Blog

LunSet09

Catro Ventos

Defiinde que é para vos Catro Ventos Editora.

Catro Ventos é unha editora viguesa adicada á publicación de obras en galego sobre os eidos da ecoloxía, a economía social, o consumo responsable, os dereitos humanos e a crianza alternativa.

Que tipo de obras literarias publicades?

Traballamos en proxectos de edición moi específicos para levar ao mercado editorial galego información, coñecementos e propostas arredor dos eidos citados. Por unha banda, traducimos obras desde distintas linguas e, pola outra, creamos proxectos galegos de produción propia, desde cero.

Ademáis da publicación de libros, levades a cabo outras actividades. Podédesnos explicar máis sobre elas?

Somos unha editora conformada como sociedade cooperativa galega de traballo asociado. As persoas que constituímos o equipo temos perfiles profesionais de longa experiencia ligados á tradución, ao deseño e á comunicación. Por iso, paralelamente á nosa labor interna, ofrecemos servizos editoriais a todo tipo de empresas e clientes. Temos capacidade para encargarnos de todas as fases do proceso de edición dunha obra (tradución, corrección, maquetación, deseño, produción, márketing etc.), de tal xeito que podemos cubrir unha necesidade puntual ou levar a cabo un proxecto completo, desde a fase cero á fase final de comercialización e difusión no mercado.

Como é para vos un “lector Catro Ventos”?

A persoa lectora das nosas obras é en esencia curiosa, interesada en coñecer estilos de vida alternativos, xustos e sustentables. Unha persoa culta que quere información de calidade en galego sobre temas que lle afectan a distintos niveis, relacionados co seu día a día e coa súa contorna.

Quen está detrás deste proxecto?

Actualmente Catro Ventos está conformada por cinco persoas socias que cobren todas as áreas funcionais de traballo. Por unha banda están María Mediero, Miguel Braña e Patricia Buxán na área de tradución e xestión de proxectos e, por outra, Alicia Malga e Isidro Dozo en deseño, produción e comunicación. Esta división por áreas é orientativa, xa que traballamos por proxecto de xeito horizontal, adaptándonos ás necesidades e aos tempos de cada obra.

Como nace Catro Ventos? Que vos leva a emprender neste sector?

Catro Ventos naceu para dar resposta ao baleiro editorial arredor dos eidos da ecoloxía, a economía social, o consumo sustentable, os dereitos humanos e a crianza alternativa. Moitos textos esenciais desas temáticas non se atopaban dispoñibles na nosa lingua e mesmo son difíciles de encontrar en castelán, a pesar de que Galicia conta con moitas iniciativas asociadas á economía social e un amplo potencial de persoas interesadas en obras que aborden estes temas.

Como é o proceso de emprender no mundo editorial en galego?

O sector editorial galego é un fenómeno complexo. Á hora de emprender tiñamos claro que era preciso cubrir o nicho de mercado no que traballamos, pero tiñamos  algunhas dúbidas sobre o seu funcionamento tendo en conta a situación da nosa lingua e o número de falantes actual de Galicia. Reunímonos con varias persoas expertas de editoriais consolidadas que puxeron o foco en moitas cuestións que a día de hoxe para nós son esenciais, coma os custos de produción, a distribución e a loxística. A súa experiencia foi parte da base para entender o funcionamento interno e externo das editoras no noso contexto, e para facer unha análise realista das nosas expectativas. Por outra parte, para emprender contamos coa documentación e asesoramento de entidades coma Espazocoop (https://espazo.coop/) ou Xedega (https://xedega.es/?lang=gal).

En que punto se atopa a vosa empresa? Cales son para vos os próximos pasos a seguir?

Estamos en fase de consolidación. Somos profesionais independentes e seguimos realizando proxectos alleos á editora en calidade de profesionais autónomos, pero o certo é que Catro Ventos require cada vez máis horas da nosa xornada laboral, o catálogo é maior cada ano e aspiramos a poder adicarnos plenamente á editora a medio prazo.

Que poderemos atopar no stand de Catro Ventos no Pont-Up Store 2019?

Levaremos exemplares dos nosos títulos para que os asistentes poidan coñecer o catálogo publicado ata o de agora e mesmo adquirir as obras que lles interesen. Tamén estaremos presentes para falar dos servizos editoriais que ofrecemos e dos nosos próximos lanzamentos.

Por último, un consello para todos aqueles emprendedores que coma vos están comezando a emprender ou están decidíndose a apostar polo seu proxecto.

É importante medir o risco e as barreiras de entrada e de saída para ter claro onde é mellor deterse para reformular as directrices do proxecto, reencamiñalo cara a onde cumpra e mesmo, chegado o momento, recoñecer que non é viable (por sorte, non é o noso caso!). Tamén hai que apostar por un proxecto no que se estea moi a gusto, porque sempre se lle adica moito máis tempo do que se imaxina, co sacrificio persoal que isto implica. Contar cun equipo sólido cun obxectivo común e estar rodeado de profesionais cunha mentalidade afín é esencial para que o emprendemento se converta nun proxecto rendible e viable.

Inicia sesión para enviar comentarios
Go to top