Blog

JueAgo08

A verdade é que xerar o teu propio proxecto laboral é un camiño apaixonante. Cando se fai, como é o noso caso, no marco da economía social e solidaria, a cooperación e os procesos de creación colaborativos substitúen ao individualismo e á competitividade. O colectivo dá sostén ao proxecto e nunca estás soa.

Con todo, alén de emocionante e apoderador, emprender é difícil, especialmente se es muller e queres levar adiante unha iniciativa desde o feminismo. En primeiro lugar, porque tes que enfrontar a case total falta de referentes. Nestes tempos nos que imperan os tan recorrentes lemas neoliberais do Do It Yourself!, os grandes exemplos de emprendemento continúan a ser Steve Jobs, Bill Gates e Amancio Ortega. Uns modelos que, ademais de masculinos, responden a unha determinada lóxica.

Desde o discurso do emprendemento véndesenos constantemente un esquema de éxito baseado na maximización de beneficios e a acumulación de capital, no que o status individual está vinculado a nosa capacidade de consumo e no que se nos penaliza se os nosos tempos non son absolutamente produtivos e multidisciplinares... Como se todas partísemos dun mesmo punto, con igualdade de oportunidades, e o único elemento diferenciador fose a actitude e o esforzo.
Porén, diversos estudos e a propia experiencia demostran que emprender sendo muller é máis difícil. As dificultades de acceso ao financiamento, a presión social, as autocreenzas limitadoras, a maternidade ou a dobre xornada laboral, son só algunhas das dificultades ás que nos temos que enfrontar as que decidimos, voluntariamente ou pola falla de oportunidades, iniciar o camiño da creación do noso propio posto de traballo.

Que sucede se, ademais, non te sintes identificada co emprendemento mainstream e valoras o éxito dun xeito moi diferente ao modelo neoliberal? Que acontece se o que queres é crear un posto de traballo diferente? Nese caso, o reto engadido é construír desde a busca de modelos alternativos, rebelándote fronte ao que che contan nos centros de orientación laboral.

Así o fixemos en 7H Cooperativa Cultural, un proxecto de autoemprego colectivo baseado na economía social e solidaria no que apostamos pola fórmula cooperativa por tratarse dun modelo de xestión empresarial centrado nas persoas e na comunidade. Isto é, un modelo que aposta pola repartición xusta e equitativa de ingresos, que cree no consumo responsable e que procura pór o énfase nas tarefas dirixidas aos coidados da vida, á súa valoración e á súa visibilización.

Se estás iniciando un proxecto en solitario, tes que saber que hai alternativas, que existe unha economía feminista que quere mudar as desigualdades que rexen as regras do sistema, que existe unha economía social e unha economía solidaria na que prima a cooperación fronte a competencia. É neste contexto onde podes atopar aliadas que te acompañen no camiño e que te lembren, se é que o esqueces, que ademais de coidar o teu propio proxecto, tamén te tes que coidar a ti mesma. O Pont Up pode ser un espazo ideal para atopalas!

Por Clara R. Cordeiro, socia fundadora de 7H Cooperativa Cultural, participantes no Pont Up 2015 e membros do comité organizador desde o 2016.

LunSep17

Mulleres Atlânticas, a comunidade de emprendedoras que une a mulleres galegas e portuguesas con sal nas veas.

MulleresAtlánticas

Como consecuencia da gran mobilización feminista do 8 de marzo, e tras detectar que Galicia é a comunidade coa maior porcentaxe de mulleres autónomas de España, o 1 de xuño de 2018 naceu unha nova comunidade de mulleres emprendedoras en Galicia. Unha comunidade que une e promove as sinerxías e a xeración de negocio entre mulleres galegas e portuguesas: Mulleres Atlânticas.

Promovida por dúas emprendedoras, Gabi Otero e María Gómez (Vigo e Ourense), a iniciativa Mulleres Atlânticas ten como obxectivos principais empoderar e visibilizar ás mulleres emprendedoras galegas e portuguesas, destacando a calidade dos seus produtos e marcas, e poñendo en valor o talento feminino presente no noroeste da Península Ibérica.

As actividades principais da comunidade centraranse no desenvolvemento e creación de eventos de conexión onde compartir, aprender e dar visibilidade aos proxectos emprendedores levados a cabo por mulleres galegas e portuguesas.

Para formar parte da comunidade, as mulleres emprendedoras e empresarias, contan con 3 posibilidades: formar parte do equipo, ou a Tripulación; colaborar activamente na realización de actividades formativas e eventos; ou facerse membro da comunidade a través das membresías Atlânticas que teñen asociadas diferentes vantaxes.

