Blog

Elementos filtrados por fecha: Martes, 10 Setembro 2019

A organización seleccionou os 46 emprendementos con máis potencial de desenvolvemento entre un total de 168 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un incremento do 17% con respecto á anterior edición. Este ano, destaca a cantidade de empresas de nova creación que plantexan solucións para reducir a pegada ecolóxica desde múltiples ambitos; e tamén as iniciativas para activar o rural galego. A tecnoloxía e a comunicación son ferramentas que as nosas empresas saben usar cada vez máis e mellor; e aumenta tamén a escolla da fórmula cooperativa á hora de emprender. Esta edición confirma un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega un tercio do total das propostas.

Pontevedra, 23 de xullo de 2019.- O PONT-UP STORE chegará en outono a Pontevedra por sexto ano consecutivo, cunha representación de emprendementos procedentes de toda Galicia, escollidos en base ao seu potencial de desenvolvemento e orientados a modelos de negocio moi diversos nos que están representados todos os sectores. Non foi tarefa fácil  para o comité organizador seleccionar as 46 empresas que van participar no encontro, e deixar atrás 122 candidaturas do total das 168 recibidas nesta edición; pero é síntoma do potencial de que ten Galicia e tamén do nivel que alcanzado polo evento, que se consolida progresivamente como o maior encontro do novo emprendemento en Galicia.

 Destas 46 empresas seleccionadas, 34 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 14 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, con propostas tan interesantes como demostracións de marketing olfativo, probas con vehículos eléctricos, sesións de formación científico-tecnolóxica para a rapazada, un taller de maxia, un obradoiro de panadería artesá e unha proposta práctica sobre como conseguir a difícil e sen embargo posible tarefa de reducir o noso consumo de residuos plásticos.

 Por último, 10 emprendementos participarán no Puntazo Exprés, onde terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a importantes executivas e executivos de grandes empresas e entidades galegas: Uxía Fontán Lago, social media e directora de inbound marketing en Roi Scroll; Carlos Suárez Rey, socio e director xeral de EDISA; Jessica Rey Gómez , responsable de marketing en Casa Grande de Xanceda; e Tomás Casquero Cimadevila, director xeral da biotecnolóxica galega Hifas da Terra.

  O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, explica que “nesta edición volvemos constatar un importante incremento na cantidade e calidade dos emprendementos que presentaron candidatura, tanto no seu carácter innovador como no potencial de desenvolvemento”. En canto á procedencia das candidaturas, Figueroa afirma que “o Pont-Up Store consolídase como o referente do novo emprendemento en Galicia con un tercio das candidaturas procedentes de fóra das sete grandes cidades galegas, o que é indicativo da boa saúde das dinámicas emprendedoras nas vilas e no rural galego”. O director do Pont-Up tamén destacou que nesta edición “sorprendeunos a gran cantidade de empresas orientadas a minimizar o impacto medioambiental desde diferentes ámbitos; de feito case a metade das seleccionadas teñen a sostibilidade como liña central do seu negocio” e engadiu que “tamén celebramos que continúe aumentando o número de proxectos que teñen como obxectivo activar o rural, non só con propostas vinculadas ao sector agroalimentario, senón tamén con propostas de base tecnolóxica”. Por último, destacou o número de emprendementos orientados ao sector da formación, seguidos polos de decoración e moda e os de turismo, ocio e saúde. Pedro Figueroa lamentou non poder acoller a máis emprendementos e explicou que “tras unha selección que procura o maior equilibrio posible entre os diferentes sectores e actividades, houbo proxectos de gran calidade que non puideron ser seleccionados finalmente debido ao límite de prazas dispoñibles, pero isto hai que velo como unha mostra da boa saúde e potencial que temos como país emprendedor”.

