1.Preséntate: quen es, de onde vés e que é Marco Travel?
Somos cinco amigos de Pontevedra e formamos o equipo de MARCO TRAVEL. Coñecémonos desde hai tempo e decidimos montar algo xuntos a partir dunha idea moi sinxela: buscar un problema que nos afectase a todos e intentar atoparlle unha solución.
Así naceu MARCO, unha ferramenta con intelixencia artificial que facilita a planificación das viaxes. A partir dos gustos e preferencias de cada persoa, crea itinerarios personalizados para que, en poucos minutos, poidas ter unha proposta organizada sen pasar horas buscando información e intentando encaixala.
Ademais, a nosa idea é que MARCO non se limite só a crear itinerarios. A ferramenta xa permite organizar viaxes en grupo, compartir os plans cos acompañantes, colaborar na súa creación e dividir os gastos de forma sinxela. De cara ao futuro, gustaríanos seguir desenvolvendo a parte máis social da plataforma, incorporando elementos de gamificación e creando unha comunidade de viaxeiros na que os usuarios poidan compartir recomendacións, experiencias e itinerarios, así como inspirarse nas viaxes doutras persoas.
2. Planificar unha viaxe debería ser emocionante, pero moitas veces convértese nunha tarefa chea de pestanas, mapas, reservas e horas de investigación. Que problema detectastes e como o resolve MARCO TRAVEL?
Precisamente ese foi un dos problemas que detectamos. Cando empezas a organizar unha viaxe, a información está moi repartida: buscas en Google, mapas, blogs, redes sociais… e despois tes que unir todo iso e decidir que facer cada día.
MARCO intenta simplificar esa parte. Ti indicas onde vas, cando, con quen e que che interesa, e a ferramenta encárgase de propoñer e organizar un itinerario. Así podes dedicar menos tempo a planificar e máis tempo a pensar na propia viaxe.
3. Que cambia cando utilizas intelixencia artificial para planificar unha viaxe? En que se diferencia MARCO TRAVEL doutras ferramentas ou dun simple chatbot de IA?
A IA permite que o proceso sexa moito máis rápido e personalizado. Pero para nós a diferenza está en como se utiliza.
Nun chatbot podes preguntar que visitar nunha cidade e recibir unha resposta. Con MARCO non tes que ir facendo todas esas preguntas unha por unha: introduces as túas preferencias e obtés directamente unha viaxe estruturada por días, que ademais podes modificar.
É dicir, non buscamos simplemente dar recomendacións, senón axudarche a construír o itinerario completo.
4. Como funciona MARCO TRAVEL? Que ten que facer un usuario desde que decide viaxar ata que consegue o seu itinerario?
O primeiro é indicar o destino, as datas, con quen viaxas e que tipo de experiencia estás buscando.
A partir desa información, MARCO xera un itinerario personalizado e organizado por días, tendo en conta as preferencias do usuario, a distribución das actividades e a súa localización para optimizar cada xornada.
Despois, o usuario pode adaptalo ao seu gusto: cambiar actividades, engadir lugares ou eliminar aquilo que non lle interese. Así, MARCO ofrece unha primeira proposta estruturada, pero o itinerario final constrúeo cada persoa segundo as súas necesidades.
5. A IA pode crear un itinerario, pero viaxar é algo moi persoal. Como consegue MARCO TRAVEL adaptar unha viaxe aos gustos, ritmo e intereses de cada persoa?
MARCO non crea o mesmo itinerario para todo o mundo. Antes de propoñer unha viaxe, ten en conta o destino, a duración, o tipo de experiencia que busca cada persoa e as súas preferencias: se quere viaxar con calma, aproveitar ao máximo o tempo, descubrir a gastronomía local, facer actividades ao aire libre ou coñecer os lugares máis emblemáticos.
A partir desa información, combina diferentes fontes e criterios para crear unha proposta coherente, equilibrada e adaptada a cada caso. Non se trata só de recomendar lugares interesantes, senón de organizalos dun xeito que teña sentido para esa persoa e para o ritmo da viaxe.
