1. Lucía, Pablo — preséntadevos. Quen sodes e de onde vén Jolín!?
Somos Pablo e Lucía, e somos de Vigo. Eu (Pablo) dedícome fundamentalmente á música e á escritura, e Lucía dedícase a infancia, como profesora de infantil. Cando Lucía empezou a esbozar a idea de crear unha marca de moda infantil e a deseñar as primeiras ilustracións, necesitaba un nome que resultase tan sinxelo como impactante para os nenos. Así que lembrei o nome de “Jolín” dun proxecto do pasado que nunca chegou a ver a luz, e pensei que encaixaría como anel ao dedo para o universo que Lucía estaba a empezar a crear, porque representa ese lado pícaro pero inocente, ademáis, de que o usamos moitísimo. Entón, co nome xa sobre a mesa, atámonos a manta á cabeza e empezamos a traballar niso ata que, aos poucos, foi tomando forma.
2. Lucía, es educadora e guía Montessori. Cómo pasa alguén de traballar coa infancia todos os días a crear unha marca de roupa? Cal foi o momento en que pensaches “isto ten que existir”?
Realmente, a infancia é a que me inspira, o motor de todo. Sinto a necesidade de levar as mensaxes á roupa, porque penso que pode ser unha canle de transmisión de valores moi interesante e de gran impacto. O que transmite Montessori (así como outros moitos pedagogos e referentes da educación) é moi importante e interesante, pero pero moitas veces queda nos libros ou nas aulas. Eu confórmome con plantar a semente e facer reflexionar, aínda que sexa un chisco. Así que Jolín! nace por dúas razóns, a primeira é esa, para facer chegar máis lonxe os principios de autonomía e respecto, e a outra, para facer un cambio real no sector do téxtil infantil, onde predominan a diario mensaxes pouco educativas, absolutamente baleiras, moita fantasía e estereotipos moi marcados. Resúltame impresionante ver cómo parece que, por ser nenos, poden levar calquera cousa.

3. A filosofía Montessori fala de respectar ao neno como individuo único. Como se traduce iso nunha peza de roupa? Entender a cada neno como individuo único significa deixarlle ser, deixarlle elixir, deixarlle equivocarse, axudar no xusto, permitir que a súa personalidade se desenvolva e que esa autenticidade aflore. Coa roupa pasa o mesmo. Debe ser un vehículo de expresión para o neno/a, debe gustarlle, debe identificarse con ela, sentirse cómodo/cómoda, permitirlle libre movemento… e se á vez pódense traballar valores educativos a través dela, o círculo péchase á perfección.
4. Dicides que a roupa de Jolín! “comunica, educa e empodera”. Podes poñernos un exemplo concreto dun deseño e o que quere dicir ou transmitir? Un dos exemplos máis concretos é o noso modelo “Si nadie me frena vuelo alto”. Con ela queremos transmitir un dos principios máis básicos da crianza respectuosa que defende que un dos grandes obstáculos no desenvolvemento do neno somos os adultos, e que menos axuda ás veces é máis. Os nenos queren que os axudemos a facer as cousas por si mesmos. Esa é a única axuda necesaria para conseguir a verdadeira autonomía. Unha axuda excesiva, por contra, limita e invalida. E iso, é o gran exercicio para o adulto, e o máis difícil. Saber cando poñerse a un lado e deixar o noso ego ben enterrado. Cando confiamos no neno e nas súas capacidades, deixámolo resolver e facer, eles voan alto, máis alto do que pensamos.
5. Pablo, ti aportas o humor e a nostalxia. Como funciona o proceso creativo entre vós dous? Discutides moito ou complementádevos ben?
Creo que nos complementamos ben, porque Lucía, ao dedicarse ao ensino, coñece mellor que eu aos nenos. Pero eu, ao ser un gran nostálxico milenial que viviu intensamente os anos 80 e 90, coñezo mellor aos seus pais e podo achegar ideas relacionadas con aquela época, co mensaxes e a cultura popular daqueles tempos. De todos os xeitos, a decisión final de cada deseño sempre está supervisada por Lucía, porque ten unha visión moi nítida deste proxecto e do que pretende con cada deseño. Non lle vale calquera cousa por moi nostálxica ou divertida que sexa, sempre ten que haber
un propósito educativo, unha mensaxe transgresora ou unha chamada á acción. E sí, non imos negar que ás veces, tamén podemos discutir e non sempre estamos dacordo ao 100%.

6. “Non buscamos encaixar, buscamos destacar.” Iso é valente nun mercado de moda infantil moi homoxéneo. Que resistencias atopastes? Por agora estamos moi contentos de que a xente que se achega a Jolín! procura precisamente ese cambio e conecta cos nosos valores. Con todo, ás veces somos conscientes de que é unha aposta arriscada, porque no mundo téxtil as persoas adoitan comprar o que está de moda e xa está. Ademais, estamos a comprobar como pouca xente se detén a pensar que é o que transmite co que leva, comprando simplemente porque o deseño é bonito. A todo isto súmase competir coa industria téxtil que vai á velocidade da luz sacando coleccións masivamente. Pero nós imos por outro sendero, loitando e apostando por producir só aquilo que nos ten sentido e que achega valor.
7. A quen vai dirixida Jolín! realmente — aos nenos que a levan ou aos pais que a compran? É moi boa pregunta e unha das cousas que máis pensamos antes de empezar coa marca. A reflexión inicial foi: se nos enfocamos en Montessori, o protagonista absoluto debe ser o neno. Pero claro, van mercalo as familias co seu diñeiro. Ao final, pensamos que a mensaxe debe calar nos adultos, pero que o deseño debe ter un atractivo para os nenos tamén. E que, se logramos iso, seguramente podería crearse unha ponte marabillosa entre o adulto e o neno, porque cada peza revela algo educativo, algunhas mesmo, para ambas as partes. Esta ponte o diálogo que buscamos entre o adulto e o neno.
8. Cal é a peza ou o deseño do que máis orgullosos estades ata agora? Por que? Estamos moi orgullosos sobre todo de “¿Qué mundo me vas a dejar? ”. ou “Si nadie me frena” e outras que están a resultar moi ben son “Amodiño, non me apures”, e o suadoiro de “Surfeando la vida”. É difícil elixir para nós pero alégranos ver que estas camisetas están calando e máis nenos (e tamén adultos que as piden) van paseando pola rúa con elas, porque son mensaxes que fan reflexionar a todo o que a le e son moi visuais. Sabemos que xusto estas, non pasan desapercibidas.
9. Que queredes que sinta un neno cando pon unha peza de Jolín!? Queremos que sinta que está levando algo único, diferente e con voz propia. Unha nena ou neno que leva Jolín! é un pouquiño rebelde, e que non lle importa o que digan os demais. Que se sinta seguro de si mesmo e preparado/a para comerse o mundo.
10. Por que o Pont-Up Store? Que significa para vós dar este paso? Parécenos un evento moi importante, que dá oportunidade e alcance a marcas que acaban de nacer, como é a nosa. E nun mundo onde hai tantas ideas marabillosas e persoas creativas, para nós é un orgullo ternos sido seleccionados e agardamos aprender moito doutras marcas e das charlas. É unha xanela de oportunidade e unha pequena gran ilusión. ¡Qué nervios!




Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!