Puntazo Exprés

 

Un ano máis, o Concello de Pontevedra promove dous espazos de encontro específicos na tarde do venres 20 de setembro de 2019 no marco do Pont Up Store.

PUNTAZO EXPRÉS:

explica en 5 minutos o teu emprendemento.
19.00h Oportunidade de presentar en 5 minutos emprendementos en funcionamento a 4 representantes de entidades/empresas galegas de renome.

Viño aberto a participantes no Pont Up Store 2019 na Casa da Luz:

21h Espazo informal de networking.

Se tes un emprendemento que sexa innovador e creativo, anímate e achega a túa candidatura!

Podes solicitar +info en puntazoexpres@pontupstore.com








Que é Puntazo Exprés?

Puntazo Exprés: explica en 5 min o teu emprendemento é unha iniciativa promovida pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra que se vai celebrar o venres 20 de setembro de 2019 durante o Pont Up Store, e enmárcase dentro do proxecto “Pontevedra ten un puntazo” deseñado e promovido por devandita concellaría.

A finalidade deste Puntazo Exprés é facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e representantes de empresas e entidades galegas xa consolidadas a través da presentación de 10 proxectos de novo emprendemento, cun formato dinámico e áxil.

Cada unha das candidaturas seleccionadas deberá presentar o seu proxecto en 5 minutos a un comité de “escoitantes” composto por catro persoas. Como novidade, este ano a presentación será pública e ao remate haberá dous minutos de réplica por parte das persoas que compoñen o comité.

 

Quen pode participar?

Pode participar no Puntazo-Exprés calquera persoa maior de idade que teña un emprendemento que sexa innovador e creativo, en funcionamento, con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a súa creación ou un proxecto en fase moi avanzada de desenvolvemento con prototipos de produtos/servizos e expectativas reais de lanzamento a curto prazo.

Poden participar entidades, empresas, asociacións ou colectivos sempre que se designe a unha persoa representante que será a encargada da presentación do proxecto.

 

Como participar?

Para participar no Puntazo-Exprés é preciso presentar unha proposta de participación, a través do formulario de inscrición que atoparás en pontupstore.com. Neste formulario solicitarase información básica da persoa responsable do emprendemento e un breve resumo do mesmo.

 

Proceso de selección

Unha vez recibidas as propostas, a organización seleccionará un máximo de dez, para o que se baseará en criterios como:

Orixinalidade, innovación e creatividade do proxecto.
Valor social do proxecto.
Sostibilidade.
Claridade e concreción.
Potencial impacto económico ou social.
Capacidade de desenvolvemento futuro

A organización poñerase en contacto coas persoas representantes das propostas seleccionadas para pechar aspectos loxísticos e organizativos.

 

Como se presentan os emprendementos?

As persoas responsables dos proxectos farán unha presentación pública de cinco minutos ao comité de “escoitantes” composto por 4 persoas representantes de distintas empresas e entidades galegas de renome.

 

Prazos

As solicitudes deberán ser presentadas a través do formulario en liña que atoparás en pontupstore.com entre os días 30 de maio e 7 de xullo de 2019. Podes solicitar máis info en puntazoexpres@pontupstore.com

 

Quen vai escoitar os emprendementos?

En breve iremos colgando información sobre as 4 persoas que este ano compoñen o comité de escoitantes.

Anímate a enviar a túa candidatura!

 

 
 

RELACIÓN DE ESCOITANTES -En actualización-

 

Uxía Fontán Lago, Social Media & Inbound Marketing Director en Roi Scroll

Roi Scroll

Licenciada en Administración e Dirección de empresas pola Universidade de Vigo, na súa carreira profesional desempeñou diversos postos relacionados coa xestión empresarial, ben sexa como consultora, como responsable de administración nunha peme do sector naval ou enfocada na mellora continua dos procesos da empresa. Pero é a área de Marketing a que conquistou definitivamente. Hoxe en día desempeña o posto de Social Media e Inbound Marketing Director na axencia galega de márketing dixital Roi Scroll, que en 2016 foi recoñecida como a “axencia máis eficiente de Europa” no Smile Festival e o ano pasado entrou na clasificación das 100 axencias máis destacadas de España elaborado polo Publicista.

 

Carlos Suárez Rey, Socio e Director Xeral de EDISA

Edisa

Doutor Enxeñeiro Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid. Executive MBA e PAD por IESIDE. Programa “Management Research” Universidade de Harvard. Profesor na IESIDE en programas de grado e postgrado dende 1993. Profesor en programas de postgrado da Univ. Politécnica de Madrid dende 1995. Autor de máis de 10 libros e publicacións sobre os Sistemas e a Sociedade da Información. Socio e Director Xeral de EDISA dende 1993 ata a actualidade

 

Jessica Rey Gómez , Responsable de marketing en Casa Grande de Xanceda

Casa grande de xanceda

Responsable do departamento de márketing e responsabilidade social de Casa Grande de Xanceda, unha granxa ecolóxica situada no interior da provincia da Coruña, que coida a 380 vacas "muUuy" felices e elabora produtos lácteos ecolóxicos de altísima calidade. Sen perder a esencia da granxa e do rural, con recursos limitados e desde un sector competitivo como o leiteiro, Jessica puxo en marcha iniciativas con repercusión a nivel nacional e internacional. É licenciada en Comunicación Audiovisual, cun Máster en Marketing Dixital (ESIC), e unha gran defensora do medio ambiente e dos animais

 

Tomás Casquero Cimadevila, Director Xeral da biotecnolóxica galega Hifas da Terra.

Hifas da Terra

Licenciado en dereito pola Universidade de Navarra, Diplomado en dereito internacional e comparado pola Universidade de Amsterdam e Master en Economía e Dirección de Empresas ( MBA) polo Instituto de Estudos Superiores da Empresa (IESE). En 2006 foi nomeado Director Xeral de ACLUNAGA, onde asumiu a representación da industria naval galega e española. Durante 3 anos desempeñou a presidencia da mesa de diálogo social europeo. Desde setembro de 2014 é o Director Xeral da biotecnolóxica galega Hifas da Terra.

 
 

Form not found or is not published

Powered by ChronoForms - ChronoEngine.com

Go to top