 Entre as empresas específicamente orientadas á sostibilidade destacan Huella Menguante, unha tenda online de productos de uso diario orientados a reducir os residuos plásticos, productos reutilizables, biodegradables e de cercanía; Beflamboyant, fabricante de zapatillas veganas; eezon E3, fabrican scooters eléctricos de 3 rodas para moverse pola cidade; D- Raíz, unha marca de complementos de moda sostible manufacturados en Galicia; Estudio Avelaíña e Cetácea Studio fan deseño creativo sostible co obxectivo de “salvar o mundo”; A Factoría Atelier recuperan mobles e fan creacións artesanais de decoración e complementos a partir de materiais recuperados e sustentables; Meraki Ferments son os primeiros en elaborar Kombucha en Galicia; Somos Terra, ofrecen formación en sostibilidade e asesoramento en desenvolvemento sostible; Farrapos e contos, é un movemento ecolóxico, sostible, solidario e consciente creado a partir dunha marca de roupa conta contos; a cooperativa Catro Ventos, é unha editora que enfocada a publicacións de ecoloxía, consumo sustentable e economía social; Toxo Aventura e Rooteiro, ofrecen interesantes propostas de turismo sostible; e a cooperativa Triquels, que axudamos a empresas e marcas con valores a mellorar a súa comunicación e sustentabilidade. Aínda dentro da sustentabilidade, é esperanzadora a cantidade de negocios lanzados desde o rural ou co obxectivo de actívalo. MycoGalicia Plantae, céntrase na xestión e valorización do recurso micolóxico dos montes galegos para o desenvolvemento rural; Tres Fuciños, é unha cooperativa de porcos celtas criados en liberdade nos nosos montes de castaños e carballos; e Galician Rural Lab, propón unha plataforma de empoderamento das parroquias do rural galego a través do método da fotografía e o vídeo participativo. Tamén ven do rural A3 Proyectos, dedicada á representación virtual de proxectos de Enxeñaría e Arquitectura. Outras propostas con base teconolóxica son Kidcode, pero neste caso cun proxecto de formación científico-tecnolóxica para rapaces, enfocado a axudarlles a identificar os seus talentos e habilidades a través da tecnoloxía.  TICgal que dá soporte a unha aplicación opensource chamada GLPI; Nososono, un espazo online onde artistas, deseñadores emerxentes e artesáns expoñen, difunden e venden os seus produtos pensados e fabricados a man; Mundo Escénico, unha plataforma dixital creada co obxectivo de modernizar, democratizar e facer máis accesible o mundo das Artes Escénicas en Galicia; Koompany Growth Partner, unha consultora de crecemento, negocio dixital e marketing online; Revista Morcego, publicación dixital centrada exclusivamente en información sobre videoxogos en galego; Siente VR, unha productora de contidos inmersivos a través de fotografía e vídeo en 360º. 

 E como cada ano, tamén haberá espazo para curiosidades como a de Apelmatic, dedicada ao interesante e descoñecido mundo do marketing olfativo como ferramenta para conquistar público mediante os aromas, que ofrecerá os seus servizos durante o encontro.

 

Relación definitiva de participantes no Pont-Up Store 2019

Publicado en Prensa

O encontro de emprendemento máis importante de Galicia abre mañá o prazo de presentación de candidaturas para participar na súa 6ª edición. O Pont-Up Store 2019 reivindica ‘O impulso da xente valente’ como motor para emprender, e avanza entre os seus contidos unha romería creativa, un espazo dedicado ao emprendemento senior e múltiples iniciativas arredor da industria dos videoxogos.

 

Pontevedra, 29 de maio.- A partir de mañá xa será posible presentar candidaturas para participar na 6ª edición do Encontro de Emprendemento PONT-UP STORE que se celebrará os días 19, 20 e 21 de setembro na cidade de Pontevedra. Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades de demostrativas dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades galegas. Nesta edición contaremos con EDISA, Hifas da Terra, Roi Scroll e Casa Grande de Xanceda. Ao igual que o ano pasado, as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das persoas escoitantes. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades desde mañá 30 de maio ao 7 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 23 de xullo.

