1. Ola Mabel, encantados de terte hoxe no noso blog. Antes de nada, cóntanos. Como definirías a Fundación Galicia Verde?
Como un proxecto baseado na soberanía, fundamentalmente a alimentaria, mais tamén a enerxética, a hídrica … é dicir: na defensa do dereito que teñen os pobos a cubrir as súas necesidades básicas utilizando os seus recursos de maneira independente.
2. Que actividades realizades?
Basicamente, a recuperación e mellora das sementes autóctonas, así como a incorporación de sementes tradicionais doutros lugares a fin de diversificar as posibilidades de cultivos e ampliar a oferta para o consumo.
3. Vemos que un dos proxectos destacados da fundación son os Corredores Verdes. En que consiste este proxecto? En que fase se topa actualmente?
Pois consiste, nin máis nin menos, que en AUTOABASTECERNOS en proximidade, cuestión que nós consideramos un dereito fundamental das persoas.
4. En que zonas planeades levar a cabo estes corredores? Como podemos levar este proxecto á nosa compra?
* O proxecto de ‘Corredores’ é trasladable a calquera punto da nosa xeografía, sempre tomando en conta as caracacterísticas particulares de cada contorna á hora de producir; e, no aspecto da distribución, o feito de minimizar distancias, gastos de infraestruturas, cadeas de frío, contaminación, etc., pensamos que é algo imprescindible sobre todo no momento actual xa que, entre outras cousas, fomenta a proximidade como forma de relación entre produtor@s / consumidor@s.
* Esta proximidade e a utilización de sementes tradicionais vai permitir ofrecer un produto da máxima calidade, non manipulado e a mellor prezo. Estableceranse puntos de distribución en barrios/parroquias, e poderase reservar a compra a través dunha App.
5. Volvendo á Fundación Galicia Verde, como xorde o proxecto?
O proxecto da F.G.V. parte do programa Senda Verde, da TVG, creado e realizado polo presidente da Fundación, Enrique Banet. Aínda que era un programa de servizo público, a TV autonómica decidiu prescindir del, polo que un grupo de persoas tomamos a iniciativa de darlle continuidade pero dende a práctica directa.
6. Actualmente cantas persoas hai detrás?
O Padroado da F.G.V. conta actualmente con 8 patróns/patroas que realizamos diferentes funcións (investigación, divulgación, traballo de campo …). Na práctica diaria contamos tamén cun numeroso grupo de persoas voluntarias que colaboran de maneira solidaria e altruista no noso traballo de campo.
7. Vemos que na vosa web buscades colaboración de diferentes modos, incluso virtuais. Que modos temos de axudar?
Hai diferentes formas de colaborar: simplemente visitando a nosa web e axudando a darlle difusión nas redes; involucrándose como voluntari@s; asociándose á Fundación; ou, dependendo das posibilidades de cada quen, facendo algunha doazón puntual para o desenvolvemento dos nosos proxectos e o mantemento das instalacións.
8. En que punto se atopa agora o proxecto? Cales son os retos que afrontades actualmente?
No momento actual estamos poñendo en marcha os Corredores Verdes, o que implica un gran esforzo de recuperación de sementes tradicionais, a formación de agricultores no terreo da agricultura ecosocial e a transformación da paisaxe sementando auga. Nesta liña, acabamos de iniciar un proxecto de investigación con fondos da UE, para realizar unha análise científica comparativa de diversos sistemas de cultivo e a súa repercusión no medio natural. O proceso de investigación, para o que contamos coa colaboración de diversos Departamentos da USC, extenderase ata finais de 2023.
9. Falemos do voso paso polo Pont-Up. Que poderán atopar os visitantes que decidan visitar o voso stand?
Pois van atopar un proxecto de emprendemento máis vello ca o mundo: cultivar e, por suposto, comer os nosos propios produtos. Vanse informar das vantaxes da produción en proximidade tanto para a súa propia saúde coma para a do medio natural.
Tamén poderán recibir información sobre un proceso, pioneiro en Galicia, como é o de sementar auga, para incrementar a fertilidade da terra, loitar contra os lumes forestais ou, no caso de lumes, para recuperar o terreo evitando a perda de solo.
10. E xa para rematar, un consello para todos eses emprendedores que se atopan agora en fase de inicio do seu proxecto ou comenzando a desenrolar unha idea?
Non é un consello, senón simplemente unha reflexión: o emprendemento non ten idade, polo que os nosos proxectos teñen que proxectarse no tempo, ter en conta as futuras xeracións, e colaborar na construción dunha sociedade máis xusta e solidaria.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!