1. En que centrades a vosa actividade?
A nosa actividade céntrase no mar e basease en tres principios fundamentais; a investigación, fonte de coñecemento; a explotación e aplicación dese coñecemento para optimizar e asegurar o futuro dos nosos mares e a divulgación e formación, un pé moi importante para concienciar, sobre todo ás novas xeracións.
2. A quen está enfocada a vosa cooperativa?
Principalmente traballamos con empresas do sector da pesca e acuicultura (atuneiras, bateeiros, mariscadoras, etc) pero tamén colaboramos con universidades, os centros tecnolóxicos, colexios e ONGs nos campos da sustentabilidade e o cambio climático.
3. Como é un día en Mareira Bizi? Que tipo de proxectos levades a cabo?
Agora mesmo estamos levando a cabo un proxecto moi interesante cunha empresa atuneira para que poidan certificarse co selo de pesca sostible. Estamos a colaborar tamén cun par de centros tecnolóxicos no fomento da sustentabilidade da pesca no cantábrico noroeste. E como non, temos proxectos de divulgación científica; fixemos dous libros infantís (en galego e euskera); materiais de formación para bacharelato; un vídeo para os profesionais da pesca do atún… O noso primeiro proxecto, ao que lle temos moito cariño, foi dar consello científico a unha cadena produtora para facer unha serie sobre o impacto do cambio climático no País Vasco e que se emitiu na televisión pública.
Podemos dicir que cada día cumprimos os tres principios básicos da cooperativa, investigar, aplicar e divulgar, e nunca deixamos de aprender cousas novas, algo que nos encanta.
4. Quen está detrás deste proxecto?
Somos dúas mozas de trinta anos con moitas ganas de aplicar o coñecemento xerado nas universidades á vida real. Por un lado está Iratxe, que traballa principalmente no País Vasco, ela é doutora en ciencias mariñas e adaptación da actividade pesqueira ao cambio climático. Por outro está Elena, que traballa en Galicia, oceanógrafa e experta na resiliencia do sector pesqueiro ao cambio climático.
5. Limos por ahí que vos coñecedes dende a Universidade. Que vos leva a lanzar Mareira Bizi? Como xorde este proxecto?
Principalmente xorde da necesidade de aplicar todo o coñecemento que estabamos a desenvolver na universidade á vida real antes de que fose tarde. O cambio climático xa é evidente, e palabras como sustentabilidade ou resiliencia forman parte xa do noso vocábulo, pero aínda non se sabe moi ben como abordar este problema. Penso que nos sentimos un pouco na obriga de dar o paso para traballar man a man co sector da pesca nesta problemática.
6.Por que Mareira Bizi? Cal é a orixe deste nome tan peculiar?
Como somos unha cooperativa fundada por unha socia galega e outra vasca, decidimos reflexar iso no nome. Por un lado “Mareira” ten un significado para certos pobos mariñeiros dunha marea forte, ou vento favorable para navegar. Por outro lado, “Bizi” significa “viva” en euskera, unha palabra que representa a Mareira Bizi como proxecto activo na súa labor de promover la sustentabilidade. A unión de ambos conceptos crea a metáfora que define un proxecto vivo e que está a nacer con forza. Un pequeno guiño aos nosos orixes.
7. En que punto se atopa agora o proxecto?
Despois dun ano de actividade, estamos consolidando algúns proxectos, pero tamén estamos a elaborar e a participar noutros novos que chegan con forza de campos como pode ser ás enerxías mariñas renovables.
8. Cales son os seguintes pasos a seguir?
Consolidarnos como cooperativa pioneira na transferencia e aplicación do coñecemento científico-técnico para promover un océano sustentable e una sociedade resiliente ao cambio climático.
9. Como modalidade de participación dentro do Pont-Up Store elixistedes o Pont-Up Exprés. Por qué elixistedes esta modalidade? Que esperades do voso paso polo evento?
Cremos que é a modalidade que mais se adapta ao noso tipo de proxecto, onde podemos explicar un pouquiño que é o que facemos, e coñecer a outras empresas que poidan estar aliñadas coa nosa filosofía e coas que poidamos colaborar.
10. E xa para finalizar. Un consello. Cal credes que é agora a prioridade para comezar a traballar en mellorar a saúde dos Océanos para unha empresa?
Entre as prioridades dunha empresa de calquera sector debería estar o respecto pola saúde do planeta, causando mínimo impacto tanto nos océanos como na atmosfera e na terra, e dende Mareira Bizi podemos dar unha resposta mais personalizada a mellora da saúde do océano, tendo en conta as particularidades de cada empresa e do sector marítimo-pesqueiro. Estamos aquí para axudar dende o coñecemento e a experiencia.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!