No Pont-Up Store gústanos dar visibilidade a proxectos creativos e transformadores que forman parte de cada edición. Nesta ocasión conversamos con Fenda Estudio, un equipo que aposta polo deseño e a comunicación como ferramentas para facer medrar ideas con propósito. Na entrevista cóntannos a súa traxectoria, a súa maneira de entender o traballo creativo e como acompañan marcas e persoas emprendedoras no camiño de conectar co seu público.
Como xurdiu Fenda Studio Creativo e que vos animou a dar forma a este proxecto?
FENDA naceu cando as socias fundadoras nos coñecemos nun curso de Márketing Dixital e Cooperativismo. Dúas de nós viñamos de Belas Artes e a terceira de Xestión de Eventos e Comunicación, ámbitos nos que é difícil abrirse paso en solitario. Por iso decidimos ampliar a nosa formación e explorar novos camiños.
Axiña descubrimos o ben que nos complementabamos —a fusión entre arte e estratexia—, así como a visión e os valores que compartiamos. Tamén entendemos que ningunha tiña que dedicarse a outra cousa: o Márketing engloba todo o que xa faciamos por separado e, lonxe de obrigarnos a renunciar ao noso, permitíanos especializarnos.
Así que non dudamos: unimos forzas coa misión de crear un proxecto colectivo dende o que acompañar a outras iniciativas emerxentes como a nosa.
2. Que importancia ten para vós ser unha cooperativa? Que valores distintivos aporta esa forma de organización ao voso traballo diario?
Para nós, o cooperativismo non é só unha fórmula legal, é unha forma de vida. Apostamos por unha estrutura horizontal, onde todas temos voz e responsabilidade, e na que o apoio mutuo e a colaboración son o eixo central. Esta maneira de organizarnos reforza a igualdade e a confianza, valores que fomentamos non só entre nós, senón cos nosos clientes.
3. Nun mundo saturado de fórmulas comerciais, como logrades manter autenticidade de cada proxecto ao traballar “dende o corazón e coa transparencia”?
Sabemos por experiencia que nin a visibilidade nin as vendas garanten estabilidade: ao primeiro contratempo, quen non se sinta vinculado de verdade marchará a outro lado. Por iso en FENDA priorizamos o legado fronte ao impacto inmediato, buscando relacións duradeiras baseadas nun vínculo auténtico coa marca.
Non traballamos con fórmulas pechadas: escoitamos, observamos e adaptamos os nosos coñecementos á esencia de cada proxecto. Así conseguimos comunicar sempre dende a autenticidade, respectando a identidade propia de cada cliente e evitando caer en aparencias.
4. Que tipos de proxectos e servizos ofrecedes (estratexia, branding, fotografía,audiovisual, web…), e como encaixan coa vosa filosofía?
Facemos de todo: estratexia de comunicación, naming, branding, deseño gráfico, fotografía, vídeo, xestión de redes sociais, deseño web, iluminación e montaxe de escenarios, merchandising… e a lista podería continuar! O último servizo que incorporamos é o interiorismo.
Traballamos con proxectos moi diversos: artistas de todo tipo, restaurantes e cafeterías, unha psicóloga, un electricista…
A nosa maneira de fusionar todos estes servizos cos nosos valores é sinxela: nunca ofreceremos algo que as nosas clientas non precisen realmente. Cada proxecto é único, por iso deseñámolo a medida. Tamén mantemos unha relación estreita con elas, traballando man a man. Queremos coñecelas ben e asegurarnos de que o resultado final sexa exactamente o que tiñan en mente.

5. O voso arranque veu acompañado dun premio da Deputación da Coruña. ¿En que medida ese recoñecemento impulsou o lanzamento da cooperativa?
Recibir ese premio foi unha motivación enorme. Non só polo apoio económico —que nos deu un respiro inicial—, senón tamén polo recoñecemento, xa que foi unha gran referencia mentres non tivemos un porfolio de clientes.
Pero o máis importante foi o impacto na nosa confianza: cando es muller -e nova-, moitas veces precisas que alguén che lembre que realmente mereces estar onde estás. Que o noso traballo fose observado e valorado foi clave para sentirmos seguridade e impulsarnos a lanzar a cooperativa.
6. Como emprendedoras, cales foron os maiores retos ao poñer en marcha unha cooperativa creativa en Galicia?
Un dos maiores retos foi enfrontarnos á burocracia e aprender a xestionar a parte legal e administrativa pola nosa conta, algo que non forma parte do noso perfil creativo. A día de hoxe temos a sorte de contar cun xestor especializado en cooperativas, pero non cando nos constituímos. Polo que, para sorpresa de ninguén, nin os organismos nos tomaban en serio, nin moitas veces os propios profesionais coñecían as particularidades dunha cooperativa —moito menos dunha xuvenil—, o que nos causou numerosos problemas iniciais.
En xeral, todo o mundo opinaba sobre o que debiamos ou non facer, sen coñecer realmente as nosas particularidades, polo que tivemos que afondar e aprender para non ser enganadas, ocupándonos moito tempo nun momento crítico como é o primeiro ano, no que debiamos estar buscando clientes.
No caso particular de Galicia, destacamos as distancias e a baixa frecuencia do transporte público, xa que nos complican tanto a busca de locais como o noso día a día: unha parte importante do noso soldo se consume en desprazamentos.
O listado de dificultades podería ser case infinito, pero vemos cada reto como unha oportunidade para aprender e fortalecer a nosa unión como equipo.
7. Como imaxinades o futuro de Fenda?
Contemplamos moitas posibilidades e aínda non descartamos ningunha. Polo de agora, para o próximo ano agardamos ampliar a nosa gama de servizos e atopar un local que nos permita impartir cursos e organizar eventos propios.
8. Para quen está a descubrir Fenda agora, que mensaxe principal vos gustaría transmitir sobre a vosa forma de facer e o tipo de proxectos que queredes impulsar?
Queremos que a xente saiba que existe unha forma diferente de facer as cousas. Se á hora de buscar clientes fas exactamente o mesmo que todos os demais, seguindo as mesmas fórmulas, é moi difícil que quen che está a buscar consiga dar contigo. Hai xente —coma nós— que se interesa de verdade por coñecer quen es, a túa historia e as túas particularidades… Se tes medo, non sabes por onde empezar ou simplemente sentes inseguridade, aquí estamos, agardando por ti.
Queremos traballar con persoas que desprendan paixón polo que fan, pero que aínda non saben como chegar ao seu público.
9. E xa para rematar, por que non deben os visitantes perderse o voso stand no Pont-Up Store 2025?
Porque estamos a preparar mooooooitas sorpresas! Dende actividades pensadas para que aprendades máis sobre vós mesmos (e gocedes do proceso) ata un sorteo cun agasallo incrible!




Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!