Blog

Elementos filtrados por fecha: Mércores, 11 Setembro 2019
Mércores, 11 Setembro 2019 21:06

SOMOSTERRA NO PONT-UP STORE 2019

1. Como nace SomosTerra? Que vos leva a emprender neste sector?

A alarmante situación de emerxencia climática trae consigo abundantes montañas de tristeza e frustración. Estes sentimentos poden chegar a ser paralizantes, profundamente dolorosos e incluso poden arrebatarnos todo ápice de esperanza. Porén, son precisamente estes sentimentos os causantes de que hoxe esteamos a falar sobre SomosTerra.

Raquel G. Villar e mais eu, Eva L. Quiroga, xuntámonos fai dous anos por compartir a mesma necesidade imperante: “facer algo polo planeta”. Con este obxectivo, presentámonos á convocatoria da preincubadora de negocios da Universidade de Vigo en xaneiro do 2018, e coa nosa idea de negocio, resultamos gañadoras. Así comezou a viaxe de ser emprendedoras, esa viaxe na que continuamos inmersas con absoluta paixón.

Tras facer máis de sete saltos entre diferentes ideas de negocios, procesos de validacións e sobre todo, moitísimas aprendizaxes, chegamos a consolidar o modelo de negocio que hoxe en día da forma a SomosTerra.

2. Que é SomosTerra? Quen está detrás deste proxecto?

SomosTerra é unha semente para a sostibilidade, un espazo para compartir inquietudes e coñecementos, unha invitación para comprender que o coidado da natureza empeza polo coidado dunha mesma. En xaneiro de 2019, tivemos a oportunidade de participar no programa de emprendemento ES-CONECTA (unha aceleradora de economía social dentro do proxecto POCTEP-LACES) que nos permitiu profundar no modelo de negocio e concretar o proceso de consolidación de SomosTerra.

Así foi como SomosTerra pasou a ser unha sociedade cooperativa xuvenil. O equipo promotor está formado por dúas biólogas: Raquel Gómez Villar, cuxa actividade profesional dentro da cooperativa defínese como monitora, formadora e divulgadora, e Eva López Quiroga, como xestora do desenvolvemento sostible, divulgadora e formadora.

SomosTerra ten como misión a consultoría ambiental e de formación que, a través de actividades, obradoiros e programas, busca educar, sensibilizar e implicar aos diferentes axentes da sociedade co obxectivo común de fomentar a sostibilidade no territorio. Unha das principais fórmulas que empregamos consiste na implantación da Axenda 2030 conectando a motivación das persoas coa acción por un mundo mellor a través da aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) propostos pola ONU.

Isto é posible grazas a actividade empresarial de SomosTerra, que constantemente se enfoca en contribuír no desenvolvemento local mediante a cohesión social, a cooperación e a creación de canles de comunicación entre os diferentes colectivos sociais nos que a sostibilidade é a medula espiñal.

3. Contádenos un pouco máis sobre as vosas tres liñas de servizo. Que tipo de actividades levadas a cabo?

Con SomosTerra ofertamos formación en sostibilidade (cursos, xornadas e/ou programas educativos) e asesoramento en desenvolvemento sostible (elaboración de proxectos, plans de acción, etc.). Ademais, propoñemos o servizo de divulgación científica para contribuír á xeración de cultura científica na sociedade e promover a adaptación da sociedade para os inminentes escenarios de incerteza climática. Esta divulgación está alienada co fomento e aplicación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) propostos na Axenda 2030.

Nas actividades levadas a cabo nas tres liñas de negocio, abórdanse os aspectos teóricos (crisis ecolóxica e social, sostibilidade, Axenda 2030, ODS, etc.) e os metodolóxicos (dinámicas cooperativas, actividades no ámbito local, etc.) co obxectivo de fomentar a sostibilidade no territorio sen perder de vista a visión global. Por este motivo, dende SomosTerra aportamos ferramentas para aplicación e actuación en materia de desenvolvemento sostible de forma local, actuando como ponte entre actuacións concretas no territorio galego e as iniciativas internacionais (como é o caso da Axenda 2030).

A metodoloxía aplicada nos servizos de SomosTerra favorece o traballo interdisciplinario e de carácter transversal, involucrando ao público obxectivo na posta en práctica da sostibilidade na súa rutina diaria mediante o fomento do pensamento crítico, a cooperación, a creatividade e a implicación na transición social e ecolóxica global.