A comunidade Mulleres Atlânticas estará presente nesta edición do Pont-Up, onde poderás informarte das futuras actividades que teñen entre mans, saber máis do proxecto, e mesmo unirte a comunidade.

 

MarAgo21

Hoxe, como invitada do blogue contamos con Carmen. 

Carmen dirixe Periféricas, unha escola de feminismos alternativos e, ademais, acompañaranos na nova edición do Pont Up Store o vindeiro Setembro dende o stand 28.

Non sabedes ben de que vai isto das escolas de feminismos alternativos? Estades interesados ou interesadas no emprendemento en feminino? Prestade atención! 

 

Como directora dunha escola de feminismos alternativos, a pregunta que máis me repiten cando conto a que me dedico é: pódese vivir dalgo así?  A miúdo, cuestión precedida dun: que é exactamente iso?

Trátase nos tres casos de dúbidas fundamentadas: ao fin e ao cabo, e tras o nacemento de PeriFéricas no 2016 (www.perifericas.es), seguen a ser escasos os centros online que teñan o feminismo como eixo de traballo fundamental, e en Galicia, a dispersión que segue caracterizando ao movemento e a precariedade de boa parte das mulleres que nel traballamos acostuma ser o habitual. Así que, vaiamos por partes…

 

Que é iso dunha “escola de feminismos alternativos”?

O feminismo semella estar de moda: nas tendencias indumentarias, nas tertulias, nos medios de comunicación… E, sen embargo, segue habendo multitude de cuestións que quedan fóra do debate en institucións ou universidades, dende os coidados ata a saúde feminina, pasando pola situación de mulleres que non pertencen aos grupos maioritarios na nosa sociedade, como musulmás, xitanas, latinas…  A construcción do coñecemento dende un parámetro que ten como modelo ás mulleres brancas, de clase media e urbanas deixa fóra da ecuación a moitas outras. Tamén, como alumnas, quedan fóra aquelas estudantes sen título universitario que non obstante desexan formarse no ámbito feminista. Da constatación de todas estas carencias naceu PeriFéricas no ano 2016, como unha tentativa de ofrecer unha formación de calidade, impartida por doutoras ou investigadoras, a todo tipo de públicos, sen requisitos formativos previos e a un prezo asequible, a partires dos 50 euros. Trátase de achegar os estudos feministas, dunha forma asequible e fundamentada, a calquera persoa con interese neste tipo de cuestión.

 

Por que o nome de PeriFéricas?: unha escola con vocación internacional e raíz fondamente galega

Temos alumnas de diversos lugares do mundo, pero non esquecemos as nosas orixes. O noso propio nome, PeriFéricas, parte da idea de moverse nas marxes dos movementos de mulleres maioritarios, pero tamén xorde do territorio do que vimos, Galicia, secularmente excluído dos centros de decisión e actualmente aínda pouco presente nas aproximacións ao feminismo dentro do conxunto do Estado español. A situación, afortunadamente, vai cambiando, e dende PeriFéricas queremos poñer o noso graniño de area para que así sexa, para que Galicia apareza pouco a pouco no mapa do feminismo español. Por iso, ademais dos nosos cursos online participamos en eventos como este Pont-Up Store, organizamos o ano pasado un evento presencial de conferencias, arte e emprendemento en Santiago (que este ano temos previsto repetir na Coruña), facemos charlas en centros de ensino da nosa comunidade ou promovemos unha liña de camisetas, “Poderosas”, no que as avoas labregas son as protagonistas. Porque se pode ser orgullosamente internacionais e orgullosamente galegas: porque as periferias teñen a súa propia idiosincrasia e porque estamos convencidas de que molan.

 

Como é iso de emprender en feminino?

Emprender en feminino, no meu caso, é facelo ademais dende o convencemento de que a perspectiva de xénero debe vertebrar todo o traballo de PeriFéricas. A nosa plantilla está composta enteiramente por mulleres e as nosas actividades téñenas como principais receptoras. No meu caso, e dado que traballo como freelance, as dificultades de conciliación non son un problema na miña vida cotiá, pero si se botan en falta máis axudas específicas que contribúan a impulsar o emprendemento feminino. Do mesmo xeito, as elevadas cotas mensuais do réxime de autónomos fan moito máis costa arriba un traballo, o das emprendedoras, que en ocasións resulta solitario e no que as decisión a miúdo se toman dende a incertidume de cal será o resultado, sen a certeza dun salario fixo a finais de mes. Axuda, sen dúbida, o estar rodeada dun equipo marabilloso de mulleres comprometidas que, coma min, temos a inmensa sorte de poder facer coincidir traballo e paixón.

 

www.carmenvvalina.es   // https://perifericas.es/ 

Escolas Periféricas logo

Volver