1. Como nace SomosTerra? Que vos leva a emprender neste sector?
A alarmante situación de emerxencia climática trae consigo abundantes montañas de tristeza e frustración. Estes sentimentos poden chegar a ser paralizantes, profundamente dolorosos e incluso poden arrebatarnos todo ápice de esperanza. Porén, son precisamente estes sentimentos os causantes de que hoxe esteamos a falar sobre SomosTerra.
Raquel G. Villar e mais eu, Eva L. Quiroga, xuntámonos fai dous anos por compartir a mesma necesidade imperante: “facer algo polo planeta”. Con este obxectivo, presentámonos á convocatoria da preincubadora de negocios da Universidade de Vigo en xaneiro do 2018, e coa nosa idea de negocio, resultamos gañadoras. Así comezou a viaxe de ser emprendedoras, esa viaxe na que continuamos inmersas con absoluta paixón.
Tras facer máis de sete saltos entre diferentes ideas de negocios, procesos de validacións e sobre todo, moitísimas aprendizaxes, chegamos a consolidar o modelo de negocio que hoxe en día da forma a SomosTerra.
2. Que é SomosTerra? Quen está detrás deste proxecto?
SomosTerra é unha semente para a sostibilidade, un espazo para compartir inquietudes e coñecementos, unha invitación para comprender que o coidado da natureza empeza polo coidado dunha mesma. En xaneiro de 2019, tivemos a oportunidade de participar no programa de emprendemento ES-CONECTA (unha aceleradora de economía social dentro do proxecto POCTEP-LACES) que nos permitiu profundar no modelo de negocio e concretar o proceso de consolidación de SomosTerra.
Así foi como SomosTerra pasou a ser unha sociedade cooperativa xuvenil. O equipo promotor está formado por dúas biólogas: Raquel Gómez Villar, cuxa actividade profesional dentro da cooperativa defínese como monitora, formadora e divulgadora, e Eva López Quiroga, como xestora do desenvolvemento sostible, divulgadora e formadora.
SomosTerra ten como misión a consultoría ambiental e de formación que, a través de actividades, obradoiros e programas, busca educar, sensibilizar e implicar aos diferentes axentes da sociedade co obxectivo común de fomentar a sostibilidade no territorio. Unha das principais fórmulas que empregamos consiste na implantación da Axenda 2030 conectando a motivación das persoas coa acción por un mundo mellor a través da aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) propostos pola ONU.
Isto é posible grazas a actividade empresarial de SomosTerra, que constantemente se enfoca en contribuír no desenvolvemento local mediante a cohesión social, a cooperación e a creación de canles de comunicación entre os diferentes colectivos sociais nos que a sostibilidade é a medula espiñal.
3. Contádenos un pouco máis sobre as vosas tres liñas de servizo. Que tipo de actividades levadas a cabo?
Con SomosTerra ofertamos formación en sostibilidade (cursos, xornadas e/ou programas educativos) e asesoramento en desenvolvemento sostible (elaboración de proxectos, plans de acción, etc.). Ademais, propoñemos o servizo de divulgación científica para contribuír á xeración de cultura científica na sociedade e promover a adaptación da sociedade para os inminentes escenarios de incerteza climática. Esta divulgación está alienada co fomento e aplicación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) propostos na Axenda 2030.
Nas actividades levadas a cabo nas tres liñas de negocio, abórdanse os aspectos teóricos (crisis ecolóxica e social, sostibilidade, Axenda 2030, ODS, etc.) e os metodolóxicos (dinámicas cooperativas, actividades no ámbito local, etc.) co obxectivo de fomentar a sostibilidade no territorio sen perder de vista a visión global. Por este motivo, dende SomosTerra aportamos ferramentas para aplicación e actuación en materia de desenvolvemento sostible de forma local, actuando como ponte entre actuacións concretas no territorio galego e as iniciativas internacionais (como é o caso da Axenda 2030).
A metodoloxía aplicada nos servizos de SomosTerra favorece o traballo interdisciplinario e de carácter transversal, involucrando ao público obxectivo na posta en práctica da sostibilidade na súa rutina diaria mediante o fomento do pensamento crítico, a cooperación, a creatividade e a implicación na transición social e ecolóxica global.
4. En que punto se atopa a vosa empresa? Cales son para vos os próximos pasos a seguir?
Actualmente estamos no trámite final do proceso de consolidación. A constitución da cooperativa xuvenil está programada para setembro de este mesmo ano. As nosas liñas de negocio están definidas e foron realizados os correspondentes procesos de validación. A partir de setembro, estaremos traballando dende unha oficina no Parque Empresarial Porto do Molle (Nigrán) como consecuencia de seren gañadoras do premio INCUVI- AVANZA da Universidade de Vigo.
Ademais, estamos elaborando un programa formativo personalizado para o noso primeiro cliente. Este servizo será ofertado a partir de outubro de 2019.
5. Como coñecestedes o Pont-Up Store? Que vos levou a presentar unha candidatura para o Puntazo Exprés?
O ano pasado unha das promotoras de SomosTerra asistiu como visitante ao Pont-Up Store e así foi como coñecemos este evento.
No Puntazo Exprés vimos unha oportunidade para dar a coñecer a SomosTerra. A empresa está en proceso de constitución, polo tanto, consideramos moi enriquecedora a participación en eventos con outras persoas empresarias e emprendedoras para aprender, compartir e crecer a través do diálogo e a posta en común.
Ademais, coa presentación do noso proxecto gustaríanos invitar ao resto de participantes á reflexión sobre a importancia e os beneficios de ter en conta a sostibilidade dentro do plan empresarial. Do mesmo xeito, esperamos empaparnos das perspectivas e os puntos de vista dos demais asistentes.
6. Por último, un consello para todos aqueles emprendedores que coma vos están comezando cun proxecto ou decidíndose a emprender.
Emprender e aprender son dous conceptos profundamente vinculantes. Cando comezamos no noso camiño de emprendemento, descoñecíamos o significado de “emprender” mais estabamos repletas de gañas de aprender. Por este motivo, o principal consello que podemos ofrecer é este: para emprender o ingrediente esencial é a paixón por aprender.
Por unha parte, está a aprendizaxe “técnica”, necesaria para coñecer as fórmulas empresariais, as metodoloxías para validar as ideas de negocio, profundar nos mundos da estratexia empresarial, o márketing, a imaxe corporativa, a presencia nas redes sociais, e a lista continúa. Esta experiencia require moito traballo e tempo de dedicación, mais sempre se alimenta coa paixón que brota ao sentir o avance da túa idea de negocio.
Por outra parte, está a aprendizaxe “emocional”. Precisamente, para nós, o segundo ingrediente para emprender, é ter atención consciente e constante ás emocións que van brotando no proceso de emprendemento. Cando te embarcas na viaxe de ser emprendedora, estás tomando a decisión de ser (xunto co teu equipo, no caso de houber) as responsables do rumbo a seguir con cada decisión que aparece no camiño. Este punto é delicado, xa que require claridade emocional. É por iso que emprender tamén trae consigo unha enorme aprendizaxe emocional: a invitación á escoita interna que desemboca na fermosa oportunidade de coñecerse a unha mesma. Esta aprendizaxe multiplícase no caso de emprender en equipo, xa que o proceso de creación colectiva alimenta moitísimas oportunidades para enriquecer a nosa empatía.
Polo tanto, como conclusión, queridas e queridos emprendedores, a escoitar e aprender! Neste bucle de acción, o amor polo que facedes non deixará de medrar.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!