4. En que punto se atopa a vosa empresa? Cales son para vos os próximos pasos a seguir?

Actualmente estamos no trámite final do proceso de consolidación. A constitución da cooperativa xuvenil está programada para setembro de este mesmo ano. As nosas liñas de negocio están definidas e foron realizados os correspondentes procesos de validación. A partir de setembro, estaremos traballando dende unha oficina no Parque Empresarial Porto do Molle (Nigrán) como consecuencia de seren gañadoras do premio INCUVI- AVANZA da Universidade de Vigo.

Ademais, estamos elaborando un programa formativo personalizado para o noso primeiro cliente. Este servizo será ofertado a partir de outubro de 2019.

5. Como coñecestedes o Pont-Up Store? Que vos levou a presentar unha candidatura para o Puntazo Exprés?

O ano pasado unha das promotoras de SomosTerra asistiu como visitante ao Pont-Up Store e así foi como coñecemos este evento.

No Puntazo Exprés vimos unha oportunidade para dar a coñecer a SomosTerra. A empresa está en proceso de constitución, polo tanto, consideramos moi enriquecedora a participación en eventos con outras persoas empresarias e emprendedoras para aprender, compartir e crecer a través do diálogo e a posta en común.

Ademais, coa presentación do noso proxecto gustaríanos invitar ao resto de participantes á reflexión sobre a importancia e os beneficios de ter en conta a sostibilidade dentro do plan empresarial. Do mesmo xeito, esperamos empaparnos das perspectivas e os puntos de vista dos demais asistentes.

6. Por último, un consello para todos aqueles emprendedores que coma vos están comezando cun proxecto ou decidíndose a emprender.

Emprender e aprender son dous conceptos profundamente vinculantes. Cando comezamos no noso camiño de emprendemento, descoñecíamos o significado de “emprender” mais estabamos repletas de gañas de aprender. Por este motivo, o principal consello que podemos ofrecer é este: para emprender o ingrediente esencial é a paixón por aprender.

Por unha parte, está a aprendizaxe “técnica”, necesaria para coñecer as fórmulas empresariais, as metodoloxías para validar as ideas de negocio, profundar nos mundos da estratexia empresarial, o márketing, a imaxe corporativa, a presencia nas redes sociais, e a lista continúa. Esta experiencia require moito traballo e tempo de dedicación, mais sempre se alimenta coa paixón que brota ao sentir o avance da túa idea de negocio.

Por outra parte, está a aprendizaxe “emocional”. Precisamente, para nós, o segundo ingrediente para emprender, é ter atención consciente e constante ás emocións que van brotando no proceso de emprendemento. Cando te embarcas na viaxe de ser emprendedora, estás tomando a decisión de ser (xunto co teu equipo, no caso de houber) as responsables do rumbo a seguir con cada decisión que aparece no camiño. Este punto é delicado, xa que require claridade emocional. É por iso que emprender tamén trae consigo unha enorme aprendizaxe emocional: a invitación á escoita interna que desemboca na fermosa oportunidade de coñecerse a unha mesma. Esta aprendizaxe multiplícase no caso de emprender en equipo, xa que o proceso de creación colectiva alimenta moitísimas oportunidades para enriquecer a nosa empatía.

Polo tanto, como conclusión, queridas e queridos emprendedores, a escoitar e aprender! Neste bucle de acción, o amor polo que facedes non deixará de medrar.

Publicado en Blogue
Mércores, 11 Setembro 2019 17:58

Mundo Escénico no Pont-Up

Mundo Escénico é unha comunidade aberta das Artes Escénicas en Galicia que busca conectar ós diferentes axentes no ámbito do teatro, a música, a danza e o folclore. Hoxe, acompáñannos no blog para falarnos máis do seu proxecto e do seu palo polo Puntazo Exprés na próxima edición do evento.  

 

 

Que é Mundo Escénico? 

Mundo Escénico é unha comunidade aberta das Artes Escénicas en Galicia que se apoia nas novas tecnoloxías para proporcionar ferramentas dixitais e sociais que permitan conectar ós diferentes axentes no ámbito do teatro, a música, a danza e o folclore. Así, os espectadores, artistas, grupos, compañías, bandas, os profesionais do sector (directoras, coreógrafos, escenógrafas…) e os xestores culturais dispoñen dun lugar onde poder difundir e compartir experiencias, intercambiar opinións, conectar con profesionais, establecer sinerxias e facer seguemento da actividade escénica galega. 

 

Quen está detrás deste proxecto?

