Ás portas da súa quinta edición, o espazo de emprendemento PONT-UP STORE é xa unha cita de referencia en Galicia para todas as persoas que se atreven a soñar e que deciden facer realidade os seus proxectos empresariais; por iso, a campaña deste ano está inspirada no periplo dunha intrépida moza decidida a lograr o éxito da súa misión emprendedora grazas ao impulso que recibe no PONT-UP STORE.
A acción trasládanos a unha Pontevedra retrofuturista situada nun mundo paralelo, onde o talento é a enerxía capaz de transformar o mundo. A nosa protagonista chámase Kore, un nome que na mitoloxía grega fai referencia á deusa da iniciativa, a curiosidade e a renovación, coñecida tamén como Perséfone.
Kore recibe unha chamada á aventura. Lánzase, cruza o limiar, abandona a súa realidade e adéntrase nun mundo descoñecido onde recibe a axuda dun pequeno robot que sostén nas súas mans e que a vai guiando cara o seu obxectivo.
Neste punto atópase a escena que se representa na ilustración da campaña desta edición 2018, obra de Iván Pan, de Seele Comunicación, unha das empresas que forma parte da Comunidade UP! na que tecen redes as emprendedoras e emprendedoras que veñen participando no PONT-UP STORE desde a primeira edición.
A escena imaxinada por Iván Pan non é nin o principio nin o final do camiño, é o punto no que Kore cruzou a porta da súa nova realidade e chega ao seu primeiro destino, a estación flotante do PONT-UP STORE, onde espera atopar a axuda e o impulso que precisa para seguir a viaxe, un lugar onde expoñer o seu proxecto e talento, pero tamén un lugar de encontro, de cooperación, de aprendizaxe, de proxección, de recursos que explotar.
A estación orbita sobre a cidade de Pontevedra xerando expectación, curiosidade e admiración, revelándose como unha estrutura capaz de xerar enerxías poderosas e atraer talento.
A nosa protagonista sábese diferente, especial, non vai co resto, ten algo, ese algo, que non sempre se alcanza a ver ata que eclosiona.
Desde a organización do PONT-UP STORE agardamos que esta historia sexa unha inspiración motivadora para todas as persoas emprendedoras que decidan achegarse ao PONT-UP STORE desde calquera punto de Galicia e do resto do Estado para amosar o seu TALENTO TRANSFORMADOR.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!