O noso invitado de hoxe, David, ten por lema que «A vida é moi curta como para comer queixo só de cando en cando» e así o transmite no seu proxecto, unha queixería cunha marcada filosofía detrás.
Ademais, David prepara unha actividade dentro do programa do Pont-Up Store o sábado pola tarde na nosa carpa central.
Queres saber máis deste emprendedor, do seu proxecto ou da súa actividade? Sigue lendo!
Ola David, encantados de terte hoxe no noso blog. Antes de nada, cóntanos. Como definirías Queixo e Aparte?
Unha filosofía. Queixo e aparte non é unha queixería, é unha filosofía, unha aposta por productos 100% artesanais e cunha historia detrás. De aí iso de «queixos con rostro». E iso mesmo aplicámolo a todo o que podedes atopar na queixería para acompañar aos nosos queixos. É tamén unha filosofía de vida, unha aposta por poñer en valor o traballo do rural no que a xente moza se está implicando para darlle un novo e necesario impulso. É un proxecto cun punto de rebeldía contra a xeralidade do protocolariamente establecido, por iso o «e aparte». É un novo comezo de capítulo no profesional, pero tamén no persoal, é un «este son eu e iso é o que quero facer», mais sempre tratando de rodearme de quen sabe. Ninguén nace aprendido e ninguén o sabe todo e eu non son o que máis sabe no mundo de nada. Poñéndonos modernos, eu sonche un newcomer nisto.
Cónstanos que a túa historia profesional é peculiar. Como decides comezar con este proxecto?
O espírito emprendedor sempre estivo aí a fervellar pero o verdadeiro impulso foi poder arrincar a aventura da man da miña nai. Foi unha tolemia, deixeino todo por comezar a aventura con ela pero soamente tomando riscos se pode gañar. E na viaxe seguimos!
Vemos que ademáis, Queixo e Aparte é un proxecto que compartes coa túa nai. Como é iso de emprender en familia? Que dirías que é o mellor e o peor de iniciar a aventura en conxunto?
Emprender rodeado da xente que che quere ben é o mellor que che pode pasar. Nunca che van a facer a pelota pero sempre van saber como darche folgos nos momentos fracos. Ninguén mellor o coñece a un que unha nai, e o mesmo pasa ao revés no noso caso. O mellor é que se trata dunha equipa sólida xa de antes por diversos motivos personais, e falo de nós porque cada caso é un mundo pero Luisa mais eu entendémonos ben nisto (aínda que tamén temos cada un as nosas teimas). O peor? Quizáis que nunca respiras do traballo, ao estar xuntos sempre andamos argallando cousas, pero iso tampouco é malo realmente (risas).
Que tipo de produtos podemos atopar na túa tenda?
O principal é o queixo, pero tamén temos unha selección de productos elixidos para acompañar aos queixos. Viños elaborados por pequenos produtores, un aceite de Oliveira do sur cunha historia bastante interesante, conservas da ría, mel de cercanía, marmeladas, froitos secos… Todo na queixería ten un por que e iso tamén é parte da nosa filosofía. Non é «ter por encher».
Cal dirías que o potencial diferencial da túa marca?
A filosofía, de feito creo que me comezo a dar conta de que é o que máis repito cando falo de Queixo e aparte… (risas). A filosofía, o xeito de entender un proxecto é o que o define e iso é o que podes trasladar á xente. Eu quixera que quen entre pola porta poida saber, sen preguntar nada, de que vai o asunto. E que marchen polo menos sabendo alguna cousiña que antes non sabían. Isto non é vender queixo a lo loco, non despachamos aos clientes, gústanos atendelos ben, adicarlles tempo, falar con eles, coñecer o que buscan, contarlles quen está detrás dos produtos ou algunha curiosidade sobre eles…
En que punto se atopa agora o proxecto?
Agora mesmo tratando de consolidar o proxecto e darnos a coñecer despois da pandemia que temos vivido e tratando de adaptarnos ás circunstancias. Dende logo todo isto foi unha aprendizaxe que ninguén podía esperar. Temos cousas que tivemos que deixar pendentes por mor da situación e que queremos retomar cando as circunstancias nolo permitan, e tamén temos outras ideas que nos gustaría desenvolver. Sempre andamos argallando cousas! Pero cos pés na terra e sendo conscientes de quen somos e da nosa posición. Simplemente tratamos de facer o noso traballo o mellor posible.
Cales son os seguintes pasos que a realizar?
Principalmente darnos a coñecer. Soamente se a xente sabe que estás vai a achegarse a ti… E logo xa iremos vendo… Tampouco hai que facer castelos no aire nin ir dando viravoltas sen sentido. O proxecto é consistente e ten unha dirección clara, así que imos seguila tratando de ir paseniño. Sabemos cara onde podemos e queremos ir, mais todo ao seu tempo e sempre ben rodeados. Temos a sorte de contar co apoio incondicional de Elena, Marga e Tomás, de Cartablanca, dende o comezo e iso xa che da un bo chan sobre o que ir pisando. A partir de aí, os límites ponos un mesmo.
Para rematar, que poderán atopar os visitantes que decidan apuntarse a túa actividade no Pont-Up Store 2020?
A nosa idea é trasladar un pouco o que facemos na queixería. Imos falar sobre o queixo e, en concreto, sobre unha pequena selección de queixos galegos para que a xente poida descubrir todo o que hai detrás dun produto que nace como xeito de conservación do leite. É incrible todo o que se pode acadar con leite e callo… Ademais, o queixo encántanos porque é o que mellor fala dun territorio, dunha cultura e da súa xente. Se queres coñecer un lugar, busca o queixo típico dalí. Non faltedes! A vida é moi curta como para comer queixo só de cando en cando.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!