Hoxe, acompáñanos Carmela, creadora de The Goood Shop, un ecommerce cunha clara aposta pola sostibilidade.
Carmela volve a Pontevedra para participar coa súa tenda online no Pont-Up Exprés do Pont-Up Store 2020….e xa temos moitas ganas de coñecela!
Queredes coñecer máis deste proxecto? Sigue lendo!
Para comenzar, como definirías The Goood Shop?
The Goood Shop, con 3 oes, é unha tenda online multimarca de moda e decoración fabricada de forma ética, sostible e de proximidade. O obxectivo de The Goood Shop é darlle visibilidade ás boas marcas e impulsar o consumo responsable e de km 0.
Que tipo de produtos se poden atopar na vosa web?
Pódese atopar roupa, bolsos e complementos, obxectos de decoración e roupa de fogar, accesorios de oficina e incluso mascarillas. O catálogo de The Goood Shop sempre se está ampliando pero os produtos sempre teñen un denominador común: teñen que ser fabricados no estado español, de forma ética e respectuosa co medio ambiente.
Como nace este proxecto?
The Goood Shop nace da inquietude dunha publicista que traballaba para moi grandes marcas moi coñecidas mentres, sen embargo, buscaba consumir pequenas marcas responsables demasiado pouco coñecidas. Un día dinme conta de que os meus coñecementos de publicidade podían resultar moi útiles para darlles máis visibilidade ás boas marcas e, de paso, facer que consumir de forma consciente sexa más accesible e sinxelo para máis persoas. The Goood Shop é, máis alá dunha tenda, un proxecto de comunicación e unha aposta por un modo de vivir máis respectuoso co medio ambiente e as persoas.
Quen está detrás deste emprendemento?
Pois por un lado estou eu, Carmela Serantes, creativa publicitaria recoñecida e premiada en festivais internacionais como Cannes Lions, CLIO, FIAP, Club de Creativos e El Sol, e Antonio Caparrelli, desarrollador web e fundador de Calzefratelli, unha marca de calcetíns 100% algodón fabricados en España que tamén se vende en The Goood Shop.
Como realizades a selección de produtos para a vosa web? Que criterios deben cumprir estas marcas?
A selección das marcas de The Goood Shop é lenta, rigorosa e moi personalizada, realízoa eu mesma cos seguintes criterios:
1. A fabricación ten que ser ética e local.
2. Os produtos teñen que ter un deseño atractivo e atemporal, feitos para ser usados e usados durante moitos anos.
3. Os produtos teñen que ser de boa calidade, feitos para durar.
4. Os produtos teñen que ser respectuosos co medio ambiente, feitos con materiais ecolóxicos, reciclados ou reutilizados.
5. As marcas teñen que ter vocación de cambio social, traballando por unha sociedade máis inclusiva e igualitaria. Podo dicir con orgullo que a maior parte dos produtos que se venden en The Goood Shop fabrícanse en talleres de inserción social de colectivos vulnerables.
Como vive toda esta época de pandemia unha tenda online? Notastedes algún cambio nos consumidores dende o confinamento?
Pois está sendo unha época dura e, ó mesmo tempo, sorprendente. A pesar de parar practicamente tódalas nosas campañas de comunicación, estamos tendo un aumento importante en ventas, visitas e aparicións nos medios. Cada vez máis persoas elixen consumir de forma responsable, sostible e local, tal vez porque é a única esperanza para saír da crise económica, social e climática na que fai anos vive somerxido este planeta.
En que punto se atopa o proxecto?
The Goood Shop aínda é un proxecto novo, que ten moito que medrar. Cada vez hai máis marcas interesantes, que fabrican de forma responsable e sen deslocalización, gustaríanos incorporalas a todas. Tamén nos gustaría ir ampliando o noso equipo pouco a pouco para poder levar a cabo máis proxectos de divulgación de consumo responsable e da importancia de levar unha vida máis sostible e respectuosa co medio ambiente.
Cales son os seguintes pasos que vos gustaría dar coa marca?
Creo que xa respondín unha parte desta pregunta na resposta anterior. Entre os nosos plans tamén están a internacionalización, cada vez temos máis ventas en Europa, queremos impulsalas con unha estratexia de marketing máis internacional.
Para rematar, un consello para os emprendedores que están comezando cun proxecto ou decidíndose a emprender?
Que se rodeen ben. Emprender é colaborar. E non só falo do equipo interno, senón das outras iniciativas que teñen obxectivos compartidos. En vez de ver competencia, é interesante detectar oportunidades de colaboración. Xuntas aprendemos, compartimos recursos e chegamos máis lonxe. The Goood Shop non chegaría ata aquí sen a rede de iniciativas empresariais, sociais e tamén asociativas coas que día a día colabora e comparte.
Grazas, Carmela, por compartir o teu tempo con nós. E vos, queredes coñecer máis emprendementos? Botade un ollo as demáis entradas do noso blog!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!