Blog

Elementos filtrados por fecha: Xoves, 08 Agosto 2019
Xoves, 08 Agosto 2019 10:10

Emprender desde o feminismo

A verdade é que xerar o teu propio proxecto laboral é un camiño apaixonante. Cando se fai, como é o noso caso, no marco da economía social e solidaria, a cooperación e os procesos de creación colaborativos substitúen ao individualismo e á competitividade. O colectivo dá sostén ao proxecto e nunca estás soa.

Con todo, alén de emocionante e apoderador, emprender é difícil, especialmente se es muller e queres levar adiante unha iniciativa desde o feminismo. En primeiro lugar, porque tes que enfrontar a case total falta de referentes. Nestes tempos nos que imperan os tan recorrentes lemas neoliberais do Do It Yourself!, os grandes exemplos de emprendemento continúan a ser Steve Jobs, Bill Gates e Amancio Ortega. Uns modelos que, ademais de masculinos, responden a unha determinada lóxica.

Desde o discurso do emprendemento véndesenos constantemente un esquema de éxito baseado na maximización de beneficios e a acumulación de capital, no que o status individual está vinculado a nosa capacidade de consumo e no que se nos penaliza se os nosos tempos non son absolutamente produtivos e multidisciplinares... Como se todas partísemos dun mesmo punto, con igualdade de oportunidades, e o único elemento diferenciador fose a actitude e o esforzo.
Porén, diversos estudos e a propia experiencia demostran que emprender sendo muller é máis difícil. As dificultades de acceso ao financiamento, a presión social, as autocreenzas limitadoras, a maternidade ou a dobre xornada laboral, son só algunhas das dificultades ás que nos temos que enfrontar as que decidimos, voluntariamente ou pola falla de oportunidades, iniciar o camiño da creación do noso propio posto de traballo.

Que sucede se, ademais, non te sintes identificada co emprendemento mainstream e valoras o éxito dun xeito moi diferente ao modelo neoliberal? Que acontece se o que queres é crear un posto de traballo diferente? Nese caso, o reto engadido é construír desde a busca de modelos alternativos, rebelándote fronte ao que che contan nos centros de orientación laboral.

Así o fixemos en 7H Cooperativa Cultural, un proxecto de autoemprego colectivo baseado na economía social e solidaria no que apostamos pola fórmula cooperativa por tratarse dun modelo de xestión empresarial centrado nas persoas e na comunidade. Isto é, un modelo que aposta pola repartición xusta e equitativa de ingresos, que cree no consumo responsable e que procura pór o énfase nas tarefas dirixidas aos coidados da vida, á súa valoración e á súa visibilización.

Se estás iniciando un proxecto en solitario, tes que saber que hai alternativas, que existe unha economía feminista que quere mudar as desigualdades que rexen as regras do sistema, que existe unha economía social e unha economía solidaria na que prima a cooperación fronte a competencia. É neste contexto onde podes atopar aliadas que te acompañen no camiño e que te lembren, se é que o esqueces, que ademais de coidar o teu propio proxecto, tamén te tes que coidar a ti mesma. O Pont Up pode ser un espazo ideal para atopalas!

Por Clara R. Cordeiro, socia fundadora de 7H Cooperativa Cultural, participantes no Pont Up 2015 e membros do comité organizador desde o 2016.

Publicado en Blogue
Go to top