MICRO PUNTAZO EXPRÉS

PARA NOVOS EMPRENDEMENTOS CREATIVOS NO CULTURGAL

 



VENRES 29 DE NOVEMBRO DE 2019  (18:00 a 19:30h)   -   CULTURGAL 

QUE É?

Micro Puntazo Exprés é unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra que se vai celebrar o venres 29 de novembro de 2019 durante o Culturgal, e enmárcase na experiencia do Puntazo Exprés (Pontevedra ten un puntazo) nas diferentes edicións do Pont-Up Store: Espazo de emprendemento, promovido polo Campus CREA S2i da Universidade de Vigo, poñendo o foco nun sector económico concreto.

A finalidade deste Micro Puntazo Exprés para novos emprendementos creativos é facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e representantes de empresas e entidades galegas conectadas da economía creativa e xa consolidadas a través da presentación de 5 proxectos de novo emprendemento, cun formato dinámico e áxil.

Se tes un emprendemento que sexa innovador e creativo, anímate e achega a túa candidatura!

Podes solicitar +info en puntazoexpres@pontupstore.com

 

  

 

 Consulta a relación de participantes seleccionados no seguinte documento

 

 

COMO FUNCIONA?

Cada unha das candidaturas seleccionadas deberá presentar o seu proxecto en 5 minutos a un comité de “escoitantes” composto por tres/catro persoas. A presentación será pública e ao remate de cada intervención haberá dous minutos de réplica por parte de cada unha das persoas que compoñen o comité.

Ao final da dinámica haberá un espazo para debatir e comentar de xeito máis relaxado os proxectos.

 

 

QUEN PODE PARTICIPAR?

Pode participar no Micro Puntazo Exprés calquera persoa maior de idade que teña un emprendemento que sexa innovador, creativo e enmarcado no sector da economía creativa  que leve en funcionamento menos de 3,5 anos (42 meses) ou un proxecto en fase moi avanzada de desenvolvemento con prototipos de produtos/servizos e expectativas reais de lanzamento a curto prazo.

Poden participar entidades, empresas, asociacións ou colectivos sempre que se designe a unha persoa representante que será a encargada da presentación do proxecto.

Dentro da economía creativa priorizaranse emprendementos das actividades nas que Culturgal centra fundamentalmente o seu ámbito (arte, editoriais, audiovisual, artes escénicas, deseño, publicidade, novas tecnoloxías relacionadas, entre outras).

 

COMO PARTICIPAR?

É  preciso presentar unha proposta a través do formulario de inscrición que atoparás nesta web. Neste formulario solicitarase información básica da persoa responsable do emprendemento e un breve resumo do mesmo.

O prazo para a presentación de solicitudes será do día  21 de outubro ao 10 de novembro  (21 días naturais), ambos incluidos.

 

 

PROCESO DE SELECCIÓN

Unha vez recibidas as propostas, a organización e representantes das entidades impulsoras e patrocinadoras seleccionarán un máximo de cinco, para o que se baseará en criterios como:

Orixinalidade, innovación e creatividade do proxecto

Sostibilidade

Claridade e concreción

Potencial impacto económico ou social, empregabilidade.

Capacidade de desenvolvemento futuro

 

Neste sentido, valorarase que os proxectos teñan un elevado compoñente creativo e artístico, pero tamén terán cabida elementos como tradición, a preocupación pola calidade e a sostibilidade.

Os proxectos seleccionados publicaranse en  https://pontupstore.com/web/gl/participa/micro-puntazo-expres a partir do 13 de novembro.

A organización poñerase en contacto coas persoas representantes das propostas seleccionadas para pechar aspectos loxísticos e organizativos.

  

 

Lembra que esta é unha oportunidade única de presentar propostas empresariais, creativas e innovadoras a potentes interlocutoras do tecido cultural e creativo.

Anímate a enviar a túa candidatura!

 

Podes solicitar máis info en puntazoexpres@pontupstore.com

 

RELACIÓN DE ESCOITANTES -En actualización- 


 

Ana Olveira Blanco, Presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop e Socia de Abeluria S. Cooperativa Galega.

Espazocoop Abeluria

Diplomada en Relacións Laborais con mestrado en xestión e dirección laboral adícase á consultoría e investigación en economía social na cooperativa Abeluria da que é socia. É técnica da Rede Eusumo de fomento do cooperativismo e a economía social, na que acompaña procesos de emprendemento. No eido académico é doutoranda na Universidade de Santiago onde pertence ao grupo de investigación de Dirección estratéxica, dirección de persoas e dirección comercial ademais de ser investigadora asociada ao Centro de Estudos Cooperativos. É membro do Comité organizador do Pont-Up Store dende 2016.

 

 

 

Julio Gómez, Co-Director do Festival Sinsal.

Sinsal

Historiador, crítico musical e investigador sonoro de formación; programador, xestor cultural e técnico superior en prevención de riscos laborais e producción cultural como actividades profesionais. Iniciou a súa relación coa música a finais dos anos 80, exercendo de crítico musical en diversos medios de comunicación. Ademáis de programador musical, é fundador da promotora e tenda de discos  Sinsalaudio que, dende o ano 2003, realiza o Festival Sinsal, especializado en propostas musicais inéditas en Galicia.  Colabora en numerosas programacións e proxectos culturais relacionados co patrimonio material e inmaterial, como "Música en Branco, memoria dunha cidade" e o ciclo "Monumenta, andar con arte". Dende o 2005, colabora no proxecto de paisaxe sonoro escoitar.org co que realizou, entre outros, o proxecto europeo de paisaxe acústico European Acoustic Heritage. Participa en varios showcases internacionais, congresos profesionais o encontros de xestión cultural a nivel internacional. 

 

 

 

María Teresa Cores Fernández, Coordinadora de Área de Cultura de Afundación.

Afundacion

Como coordinadora de cultura de Afundación é a responsable de dirixir ao equipo de profesionais que desenvolven as diferentes liñas de programación cultural da entidade: a actividade expositiva nas sete principais cidades galegas e outras localidades, actividade escénico musical, oferta educativa extracurricular aos centros escolares de toda Galicia así como a xestión e divulgación dunha colección de arte que conta con máis de 5.000 pezas, entre outras accións de gran alcance e impacto. Na súa traxectoria profesional viviu en primeira persoa a experiencia do emprendemento.


 

 

 
Form not found or is not published

Powered by ChronoForms - ChronoEngine.com

Go to top