Que é a Revista Morcego? Que tipo de contidos ofrecedes?
Revista Morcego é a única publicación en galego adicada en exclusiva aos videoxogos, a súa cobertura dun xeito profesional e xornalístico.
Ofertamos reportaxes, artigos de opinión, novas diarias, entrevistas… Contido escrito para ler na súa maioría, aínda que segundo a ocasión tamén existe certo contido audiovisual.
Por último, cada semana facemos un podcast tamén videoxogos. Nel repasamos a actualidade, conversamos, escoitamos, berramos… De todo un chisco.
Cales son os contidos de máis éxito entre os vosos lectores?
Os contidos nos que falamos do que se fai aquí, na nosa terra. Novas que por proximidade só nós podemos ofertar e que o resto de medios nacionais non chegan a traballar.
A creación do Museo do Videoxogo Galego, os eventos locais, as xuntanzas existentes, as asociacións adicadas ao videoxogo….
Quen está detrás deste proxecto? Como nace a Revista Morcego?
Revista Morcego é un proxecto impulsado por Carlos Pereiro, xornalista. El fai a inversión e redacta a maioría dos contidos que día a día saen en portada.
O seu obxectivo foi, e será, normalizar o uso do galego dentro da industria do videoxogo, un medio que está lonxe da nosa lingua, pero no que tamén pode vivir perfectamente. Perante a ausencia total de contidos nesta lingua desde hai anos, Carlos viuse na necesidade de querer facer algo, non agardar ou depender de ninguén, e deu o primeiro caso cara a recuperación dun espazo de videoxogos onde o galego sexa a lingua principal.
Por que apostar por un medio 100% dixital? Valorades a opción de realizar un número escrito?
Por que non? É evidente a crise do xornalismo en papel (Carlos coñécea ben ao pasar por redaccións deste tipo). A xente non meca xornais, non merca publicacións ou cústalle moitísimo facelo. Un debe entender onde está o público e o seu target.
Algo de Morcego en físico? Pode ser. A idea está sobre a mesa. É probábel que no 2020 si exista un número moi exclusivo e limitado que recompile os mellores artigos do ano. É só un pequeno soño.
Como curiosidade, que videoxogo ou videoxogos credes que están tendo un maior éxito en Galicia?
O videoxogo con maior éxito en Galicia? É difícil. Dubido que o público galego teña un gusto diferente nos videoxogos ao de.. Ponferrada ou Oviedo. Os videoxogos móvense por tendencias globais. Ben é certo que por exemplo, nos deportes electrónicos, temos unha moi boa comunidade de xente no Super Smash Bros.
En que punto se atopa agora o voso emprendemento? Cales son para vos os próximos pasos a seguir?
Agora mesmo iniciamos a nosa campaña de financiamento a través de Patron, unha plataforma dixital coa que os usuarios poden aportar unha cantidade X de cartos ao mes. É unha maneira de manter activo ao lector, que se involucre con nós de xeito directo. Comezou o 1 de setembro. Aos poucos, imos recrutando xente.
Como coñecestedes o Pont-Up Store? Que esperades obter do voso paso polo evento?
Son de Pontevedra e levo varios anos acudindo. É un escaparate fabuloso para coñecer proxectos pequenos e non tan pequenos, alternativos pode ser a palabra. Saber que se fai na nosa contorna é moi importante.
Queremos visibilidade. Que a xente que se achegue coñeza que ten unha alternativa de estar informada sobre videoxogos na súa lingua. Tanto el como a súa familia. Morcego é para todas as idades.
Para rematar, que poderemos atopar no stand de Revista Morcego no Pont-Up?
Información, conversa e un monitor cun par de consolas esperando ser usado por quen queira botar un vicio. Tamén verán a Charlie facendo novas en tempo real. Os medios de comunicación nunca descansan.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!