Antes de nada, que é Farrapos e Contos? Que fai especiais ás vosas prendas?
Farrapos e contos é un trampantollo. Presentámonos como unha marca de roupa conta contos, pero o que facemos en realidade é utilizar a roupa como excusa para plantar sementes de valores, conciencia, unión e solidaridade.
Consta de tres partes diferentes pero moi relacionadas:
- Roupa básica ecolóxica conta contos.
- Complementos reciclados.
- Roupa de segunda man marca Farrapos (aínda en proceso de desenrolo).
Utilizamos as etiquetas da roupa ética e ecolóxica para contar contos en valores, que se ilustran a través das propias prendas. Aínda que a roupa é o soporte, o importante é o que xenera antes e despois da súa compra (antes comercio xusto e sostible, despois o que chamamos #momentoshechosconprendas, tempo entre maiores e pequenos. Tempo do que conta).
Recollemos roupa gastada ou sen uso (fundamentalmente vaqueiros, camisas e vestidos) e entregamos a cambio descontos na nosa tenda online. O que facemos con estas prendas é novos artigos que poñemos á venta. Deste xeito, conseguimos dúas cousas, alongar a vida das prendas, e facer a compra sostible máis accesible e cercana a todo o mundo.
A terceira parte está en creación. Consistirá en recoller as prendas infantís da nosa marca (tamén a cambio de descontos na tenda) e poñela á venta como roupa usada, achegando a aínda máis persoas a posibilidade de consumir de forma responsable, e alongando aínda máis a vida das nosas prendas.
Quén Está detrás deste proxecto?
Detrás deste proxecto hai unha persoa, que son eu, apoiada por todo o seu entorno máis directo, que son moitos. Supoño que por isto falo moito en plural.
Chámome Natalia, traballei durante 12 anos no sector gráfico facendo realidade os proxectos e deseños de outras persoas, e chegado un momento decidín facer o mesmo para min.
Son tía de tres fermosuras e ademáis madriña dunha delas, e aínda que non foron o catalizador inicial de Farrapos e contos, sí teño que dicir que cada día Farrapos e contos é un pouquiño máis para eles.
Como nace Farrapos e Contos? Que vos leva a emprender neste sector?
Dende sempre tiven claro que quería un proxecto propio, e despois dun voluntariado en Perú decidín desmarcarme da industria como a entende a maioría e axudar a través do meu traballo a outras persoas. Facer mellor o meu anaquiño de mundo e sentirme realizada coa miña actividade laboral.
Nesa viaxe puxen na orde correcta os meus valores e prioridades. Xuntei tódolos meus coñecementos a nivel profesional coas inquietudes persoais neste proxecto, que para o que necesitei case 3 anos de maduración ata que colleu a forma que tén agora.
Tratei de formarme antes de comezar nas partes que descoñecía ou coñecía menos, e actualmente creo que, aínda que custa manter o ritmo, a enerxía e a positividade en certos momentos, emprender foi unha das mellores decisións que tomei na miña vida.
Qué nos podedes contar do emprendemento sostible? Como levades a cabo os vosos produtos?
Para min o emprendemento sostible é unha necesidade que debería ter forma real canto antes.
No caso de Farrapos e contos o proxecto ao completo está pensado para ser sostible. As prendas básicas son de algodón orgánico certificado, ademáis de teren procedencia de comercio xusto (Fair Wear). Utilizamos serigrafía en base auga (a menos contaminante do mercado) para plasmar os deseños, e imprimimos as etiquetas e contos en papel 100% reciclado. Para as entregas, utilizamos caixas e bolsas de cartón, e a embalaxe dos regalos está pensada para reutilizar ou reciclar de forma sinxela (botóns de madeira, cordel de iute natural e cartón ondulado).
A ELABORACIÓN DE PRODUTOS EN FARRAPOS E CONTOS
Para facer os complementos reciclados, recuperamos prendas gastadas ou en desuso (maiormente vaqueiros, camisas e vestidos) coas que fabricamos novos artigos. Esta fabricación na actualidade facémola nós mesmas. En caso de necesitar axuda acudimos a talleres de costura particulares.
Ademáis, promocionamos as compras sostibles facendo descontos nas nosas prendas ecolóxicas a quenes nos entregan roupa usada e encargámonos de levar a puntos especializados a que non podemos utilizar.
Temos unha terceira parte dentro do proxecto que aínda non está implantada: a venta de roupa infantil de segunda man. Os pequerrechos medran tan rápido que apenas teñen tempo de gastar a roupa. Queremos intercambiar as prendas de Farrapos que están en bo estado por descontos en artigos novos, para alongar a vida destas prendas aínda máis.
O voso emprendemento presenta iniciativas sociais de interese como a recollida de roupa usada. Podédesnos falar máis sobre elas?
O que facemos actualmente en Farrapos e Contos é recoller roupa usada (como dicía, fundamentalmente vaqueiros, camisas e vestidos) co obxectivo de alongar a vida destas prendas confeccionando artigos novos a partir das partes útiles. E por outro lado, incentivamos que se produza esta entrega intercambiando esta roupa por descontos para mercar na nosa tenda online. Deste xeito conseguimos que a roupa “inservible” teña un nal feliz, e promocionar a compra ética.
Tamén estamos a traballar sobre a recollida de roupa infantil da nosa marca para vendela nunha sección de roupa eco-ética usada, temos varias prendas solidarias, coas que colaboramos con diferentes ONGs e para analizar, nos contos tratamos temas baseados en valores, a través dos cales tratamos de sensibilizar aos lectores e oíntes
En que punto se atopa a vosa empresa? Cales son para vos os próximos pasos a seguir?
Agora mesmo estamos, probablemente no momento máis delicado dos nosos case 12 meses de vida. Precisamos dar un paso adiante para visibilizarnos a través de tendas físicas e eventos, e de forma correcta, o que nos obrigaría a facer un aumento na producción cos seus conseguintes gastos e riscos a maiores.
O obxetivo máis inmediato sería o de realizar unha reforma na web que reflexase o proxecto de forma sinxela e entendible, introducir nela tódolos produtos dispoñibles e tratar de realizar máis ventas de forma online.
Por outro lado, queremos ter varios puntos de venta físicos que nos dean maior visibilidade na rúa, con tendas e espazos que saiban explicar o que significa Farrapos e contos, e nun futuro, gustaríanos traducir os contos a máis linguas e crear audio contos descargables.
Por último, como coñecéstedes o Pont-Up Store? Que vos levou a apostar polo Puntazo Exprés?
Coñecín o Pont-Up Store o ano pasado a través das redes sociais, e este ano animáronme a pedir un espazo para impulsar o proxecto.
Cústame moito presentarme a este tipo de eventos porque me obrigan a sair moito da miña zona de confort, pero creo que saber presentar o seu proxecto é unha parte moi importante dentro do percorrido dun emprendedor ou emprendedora.
A idea inicial era facelo na zona de exposición porque me sinto máis cómoda falando no un a un, pero ao final isto consiste en retarse e atreverse a facer cousas novas… ¡e niso andamos!.
Son consciente de que pasaron moitas empresas xoves polo Puntazo e que para moitas delas supuxo un punto de inflexión importante. Nos últimos 6 meses estou traballando moito neste aspecto e creo que pode ser un momento e espazo xenial para afrontar unha nova oportunidade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!