E, por suposto, o itinerario non é pechado. MARCO fai unha primeira proposta personalizada, pero o usuario pode modificala, engadir novos lugares ou cambiar o que non encaixe. A tecnoloxía axuda a facer o traballo máis complexo, pero a decisión final segue estando sempre en mans de quen viaxa.
6. Cal é a principal vantaxe de ter todo o proceso de planificación dunha viaxe nunha única ferramenta?
Principalmente, a comodidade e o tempo que aforras. Normalmente utilizas unha ferramenta para buscar lugares, outra para velos no mapa, outra para inspirarte e despois tes que organizar todo pola túa conta. Ademais, cando viaxas con outras persoas, tamén tes que buscar a maneira de compartir o itinerario e organizar os gastos.
Con MARCO intentamos reunir todo ese proceso nun mesmo lugar: descubrir que facer, organizalo por días, velo no mapa, modificalo cando queiras, compartilo cos teus acompañantes e dividir os gastos da viaxe de forma sinxela.

7. Unha das vantaxes da ferramenta é poder modificar o itinerario sobre a marcha. Por que considerades importante que unha viaxe non sexa un plan pechado?
Porque na realidade as viaxes nunca saen exactamente como as planeamos.
Pode chover, podes estar máis cansado, aparecer un sitio que non coñecías ou simplemente cambiar de idea. Por iso non queriamos crear unha ferramenta que che dese un plan pechado e tivese que cumprirse ao pé da letra.
MARCO permíteche adaptar o itinerario en calquera momento, pero tamén é moito máis ca unha guía. É unha ferramenta na que tes reunida toda a información que necesitas durante a viaxe: o que vas facer cada día, os lugares que queres visitar, as reservas e outros datos importantes aos que podes recorrer cando o necesites.
A idea é que MARCO che acompañe durante toda a viaxe, tanto para planificala como para consultala e xestionala sobre a marcha.
8. Hoxe MARCO axuda a descubrir e organizar unha viaxe, pero a vosa visión vai máis alá. Como vos gustaría que fose MARCO TRAVEL dentro de 3 ou 5 anos?
Gustaríanos que MARCO fose moito máis que un planificador e que se convertese nun espazo onde a xente puidese descubrir, organizar e compartir as súas viaxes.
A nosa idea é crear unha comunidade de viaxeiros na que os usuarios poidan compartir itinerarios, inspirarse nas experiencias doutras persoas e organizar viaxes en grupo. Tamén nos gustaría incorporar elementos de gamificación que fagan máis divertida a experiencia, como retos, logros ou recompensas relacionados coas viaxes.
Ademais, cada usuario podería ter o seu propio perfil, onde gardar os itinerarios realizados ou pendentes, compartir fotos e conservar unha especie de memoria das súas viaxes.
Pero queremos construír todo isto paso a paso. Agora mesmo estamos centrados en facer moi ben a parte da planificación e, a partir do feedback dos usuarios, ir desenvolvendo estas novas funcionalidades.
9. Se tivérades que explicar nunha frase por que alguén debería probar MARCO TRAVEL, que lle diríades?
Porque MARCO TRAVEL acompáñate antes, durante e despois da viaxe, reunindo nun mesmo lugar toda a información, documentación e necesidades que podes ter, tanto se viaxas só como se o fas en grupo.
10. Por que o Pont-Up Store? Que buscades nesta experiencia?
Sobre todo, dar a coñecer MARCO e recibir feedback real.
Somos un proxecto novo e estamos nun momento no que falar directamente cos usuarios é fundamental para saber que estamos facendo ben e, sobre todo, que podemos mellorar.
Ademais, parécenos especialmente interesante participar no Pont-Up Store porque se celebra aquí, en Pontevedra, a nosa cidade, e dentro de Galicia, onde naceu o proxecto. Para nós é unha oportunidade moi especial para presentar MARCO na nosa contorna, coñecer outros proxectos e conectar con persoas que tamén están emprendendo e creando cousas novas.



Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!