 

O impulso da xente Valente

A campaña deste ano quere poñer en valor o risco que asumen as persoas que deciden emprender para agradecerlles a valentía de apostar por unha idea, entregando o seu tempo e o seu esforzo para facer realidade proxectos que tantas veces contribúen a  mellorar a vida da nosa sociedade, e tamén a reequilibrar, a base de moito esforzo persoal, as eivas da economía global. A imaxe da campaña é obra da ilustradora galega Iria Prol.

 

Espazo Gaming. Emprendemento da man dos videoxogos

Este ano o Pont Up Store volve traer a Pontevedra un sector en crecemento en todo o mundo: a industria dos videoxogos. Máis espazos de exposición onde os visitantes poderán conversar con profesionais do sector, maior número de obradoiros de formación e charlas, e competicións de e-sports nas plataformas de máis éxito na actualidade, formarán parte desta edición do Espazo Gaming Pont-Up Store 2019. Pero aínda hai máis. Non so as actividades medran con respecto á edición anterior, este ano presentaremos o evento Pont-Up Hobbypont 2019 by Hobbycon. Videoxogos, animación, comics, xogos de mesa, .... todas as formas de expresión da cultura popular terán cabida nesta nova edición.

 

Emprendemento senior. Proxecto ‘Vulnerables’

Nesta edición o encontro dedicará un espazo a emprendementos liderados por persoas que xa cumpriron co seu ciclo laboral pero queren permanecer activos. Entre outras iniciativas presentarase o proxecto ‘Vulnerables’ liderado por Xaime Fandiño e destinado a fomentar o envellecemento activo e interxeracional, dando visibilidade ao coñecemento senior a través de actividades lúdicas, artísticas e empresariais nas que colaboran persoas de diferentes idades e xeracións: desde os 20 ata os 70 anos. O proxecto conta co respaldo da Universidade de Santiago de Compostela, e ten como mentor a Daniel Jiménez, fundador da plataforma de viaxes e experiencias Waynabox.

 

Ademais, no Espazo Fab Lab desenvolveranse obradoiros Stop Motion para nenas e nenos de 1 a 12 anos; e unha charla educativa para pais, nais, titores e titoras, sobre o uso das tecnoloxías nas xeracións nativas dixitais.

 

No Espazo de Economía Social e Creativa vaise organizar unha cata de ideas arredor do proxecto INTERREG VA-LACES; un mural de co-creación baseado nunha economía con valores sociais e responsables; e unha xuntanza de empresas culturais e creativas que traballan desde fórmulas de emprendemento social.

 

Tamén se convocarán, como cada ano, os encontros anuais de distintas entidades do ecosistema emprendedor como Espazocoop, A Redeira, AJE Galicia ou Mulleres Atlánticas.

 

Seis anos conectando emprendementos

Desde hai tres edicións o PONT-UP STORE conta oficialmente cunha Comunidade UP! que reúne a todas as persoas emprendedoras que van pasando polo encontro, tecendo unha gran rede galega de comunidades de colaboración e cooperación que traballan co obxectivo de sumar os seus talentos para mellorar e desenvolver iniciativas de emprendemento.

 

Nesta ocasión, o Espazo Tecendo Comunidades acollerá distintas actividades de networking e dinamización social entre as que figura unha Romería Creativa que presentará iniciativas da industria cultural (arte, entretemento, deseño, arquitectura, publicidade, gastronomía) e a economía do coñecemento (educación, investigación e desenvolvemento, alta tecnoloxía, informática, telecomunicacións, robótica, nanotecnoloxía, industria aeroespacial).

 

O Pont-Up Store está liderado polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Este ano, súmanse a este gran equipo Finsa, GADIS, AEMPE e a Secretaría Xeral de Igualdade.

 


Descarga de Fotos EDICIÓN 2019: http://pontupstore.com/web/gl/descargas/fotos

Descarga de Vídeos EDICIÓN 2019: http://pontupstore.com/web/gl/descargas/videos


Publicado en Prensa
Go to top