Que é MycoGalicia Plantae? Que tipo de servizos realizades?
MycoGalicia Plantae é unha EBT da Universidade de Vigo dedicada a pór en valor as propiedades dos fungos en diversas liñas: investigación, asesoría, formación e divulgación.
Algúns dos servizos que se engloban dentro destas liñas son a identificación taxonómica e a fotografía microscópica de fungos macromicetos, a mellora da produción micolóxica en monte e en nave, a tramitación e posta en marcha de coutos micolóxicos, a formación sobre identificación e cultivo de cogomelos e a creación de diferentes materiais didácticos e divulgativos sobre o mundo dos fungos (aplicacións web, libros e xogos).
Contádenos un pouco máis sobre os vosos produtos e a quen van dirixidos.
Os nosos servizos de asesoría e investigación van dirixidos cara as comunidades de montes ou agrupacións de propietarios forestais interesados en mellorar o recurso micolóxico dos seus montes.
Toda a nosa formación ten como destinatario un público xeral con interese en aprender un pouco máis sobre o mundo dos fungos e os cogomelos.
Os nosos produtos máis recentes van dirixidos cara o público máis novo, posto que consideramos que nas súas mans está o futuro da biodiversidade do noso planeta. Por esta razón, deseñamos unha serie de 4 libros de colorear “A miña primeira guía micolóxica” que lles permitirá coñecer diferentes especies de cogomelos dos montes galegos, así como especies domesticadas e empregadas polo ser humano ao longo da historia. Complementaria a esta guía foi creada unha baralla de cartas de parellas coas que toda a familia poderá aprender os nomes de cogomelos comúns nos nosos montes e a súa morfoloxía.
No Pont-Up Store presentarédesnos, ademais, unha aplicación de recoñecemento de cogomelos. Podédesnos falar máis sobre ela?
No último ano, estivemos a traballar na posta en marcha dunha aplicación que axuda na identificación de cogomelos con fins didácticos. A aplicación ten por base unha clave dicotómica deseñada pola Dra. Marisa Castro, directora do Laboratorio de Micoloxía da Uvigo. Nesta clave vánsenos presentando de dúas en dúas diferentes características que pode ter o cogomelo que estamos a identificar, e sinalando as características que presente poderemos chegar a ter unha idea máis ou menos exacta da especie que é.
Ademais da clave, a aplicación inclúe un glosario e unha sección coas especies de fungos incluídas na aplicación.
Quen está detrás deste proxecto?
Este proxecto estase a levar a cabo sobre un anterior creado hai anos por un biólogo que traballou xunto ao Laboratorio de Micoloxía. Unindo esforzos entre este colaborador e os membros de MycoGalicia Plantae conseguimos unha clave máis completa, con moitas máis especies e moito máis visual de cara ao usuario.
Vemos que o voso emprendemento ten unha filosofía e unha misión ben marcadas. Podedes contarnos un pouco máis sobre elas?
O noso principal obxectivo é que da man do incrible reino dos fungos, moitas veces esquecido, a xente poida redescubrir a biodiversidade dos nosos montes. Os fungos, a pesares de que non nos deamos de conta, atópanse na base da cadea alimentaria, reciclando todos os materiais para que poidan ser empregados novamente. Tamén, moitas veces por ter sido organismos esquecidos, hai moitas das súas incribles propiedades que non se están a aproveitar e outras que nin sequera foron descubertas. Por iso, a nosa misión é dar a coñecer estes fantásticos organismos e descubrir que máis cousas poden axudarnos a mellorar no noso día a día.
Precisamente, como sabemos que isto non é algo doado, centramos parte dos nosos esforzos en que os máis cativos teñan acceso a coñecementos sobre o reino dos fungos dende a infancia, de xeito que aprendan mentres se divirten.
Como nace MycoGalicia Plantae?
MycoGalicia Plantae naceu tras o paso de dúas biólogas e dous biólogos polo programa INCUVI-Emprende da Universidade de Vigo cunha das ideas gañadoras da V edición no ano 2016.
Tras conseguir un ano de formación para pulir a idea orixinal do noso proxecto, decidimos lanzarnos a crear a nosa propia empresa, para poder dedicarnos ao mundo da Micoloxía coa colaboración da directora do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, Marisa Castro.
Que vos leva a emprender no sector da micoloxía? Credes que o proceso resulta diferente a emprender noutro sector?
A idea inicial partiu dun Traballo Fin de Grao sobre catalogación de especies de fungos nun monte galego feito por un dos membros do equipo no seu último ano de carreira. A raíz diso, pensamos que era un sector no que non se estaba a traballar moito pero que tiña moito potencial.
Á hora de falar de emprender, cada sector probablemente terá os seus puntos clave e as súas complexidades, mais coidamos que a nivel básico o proceso é semellante en calquera ámbito: ter unha idea, comprobar se é viable e, de selo, decidir se un está disposto a apostar por ela. E, sobre todo, sempre é preciso moito traballo e esforzo independentemente do sector, sen dúbida.
En que punto se atopa a vosa empresa? Cales son para vos os próximos pasos a seguir?
Nos primeiros anos centrámonos moito na parte da formación e divulgación en Micoloxía posto que é unha área que axuda moito a darse a coñecer e facer contactos con diferentes persoas e entidades e tamén comezamos diversos traballos de asesoría forestal micolóxica.
Os nosos próximos pasos pretenden potenciar esta parte de asesoría e rematar de consolidar a parte de investigación baseada en micoloxía podendo participar en diferentes proxectos de catalogación de especies ou na análise de diversos compoñentes dos fungos.
Que poderemos atopar no stand de MycoGalicia Plantae no Pont-Up Store 2019?
No stand de MycoGalicia poderedes atopar os 4 libros coloreables da serie “A miña primeira guía micolóxica”, as barallas de cartas “O xogo dos cogomelos”, panfletos explicativos sobre o sector forestal en Galicia, normativa básica para o apañador de cogomelos e guías de uso da aplicación de identificación de cogomelos.
Ademais, a maiores levaremos algúns materiais con deseños exclusivos feitos por nós baseados na micoloxía, como camisetas e bolsas de tela.
Ademais dun stand, tamén levaredes a cabo una actividade, podedes contarnos máis sobre ela? Cal é o voso público?
A actividade que levaremos a cabo consiste na explicación do proceso de montaxe dunha paca produtora de cogomelos. Así, dun xeito visual poderemos mostrar o papel que teñen os fungos na natureza, que é precisamente do que nos servimos para domesticalos e producir algunhas especies de cogomelos todo o ano.
Calquera que queira aprender un pouco máis sobre o mundo dos fungos será benvido!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!