxectivo e as nosas armas, por outro foi o primeiro empurrón para o noso crowdfunding, que foi todo un éxito alcanzando e superando as nosas expectativas de 100.000 euros.
Que foi para ti o mellor de participar en Pont-Up Store?
A presentación sobre o escenario permite ir pulindo o teu discurso, descubrir as reaccións da xente do público e afirmar os teus puntos fortes. Por outro lado descubrimos moitos proxectos interesantes nas casetas; ademais tiven a sorte-mala sorte de facer a nosa presentación despois dunha presentación feita polo grandísimo Tony Lomba.
Cambiarías algo da túa participación se puideses volver atrás?
Non cambiaría nada, nunca, nin desta presentación nin de ningunha; di Nacho Vegas nunha canción, e aplicámolo coma principio: “Todos mis pecados, viajarán conmigo, ayudandome a acertar El Camino”.
Cal é a situación da túa empresa a día de hoxe?
Estamos rematando de acondicionar a nosa nave, e de aquí a un mes montamos a maquinaria e comezamos a produción. Despois de sangue, suor e bágoas para chegar ata aquí, espéranos o traballo duro de verdade.
Que mensaxe lle deixarías aos participantes da próxima edición de Pont-Up Store?
Repasade todas as experiencias da vosa vida para aprender delas, xuntádevos con xente moito mais talentosa ca vós, repetide un millón de veces o voso proxecto ata que o saibades de memoria; así darédesvos conta de que non ides cumprir, por exceso ou por defecto, os obxectivos que vos marquedes, que a maioría das cousas saen, pero non como pensabas.
Que isto, o que chaman emprender en pseudolingua política, significa autoexplotación e autoescravitude, así que buscade algo do que saibades e vos guste de verdade.
E, se finalmente acabades tan trastornados que credes que por autoexplotarvos tedes dereito a facer de Sr. Burns a explotar a outros, merecedes que vos vaia mal.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!