O promotor desta iniciativa son eu, chámome Daniel Amós, e son un Enxeñeiro de Telecomunicacións ó que sempre lle apaixonou o mundo das Artes Escénicas. Por ese motivo decidín embarcarme nesta aventura na que afortunadamente contei co apoio do programa de emprendemento Go2Work organizado pola Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial, que me proporcionou formación e asesoramento durante 5 meses para arrancar co proxecto.

 

Que ten que facer un artista para formar parte da vosa comunidade?

Os artistas, da mesma forma que os espectadores, os profesionais do sector e os xestores culturais, pódense rexistrar gratuitamente na web: https://mundoescenico.gal onde poden escoller o tipo de perfil que teñen para darse a coñecer na comunidade. Unha vez rexistrados xa poden interactuar como membros e ademáis os artistas que formen parte dun grupo, unha compañía ou unha banda poden solicitar creala e administrala dentro do directorio de grupos que existe na plataforma. Así poden dar a coñecer tanto o grupo como os seus espectáculos.

 

Como se xestionan os eventos en Mundo Escénico?

Mundo Escénico conta cunha axenda cultural aberta na que todos os membros poden publicar eventos. Trátase dunha ferramenta que pretende centralizar a divulgación de todo tipo de eventos vinculados ás Artes Escénicas en Galicia. Desta forma os espectadores poden consultar sempre nun mesmo lugar a oferta de espectáculos que hai dispoñibles preto da súa localización.

 

Cales son os ámbitos no que hai máis actividade dentro da comunidade?

A comunidade conta actualmente cunha base de datos de 2000 grupos dos que un 50% son de música, un 22% de teatro e un 25% folclóricos. Dos preto de 100 membros xa rexistrados a metade son principalmente dos ámbitos teatral e musical e aproximadamente un 25% pertencen ó folclore e a danza.

Comunidade para artistas 

Como nace Mundo Escénico? Que vos leva a emprender neste sector?

Sempre estiven en contacto con diferentes ámbitos do mundo escénico, por exemplo estiven uns anos nun grupo folclórico de baile tradicional galego e tamén fixen moito teatro e incluso fundei, xunto con outros socios, un grupo de teatro no que actuei e dirixín varias obras. Este coñecemento do eido escénico, sumado a miña formación tecnolóxica, fixéronme ver que se podían achegar as novas tecnoloxías a un sector en xeral pouco modernizado desde o punto de vista da comunicación, difusión e socialización, que se apoia principalmente en redes sociais xenéricas (ao non existir redes específicas das Artes Escénicas) como poden ser Facebook ou Instagram. Mundo Escénico nace así como a primeira comunidade en liña das Artes Escénicas en Galicia co obxectivo modernizar, democratizar e facer máis accesible a actividade escénica nesta comunidade.

 

En que punto se atopa a vosa empresa? 

A plataforma web de Mundo Escénico xa está accesible en https://mundoescenico.gal e conta cunha Axenda Cultural, un Directorio de grupos e espectáculos, unha Rede Social para conectar ós usuarios, un Blog de difusión e un espazo chamado Ágora que recolle a oferta e demanda de servizos profesionais a ofrecer nun futuro próximo. Actualmente estase a levar a cabo unha campaña de difusión para dar a coñecer a comunidade e conseguir así que vaia medrando.

 

Cales son para vos os próximos pasos a seguir?

Unha vez se consolide a comunidade a idea é ofrecer servizos de valor engadido para os seus membros. Estos servizos serán os que demanden os propios usuarios e Mundo Escénico encargarase de xestionar a oferta e demanda dos mesmos. Falamos por exemplo de formacións, talleres, e tamén de servizos profesionais a demanda, tales como dirección, coreografía, escenografía, vestiario ou maquillaxe. Pero tamén poden ser comunicación, produción, asesoramento na programación cultural ou incluso xestión de castings. Mundo Escénico adaptarase sempre ó que a comunidade necesite.

 

Como coñecestes o Pont-Up Store?

Pois algúns compañeiros do programa de emprendemento xa o coñecían de outras edicións e o comentaron cando saíu a convocatoria para quen lle puidera interesar. A min pareceume moi interesante participar nun evento así enfocado a emprendedores.

 

Por que decidistes apostar polo Puntazo Exprés?

Pola natureza dixital do proxecto, creo que o formato de presentación de 5 minutos é o máis axeitado para dar a coñecer á xente interesada en que consiste a comunidade e como se pode formar parte dela.

Publicado en Blogue
Go to top